Equus Norte: “Queremos darlle vida á Pontenova coa primeira Rapa das Bestas”

AMariñaXa
A asociación ecuestre, coa colaboración do Concello, da Deputación e de Puraga, organiza a cita o 20 de xullo cun programa no que inclúen sesión vermú, espectáculo de doma e xornada de degustación previa
rapa_das_bestas_a_pontenova_
Rapa organizada por Alejandro, membro da asociación, o ano pasado
7 Xul 2024

Lucía Blanco

A rapa das bestas é unha das citas consolidadas de cada verán na comarca e na provincia, xunto coas festas patronais e as gastronómicas que se acumulan nos meses de máis calor. Dende Equus Norte, a asociación ecuestre da Pontenova, son conscientes do forte tirón destes eventos cabalares polo que promoven, coa colaboración do Concello, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e de Puraga, a primeira rapa das bestas no municipio e a cuarta da Mariña. A iniciativa, que non é so unha mostra de arraigo cultural e de tradición, senón que tamén serve para concienciar sobre o respecto cara ós animais, poñer en valor o cabalo de monte e a actividade gandeira, chegará o vindeiro 20 de xullo, aínda que a idea orixinouse tempo atrás.

“No colectivo somos todos xente do mundo do cabalo e entre eles está Alejandro, que ten os cabalos e facíaa a título individual na casa. Nunha das rutas pensamos en facela máis grande e aberta á xente e de aí xurdiu a idea”, conta Javier Veiga, presidente da asociación. A intención era comezar no 2023, pero a organización non resultou nada doada polo que a aprazaron ata esta tempada. “Decidimos facela este ano con máis tempo e planificar todo ben, porque hai que empezar de cero, desde mirar de facer os permisos sobre os que non sabíamos moito ata facer o curro”.

O Goberno local e a institución provincial están axudando cos preparativos, que tamén implican prestar especial atención á Lei de Benestar Animal. “Sen lugar a dúbidas amañar os papeis e o tema dos permisos foron o máis complicado e despois tes que facelo en horario de traballo e sacar tempo de onde podes”, comenta. Puraga prepara para o venres 19 unha degustación de minihamburguesas de cabalo galego nos locais de hostalaría da vila como antesala á cita, que terá lugar no Alto de Neipín con entrada ao curro sobre as 11.30 horas no que esperan xuntar “sobre uns cen cabalos”.

Ademais da rapa para sanear aos exemplares e marcalos, ofrecen un programa con sesión vermú a mediodía da man do DJ Bombardeiro para facer máis atractiva a xornada. “É unha actividade máis no concello, pois esa fin de semana queiras que non xente vai vir, non sabemos canta, porque é a primeira vez pero traer visitantes a un municipio coma o noso sempre é algo bo”. Completan o cartel, que está pensado para toda a familia, cun espectáculo de doma, a partir das 16.30 horas, ademais da posibilidade de quedar a comer no lugar, pois haberá un posto de polbo.

“Non nos imos meter en profundidade a nada máis porque é o primeiro ano e suficientes dores de cabeza nos deu. Esta edición imos pouco a pouco, con todo moi ben controlado para que saia o mellor posible”. Porque o obxectivo é claro con respecto ao futuro desta proposta: “Ao nacer a intención é mantela no tempo por suposto”. O colectivo tamén está arroupado polos ponteses e pontesas que “non teñen problema en axudar e iso anima”.

A pesar de que en Equus Norte contan con sobrada experiencia na organización de eventos, xa que son os responsables da Ruta Ecuestre da Pontenova, que leva oito edicións e está máis que consolidada no calendario do municipio, as dificultades á hora de poñer en marcha unha iniciativa destas características non pasan desapercibidas. “Dáche moitas dores de cabeza, implica moito tempo e tamén unha perda económica porque nas asociacións que estamos en todas traballamos igual, non sacamos nin para viaxes nin para nada. Se nos xuntamos nunha reunión, por exemplo, cada un paga o seu, é sen ánimo de lucro totalmente”. Aínda que o traballo e o esforzo merecen a pena por seguir dinamizando a oferta de actividades na vila: “Nós por iso o facemos por darlle vida ao concello”.

0.17720007896423