Esíxenlle ao PSOE galego máis contundencia para mediar por Alcoa en Madrid

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Os populares da provincia de Lugo, sempre do lado dos mariñáns, participaron na terceira das concentracións que se celebra na comarca en defensa de Alcoa e do emprego nesta planta.
25 Out 2019

Os populares da provincia de Lugo, sempre do lado dos mariñáns, participaron na terceira das concentracións que se celebra na comarca en defensa de Alcoa e do emprego nesta planta. Dende Burela, representantes do PP lucense urxiron aos alcaldes do PSOE a urxir á súa vez ao Goberno de Sánchez a ofrecer solucións para a fábrica ante “unha situación crítica para miles de familias da comarca” e “que empeora co paso dos días” e puxeron de exemplo “ao Executivo de Feijóo, que ten feito chegar aos partidos políticos do ámbito nacional as liñas básicas que debe conter o agardado estatuto electrointensivo”.

Así mesmo, critican que “os alcaldes socialistas da Mariña non se teñan posicionado claramente sobre este problema e se manteñan de perfil”; mentres que son os populares os que lle esixen ao Goberno do PSOE que adopte as medidas necesarias para darlle solución. “Os alcaldes do PSOE, que pedirán o voto para Sánchez na vindeira campaña das eleccións xerais, deberían estar a reunirse coa ministra e co presidente en funcións para buscar solucións para a comarca”, engadiron. Igualmente, sinalaron que o PSOE da nosa provincia “chega tarde” presentando nas distintas institucións onde gobernan iniciativas en defensa de Alcoa.

A concentración celebrada en Burela é a primeira que se desenvolve despois de que Alcoa avanzara a aplicación dun novo plan de axuste que inclúe o peche dalgunhas das súas plantas. “O elevado prezo da enerxía supón unha ameaza para a planta mariñá debido a que impide á fábrica de San Cibrao competir en igualdade de condicións que o resto da industria europea” e, polo tanto, “sitúaa á cola das fábricas de Alcoa en rendibilidade”. 

Para os populares “queda aínda máis claro que o problema da planta mariñá é o alto prezo eléctrico” e, polo tanto, reclámanlle á ministra de Industria que ensine o borrador do estatuto das industrias electrointensivas” ante a necesidade por fixar un prezo eléctrico competitivo e estable para o tecido industrial.

Lamentan, así mesmo, que  “a ministra do PSOE aínda non teña convocado a reunión que se comprometera a manter co comité de empresa para amosarlles os avances sobre o estatuto” durante a súa visita ás instalacións de San Cibrao. É dicir, “a ministra socialista falta á súa palabra” e continúa na mesma liña que amosou cando veu de visita á planta cervense onde “nin adquiriu ningún compromiso cos traballadores nin avanzou o contido do agardado estatuto”; senón que “veu á provincia dar un paseo, pero a sociedade lucense agarda e merece moito máis dun membro do Goberno de España”. Os populares recordan tamén que “xa fai un ano que anunciara o estatuto electrointensivo; pero aínda seguimos agardando mentres os traballadores e toda a comarca no seu conxunto suman días de preocupación”.  

“Co obxectivo de desbloquear esta situación, foi o Goberno galego o que elaborou en consonancia co que defende o comité de empresa, unhas liñas básicas que debe recoller o Estatuto e que xa foron enviadas aos partidos políticos a nivel nacional”. Poñen así en valor os populares da provincia de Lugo “o traballo do Executivo de Feijóo para aportar solucións fronte aos reiterados incumprimentos do Goberno do PSOE”. 

O Executivo galego propón medidas de carácter fiscal, como a supresión do imposto do 7% á xeración eléctrica a todos os consumidores, sexan grandes empresas, pemes ou particulares; e a supresión do céntimo verde ao carbón. Pero tamén reducir cargas e peaxes recollidos nas tarifas de acceso pensando en axustar os custos de transporte ao resto de países europeos. Entre as liñas básicas na procura dunha solución sinalan tamén a ampliación das axudas compensatorias por custos de emisións indirectas de CO2 e o fomento da contratación a longo prazo de enerxía eléctrica, de tal maneira que o consumidor poida asegurar o seu prezo do mercado eléctrico para un determinado volume. Ademais, recóllese como necesidade irrenunciable a incorporación da categoría do consumidor hiper-electrointensivo.

 Os populares lucenses apoian todas estas medidas que, “sumadas á poxa de interrompibilidade, permitirían á industria galega competir en igualdade de condicións co resto de Europa, situando o prezo do MW entre os 35 e os 40 euros. Xa que o Goberno non está cumprindo coas súas obrigas, agardamos que con este Estatuto que propón a Xunta de Galicia faga dunha vez os seus deberes”, conclúen.

0.12765121459961