Establecen indicacións preventivas para evitar os riscos das velutinas nos traballos forestais

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
O grupo de traballo técnico deste sector elaborou un documento cunha serie de medidas que se deben ter en conta na planificación dos traballos forestais
Imaxe dun niño de velutinas
19 Ago 2024

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, está a distribuír material informativo para asesorar o persoal traballador das actividades forestais e a poboación en xeral sobre as medidas preventivas que se deben adoptar ante as vespas velutinas. Así, o grupo de traballo técnico deste sector elaborou un documento cunha serie de medidas que se deben ter en conta na planificación dos traballos forestais.

En concreto, o documento inclúe indicacións preventivas que se deben adoptar antes do inicio dos traballos, recomendacións en caso de atopar un niño de velutina e pautas de actuación no caso dun ataque por parte destes insectos. Entre as recomendacións iniciais, o Issga insta a realizar un recoñecemento exhaustivo da parcela onde se vai traballar (árbores, muros, chan, etc.) comprobando se existen niños na zona. En caso de ver algún, cómpre non achegarse a menos de cinco metros dese niño, non cortar polo pé unha árbore nin rozar silveiras ou matogueira onde poida haber un niño e avisar a compañeiros de traballo da presenza dese niño, así como sinalizar a zona.

No caso dun ataque de vespa velutina, débese fuxir o máis rápido posible e buscar un refuxio, ademais de evitar que o ataque se produza nas áreas máis sensibles da cara, como pode ser a zona dos ollos. Así mesmo, o documento informativo sinala que non se deben intentar eliminar as velutinas nin axitar os brazos para tornalas e que, no caso de ver que algunha persoa é atacada por velutinas, non cómpre achegarse para axudala, senón chamar ao número de teléfono de emerxencias 112.

O persoal técnico do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia engade como importante lembrar que as persoas alérxicas deben levar sempre consigo a medicación necesaria para administrarse en caso de picaduras. Esta acción informativa lánzase ao abeiro da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, en execución para fomentar un mercado de traballo respectuoso, diverso e seguro. O documento avoga por situar como valores fundamentais a saúde integral das persoas traballadoras, o crecemento económico e social das empresas e organizacións e o benestar laboral, que sitúe no centro ás persoas.

A estratexia dá resposta a un contexto laboral en permanente transformación, perseguindo facer fronte aos riscos derivados das novas formas de traballo. Adapta a xestión preventiva ao uso das novas tecnoloxías como a intelixencia artificial, a Internet das cousas, os robots colaborativos ou ás plataformas dixitais de traballo. Así mesmo, avánzase na prevención para reducir a sinistralidade en sectores con maior incidencia ou singulares, como pode ser o forestal, o da pesca, o da construción, o naval ou o dos coidados.

0.16410088539124