Escola de Ximnasia Porta Norte: “O máis importante na rítmica é unha boa actitude e a disciplina”

AMariñaXa
O club, que adestra en Ribadeo e Burela, botou a andar con 15 nenas, pero forma xa a unhas 150 ximnastas da Mariña e de Asturias
escola_porta_norte_
14 Xul 2024

Lucía Blanco

A Escola de Ximnasia Porta Norte conseguiu fai 15 anos que a ximnasia rítmica asegurara o seu futuro na comarca. “Tomamos o relevo do club que había en Ribadeo, o Elfee, do que eu fun ximnasta. Dúas compañeiras decidimos que era unha pena que se perdera este deporte na localidade e fundamos a escola”, conta Nelly Bouso, a directora técnica. Empezaron cunhas 25 nenas na vila, aínda que pouco a pouco foron medrando ata lograr as 150 ximnastas que o conforman na actualidade.

Adestran en Ribadeo e Burela ata onde se desprazan deportistas de distintos puntos da Mariña e mesmo de Asturias. “Temos nenas de Foz, de Cervo, do Vicedo, de Mondoñedo e tamén da zona occidental de Asturias, de A Caridá, de Castropol ou de Figueiras”. E moven xa todas as categorías. “Adoitan comezar aos 4 anos e empezamos de forma moi lúdica, como unha introdución á rítmica encamiñado a que vexan en que consiste a ximnasia a través do xogo”.

O máis complicado cando se inician nesta práctica é o carácter repetitivo que esixe. “Falamos dun deporte que busca a perfección e realizar exercicios cunha técnica moi perfecta, polo que a única fórmula é repetir moitas veces. Entón hai un momento do curso que seguimos repetindo e moitas nenas non comprenden que se necesita facer iso”. Aínda que todo cambia cando chegan as competicións. “Nese momento é cando o entenden. Encántalles poñer o maillot, a maquillaxe e saír e facer os exercicios”.

Os resultados tamén acompañan pois as actuacións sobre o tapiz das cativas da escola acumulan numerosas medallas. Entre os seus últimos logros: as do equipo de Iniciación Escolar proclamáronse subcampioas galegas e o club fíxose con 8 podios na segunda fase do provincial. “É un orgullo. Si que é certo que cando son pequenas non son moi conscientes, por exemplo, nesta categoría de iniciación teñen 5 aniños e se noutro torneo amistoso quedan primeiras parécelles máis importante. Pero a partir da categoría benxamín xa son máis conscientes”.

Maior visibilidade

Tras disputar o provincial, o Campionato Galego de Promoción e Prebase e a final interescolar, onde conquistaron catro medallas, fan un moi bo balance da tempada. “Estamos moi contentas cos bos resultados que estamos tendo, pero xa non só iso, a nós gústanos destacar o traballo das nenas e ver que evolucionan ben e que están contentas e se encima vén acompañado cunha medalla pois aínda mellor”. Bouso asegura que para ser unha boa ximnasta, máis aló dunhas condicións físicas como pode ser ter flexibilidade, o que prima é unha boa actitude.

“Que che guste o que fas, querer superarte a ti mesma, ter ese afán de traballar e ser disciplinada, repetir e querer mellorar cada día é o máis importante”.  Valores que precisamente lles inculcan nas clases. “Intentamos que sexa así. Nós o que máis notamos que nos demandan as familias é a disciplina, non só o feito de portarme ben e obedecer a unhas normas, senón a disciplina cun mesmo, o dicir propúxenme un obxectivo, quero facelo e veño a adestrar todos os días, sobre todo a partir da categoría infantil”. Estas condicións que Nelly enumera nótanse desfilando no tapiz, pero tamén fóra del.

“Sobre todo facémolo para preparalas para o día de mañá, porque van ser mulleres cun labor nesta sociedade e que van a formar parte dela e é moi importante a disciplina e eses valores que che inculca o deporte”. Esforzo, compromiso e dedicación resumen ben a ximnasia rítmica que esconde horas de traballo para lograr cada un dos movementos e que se vai abrindo paso e gañando recoñecemento. “Vemos que desde as institucións se fai un esforzo por valoralo, xa que é un deporte feito por e para mulleres. Ao final o valor que se fai non é o mesmo que pode ter outro que foi concibido para que practiquen homes e ten unha repercusión mediática maior”.

Como sucede con outras prácticas queda moito por facer. “Empézase a valorar máis o deporte feminino pero observamos que se valora aquel tradicionalmente masculino, que está moi ben, pero hai outros coma o noso que sempre estivemos aquí e que seguimos estando e que pasamos máis desapercibidos, como se non existiramos ás veces”. Pero as previsións para esta modalidade na que se transmite harmonía, graza e beleza mediante a combinación musical, técnica e teatral son máis que positivas. “Tendo en conta que se está dando máis importancia ao traballo das mulleres, entendemos que se nos irá valorando máis”, conclúe.

 

0.19103097915649