Eólicos na Mariña así non, convoca unha reunión en Burela

AMariñaXa
Eólicos na Mariña así non, convoca unha reunión en Burela titulada Enerxías renovables na Mariña, repercusión na industria e no mar.
eolicos mar muinos
20 Apr 2022

O sábado 30 de abril ás 19.00 horas no auditorio de Burela vaise celebrar unha Mesa Informativa titulada Enerxías renovables na Mariña, repercusión na industria e no mar.

Nesta mesa intervirán dous expertos de recoñecido prestixio como son Xabier Simón, profesor da Universidade de Vigo e membro do Observatorio Eólico de Galicia, e Torcuato Teixeira, avogado e membro do Observatorio da Eólica Mariña.

Esta mesa pretende achegar información rigurosa de man de expertos sobre a proliferación de polígonos enerxéticos, maioritariamente eólicos, na comarca, e sobre as repercusións que éstes poden ter, non só no medio ambiente e na biodiversidade, senón tamén no futuro económico da zona, destacando sectores como a industria e a pesca, pero tamén noutros como o turismo, a agricultura e a gandería.

A Mesa está convocada por tres organizacións que xurdimos da preocupación da cidadanía polas repercusións desta proliferación de polígonos enerxéticos e tamén pola falta de información rigurosa e contrastada.

Estas organizacións son a Plataforma Burela en defensa de la pesca, a Plataforma de veciños afectados pola Central Hidroeléctrica do Xistral e a Plataforma eólicos na Mariña así non.

As organizacións convocantes esperan que as achegas dos expertos lles faciliten criterios fiables para "situarnos como cidadáns críticos e conscientes ante esta realidade que nos incumbe directamente a todas as persoas que vivimos na Mariña".

0.16477704048157