Escolas, cultura mariñeira e gastronomía no 'Día do Orgullo Mariñeiro'
A Fundación Expomar organizou a segunda edición do chamado 'Día do Orgullo Mariñeiro', que volveu combinar a divulgación nas escolas, a exaltación da cultura mariñeira e a gastronomía do mar.
Esta celebración naceu hai un ano para poñer en valor a importancia da cultura mariñeira de Burela, polos 101 anos recentemente cumpridos de historia da confraría de pescadores, pola importancia da lonxa de Burela a nivel rexional, nacional e europeo, pola relevancia dos provedores locais no comercio pesqueiro ou pola puxanza do sector estaleiro, entre moitos outros activos non materiais.
A xornada comezou ao mediodía con 'Orgullo Mariñeiro nas Escolas', unha iniciativa coa que a Fundación Expomar repartiu nos comedores escolares de oito colexios públicos de toda A Mariña Lucense máis de 700 racións de filetes de “Merluza de Burela” nos seus menús do día.
Os centros educativos que recibiron pescada da lonxa de Burela nos seus comedores a través das empresas habituais de cáterin, Eurest e Twitty, foron o CEIP Plurilingüe Virxe do Carme e CEIP Plurilingüe Vista Alegre de Burela; o CEIP Plurilingüe de Foz Número 1; o CEIP Península da Paz de San Cibrao; a Escola de Educación Infantil San Roque, o CEIP Lois Tobío e o IES María Sarmiento de Viveiro; e o CEIP Antía Cal Vázquez de Muras.
A segunda parte da xornada, 'Orgullo Mariñeiro na Memoria', celebrouse pola tarde no auditorio da Casa da Cultura de Burela e consistiu nunha charla-coloquio titulada 'Mirando a popa e mirando a proa', guiada por Martín Piñeiro, subdirector do Correo Galego, na que distintas persoas vinculadas á historia do Mar de Burela falaron das súas experiencias.
Durante o evento proxectáronse diferentes imaxes da historia do porto de Burela, un audiovisual sobre Armadores de Burela e un fragmento do documental gañador en 1996 dun certame autonómico de vídeos do mar: 'El mar nuestro de cada día', con imaxes de Sergio López Maseda e montaxe de Julio López.
O broche final á xornada cultural puxérono o director xeral de Pesca da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Antonio Basanta, e a presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López.
A continuación, 'Orgullo Mariñeiro Musical' coa actuación do grupo musical “Medio Quinhón”, que serviu de ligazón entre o acto no auditorio e a festa gastronómica, xa que acompañaron ao público desde a Casa da Cultura ata a carpa na Praza da Mariña.
Alí iniciábase pasadas as 20.00 horas da tarde 'Orgullo Mariñeiro na Praza', unha celebración gastronómica popular dentro da carpa de Nadal de Burela, cunha degustación gratuíta de diferentes pratos elaborados coas principais especies da lonxa de Burela: empanada de Bonito de Burela, salpicón de pescada e Merluza de Burela en salsa.
Como novidade este ano celebrouse tamén o 'Orgullo Mariñeiro nos Bares', uníndose á promoción gastronómica 15 locais de hostalería de Acia Burela, co obxectivo de ir abrindo cada vez máis esta celebración a máis xente e poder chegar a todos os públicos, e que ofreceron diferentes tapas e pratos de “Merluza de Burela”.