Estase a ampliar un tramo da rúa ribadense Manuela Barreiro Pico
A rúa Manuela Barreiro Pico ofrecerá unha nova imaxe cando rematen as obras que alí se están a realizar. O alcalde, Dani Vega, anunciou que o Concello de Ribadeo está a traballar para poder ampliar un tramo moi estreito dese viario.
O rexedor sinalou que “Concello e Deputación estamos mellorando a rúa Manuela Barreiro Pico. Esta colaboración institucional e a lealdade entre administracións está traendo grandes resultados para Ribadeo. Nós sempre o defendemos: hai que abrir as portas á inversión para seguir mellorando as nosas infraestruturas e para seguir avanzando como pobo. E desde logo estamos a mellorar as infraestruturas, rúas que levaban moitos anos con necesidade de inversión e os veciños reclamaban por activa e por pasiva que se arranxara esta rúa Manuela Barreiro Pico”.
Vega tivo palabras de agradecemento para a institución provincial: “agradecemento á Deputación por esa colaboración económica. É moi importante e significativa esta colaboración institucional. Nós o que pedimos é que siga igual, que non mude nada e que continuemos a traballar conxuntamente”.
O alcalde explicou que “na rúa Manuela Barreiro Pico estamos a actuar nunha primeira fase, desbrozando e limpando o terreo, facendo escavación, eliminación do pavimento vello… vaise poñer un novo, tamén imos substituír todas as luminarias existentes por novas con luz led, novos pasos de peóns, novas sinais de tráfico e equipamento como bancos e papeleiras de aceiro. Será unha nova imaxe para unha rúa importante e significativa de Ribadeo”.
Dani Vega subliñou: “pero non nos imos queda aí. Xa adianto que estamos a traballar para mellorar esa entrada, ese tramo moi estreito, pero estanos a levar un tempo burocrático, este pouquiño tempo que levamos no goberno, e debemos respectar toda a tramitación urbanística e burocrática que nos esixen as administracións. A vocación deste Concello, deste goberno, é modificar ese tramo tan estreito e amplialo. Seguro que deberemos facer modificacións para mellorar esa rúa tan importante para Ribadeo e para os veciños”.
E engadiu: “seguimos traballando e colaborando entre todas as administracións, que é o importante e é o que trae beneficios para o noso pobo”.