Estase a mellorar a accesibilidade na contorna da Estrada do Faro, en San Cibrao

O Concello de Cervo traballa estes días na reparación e mellora da accesibilidade na contorna da Estrada do Faro, en San Cibrao.
En concreto, estanse a investir preto de 20.000 euros, na mellora dos accesos peonís desta zona, coa construción dunha nova escada e a previsión da instalación nos próximos días dunha varanda para mellorar a estética e a seguridade en toda este espazo público apostando porque sexa “un espazo funcional e accesible para a veciñanza”, explicou a alcaldesa, Dolores García Caramés, que supervisou a actuación coa edil de Obras, Mali Méndez.
A rexedora puxo de manifesto que esta obra contribúe a poñer en valor esta zona tan emblemática de San Cibrao frecuentada a diario por moitos veciños e veciñas e estas melloras “tamén supoñen un paso máis na idea de seguir apostando por unhas vilas cada vez máis humanizadas e seguras”.