A Escola de Música de Burela organiza o XI Curso de Verán
A Escola Municipal de Música de Burela organiza o XI Curso de Verán que se desenvolverá do 30 de xuño ao 16 de xullo. Os primeiros días os rapaces e rapazas participarán no xogo musical Na búsqueda do Torques e do 12 ao 16 de xullo terán lugar os Cursos de Banda e de Jazz. A programación da Escola de Música de Burela foi presentada esta mañá e ao acto asistiron, entre outros, o alcalde, Alfredo Llano, o concelleiro de Cultura, José Díaz, e o director da Escola, Xan Carballal.
O director da Escola Municipal de Música de Burela, Xan Carballal, anunciou que “as actividades para este verán se van desenvolver na primeira quincena do mes de xullo e están divididas en dúas partes.
A primeira parte será do 30 de xuño ao 4 de xullo e consistirá nun xogo baseado nun traballo que desenvolvemos fai anos A viaxe de Brandán. Agora démoslle unha volta a isto e Brandán vai tentar atopar o Torques de Burela. Deste xeito tratamos de involucrar a todos os rapaces que se apuntan no curso, en horario de mañá e tarde, dividido por especialidades. A tarde dedicarémola máis ben a preparación da parte vogal e a mañá á parte instrumental e confección de roupa e instrumentos. Todo iso para preparar o xogo que se vai desenvolver durante a tarde do domingo día 4 de xullo. Consistirá, por equipos, nunha especie de ximkana onde hai diferentes localizacións no pobo de Burela e mediante unhas pistas, que se van dar, os equipos tratarán de atopar ese Torques que está escondido nun lugar. Por medio de xogos musicais e outro tipo de xogos imos tratar de dar esas pistas para que se poida desenvolver o xogo e gañará o equipo que atope o Torques”.
Xan Carballal salientou que “mediante isto tratamos de amosar que a música, ademais dunha formación, é divertida. Xa levamos anos facendo este curso e vemos que é unha forma de estimular aos rapaces, que descubran o mundo da música a través do xogo e que moitos deles se quedan xa para traballar, aprender a tocar instrumentos, aprender a cantar, etc…”.
O director da Escola Municipal de Música de Burela engadiu que “dos días 12 ao 16 de xullo teremos o Curso de Banda, que será pola mañá e o Curso de Jazz, que será pola tarde. Isto é para rapaces, que na súa maioría son da Escola de Música e doutras escolas da contorna que, sen ter a presión do colexio, aprenden dun xeito máis lúdico. Somos conscientes de que aínda temos as limitacións derivadas da pandemia, pero non quita que se realicen proxectos e este é un dos máis importantes que fai a Escola ao longo do ano”.
O concelleiro de Cultura, José Díaz, quixo “poñer en valor o traballo da Escola de Música con estas actividades de verán organizadas para o seu alumnado, innovando e buscando temas que resulten divertidos e que lles axudan a aprender”.