Esta fin de semana chega o X Festival Aturuxo de Ourol

AMariñaXa
A Asociación Cultural Aturuxeiros de Bravos informou que xa hai confirmacións para a edición número X do Festival Aturuxo
aturuxo horarios 2022 1
28 Jul 2022

Os Aturuxeiros de Bravos comunicaron xa os horarios de actuación para esta X edición do festival ourolés, que se celebrará o 29 e 30 de xullo.

Na xornada do venres 29 poderase desfrutar dunha cea popular que contará cunha foliada ao remate cos grupos No Cómbaro e Festicultores, que amosarán o seu show alegre e fresco con moito humor e cheo de positividade. 

Xa o sábado 30, o día forte do festival, haberá xogos tradicionais, un obradoiro de baile e un aberto de billarda. Para elo axudaranse de Xotramu, Xogos Tradicionais Muimenta, que son un referente na comarca da Chaira ao que xogos populares e tradicionais se refire. Ademais os ACD O Varal colaborarán na organización do aberto de billarda.

Pola mañá Peter Punk achegará o seu carácter cómico coa palabra e, por suposto, con todos os aparellos que vai sacando da súa maleta. Un espectáculo sen tregua, cheo de humor e malabares, no cal a complicidade se mestura coa habilidade na procura da gargallada do público.

Durante a sesión vermú será a quenda de Pulpiño Viascón, un polifacético artista que forma parte dos Diplomáticos de Monte Alto. Despois do seu éxito en grupos previos, trae agora unha animacións de rúa itinerantes para todos os públicos. Ademais conta cun serrucho máxico e un adorable paxaro títere estarán presentes nun show inesquecible para quen o presencie.

É pola noite os asistentes desfrutarán da Banda da Loba, un grupo de música galega integrado por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias individuais para crear un proxecto colectivo no que mesturando pop, blues, folk, rock e sons tradicionais crean un estilo musical de seu, heteroxéneo e singular.

Despois do espectáculo de Pesdelán, que mediante a música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos ao público, pretende recuperar o espírito participativo das festas e integrar a todas as persoas sen importar a súa idade, condición física ou experiencia.

Machina levará a súa música hardcore e metal dende Cerceda a Ourol e Rebeliom do Inframundo pechará a noite co seu rap en galego con orixe en Ponteareas.

AUTOBUSES

O festival contará con servizo de buses de balde que ao longo do sábado 30 estará facendo o percorrido entre o Festival Aturuxo e a Estación de Autobuses de Viveiro. As paradas son as seguintes e pódense consultar aquí.

Viveiro E.A. – Festival Aturuxo -  11.30h, 16.30h, 20.00h, 22.00h, 00.00h.

  • S Viveiro E.A.
  • P Fonte Xunqueira (ó lado da Estación FEVE)
  • P Ponte Landrove (cruce rotonda)
  • P Casa Eladio (Galdo)
  • F Festival Aturuxo

Festival Aturuxo – Viveiro E.A. - 15.00h, 19.00h, 21.30h, 23.30h, 4.00h

  • S Festival Aturuxo
  • P Casa Eladio (Galdo)
  • P Ponte Landrove (panadería)
  • P Fonte Xunqueira
  • E Viveiro E.A.
0.12502694129944