Escolares de Burela descobren o valor da integración a través da historia de Alimatou Niang

Os nenos e nenas de 6º de primaria do CEIP Os Castros e do CEIP Vista Alegre participaron esta semana nunha xornada de concienciación promovida pola Concellería de Inmigración e Cooperación de Burela, no marco dun programa destinado a apoiar a poboación inmigrante.
O encontro contou coa presenza de Alimatou Niang Ep Sarr, veciña da localidade desde hai máis dunha década e natural de Senegal, quen compartiu co alumnado a súa historia persoal, marcada pola resiliencia, a integración e o compromiso coa comunidade que a acolleu.
Durante a súa intervención, Niang falou das dificultades iniciais que supuxo adaptarse a un novo país e a unha cultura diferente, destacando a importancia de manterse firme nos momentos complicados e de cultivar valores como a solidariedade e o respecto mutuo. A súa testemuña espertou gran interese entre o público infantil, que seguiu atentamente a charla e participou con entusiasmo.
Mario Pillado, tenente da alcaldesa, salientou a relevancia destas iniciativas no ámbito escolar:
“Consideramos fundamental achegar exemplos reais de integración aos centros educativos. A experiencia vital de Alimatou é especialmente inspiradora e pensamos que deixa unha pegada positiva nos rapaces e rapazas”, indicou. Pillado anunciou ademais que proximamente se estenderá esta actividade aos institutos da vila para dar continuidade ao proxecto.
Esta iniciativa enmárcase nun programa de mediación social e intercultural orientado á inclusión da poboación inmigrante, financiado pola Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia e cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.