Estase a rehabilitar o firme nas estradas LU-153 e LU-122 ao seu paso por Lourenzá
Estase a executar a rehabilitación do firme nas estradas autonómicas LU-153 e LU-122 en senllos treitos que suman 400 metros e transcorren integramente polo núcleo urbano de Lourenzá.
A intervención ten un orzamento de 31.600 euros para actuar entre os puntos quilométricos 00+000 e 00+200 da LU-153 (Lourenzá-Masma) e entre o 32+700 e o 32+900 da LU-122 (Paraxes-Lourenzá).
As obras consisten na rehabilitación do firme con formigón bituminoso en todo o treito no caso da LU-153; e na LU-122 mellorarase a marxe dereita. Tamén se reporán as marcas viarias nas zonas afectadas.
Durante a execución destas obras permanecen habilitados carrís alternativos de circulación coa correspondente sinalización provisional de desvíos, cando sexa necesario, ante posibles interrupcións do tráfico.
Estes traballos fanse co obxectivo de reforzar a seguridade viaria en zonas nas que conflúe o tráfico rodado co tránsito peonil.