Esgotados en tempo récord os abonos para o Resurrection Fest
Esgotados en tempo récord os abonos para o Resurrection Fest, o festival de música metal e rock máis importante de España, e que contou co apoio de Deputación de Lugo e Concello de Viveiro dende a 1ª edición. Grazas ao acordo de colaboración entre o Concello e a organización, os viveirenses poderán participar neste macro evento á metade de prezo, xa que contan co 50% de desconto nas entradas. Nos vindeiro días poranse á venda as entradas de día para a que é a edición número 14. Máis información en www.resurrectionfest.es.
Cómpre lembrar que o Goberno Provincial converte á Deputación na institución que máis colabora co Resurrection Fest cunha achega de 130.000 euros. Pola súa parte, o Concello de Viveiro cede os terreos para a organización do festival e pon a disposición dos usuarios o cámping gratuíto en Covas (con servizos de baños, duchas e buses) e o Mirador de San Roque (que tamén conta cunha gran zona de aparcamento). Pola súa banda, o ano pasado, a Xunta de Galicia achegou, a través de AGADIC, 50.000 euros logo de que o Resu participara nun proceso de concorrencia competitiva. É dicir, a achega provincial case triplica a do Goberno Galego, que ten as competencias directas e un orzamento 100 veces maior.
Un estudo da Universidade de Santiago de Compostela corroborou o acerto de Deputación de Lugo e Concello de Viveiro co seu apoio ao Resurrection Fest dende a súa primeira edición e durante os últimos trece anos, sendo sempre as únicas administracións galegas que o fixeron e as principais colaboradoras e patrocinadoras públicas. O estudo mantén que o festival xerou no 2018 un impacto económico superior aos 8,5 millóns de euros, dos que 6,6 reverteron directamente na Mariña. Mantendo sempre que colaborar con Resu era unha oportunidade económica para a provincia e de xeito especial para a Comarca mariñá.
Máis de 81.000 persoas de 42 países abarrotaron o ano pasado o Concello de Viveiro co Resurrection Fest, xerando uns 2.000 empregos directos e indirectos, e sen ocasionar ningún tipo de incidente durante os catro días que durou a cita, o que converteu á pasada edición en todo un éxito. O Festival é un importante retorno económico para o Concello de Viveiro, que esgotou tanto as 2.000 prazas hoteleiras como as 12.000 de cámping municipal; para a Comarca da Mariña, pois moitas das localidades limítrofes recibiron visitantes; así como para o conxunto do territorio lucense.
Os inicios deste festival, 100% viveirense, e que agora é un dos máis grandes do estado, foron difíciles e complexos. Parte do éxito do Resurrection Fest recae sobre Melchor Roel, que foi o pioneiro que soubo ver a grande proxección do Resu, que outros non quixeron apoiar nos primeiros momentos, que son sempre os máis complicados. En cambio, a Deputación que o Concello de Viveiro, sumáronse a iniciativa destes veciños para poder levar a cabo este grande festival, que é todo un referente internacional.