Entroido

AMariñaXa
Por Noelia Castro Yáñez Se nalgo hai unanimidade entre o alumnado da Academia é claramente no sentimento de amor polo Entroido focense.
11 Feb 2020

Por Noelia Castro Yáñez

Se nalgo hai unanimidade entre o alumnado da Academia é claramente no sentimento de amor polo Entroido focense. Ese período que precede á Coresma durante o que se celebran numerosas festas con máscaras, comparsas, bailes… Sen dúbida, foi das primeiras cousas que me sorprenderon e me comezaron a namorar da que agora podo chamar vila de adopción.

O sentimento que lle pon un pobo enteiro dun ano para outro. A carraxe común cando as cousas non saen como se agardaba, os sorrisos compartidos que comezan na cea de Coroación. Unha vila que lle sorrí a unha Raíña mais fermosa ca nunca na Sala Bahía. Vou a recoñecer en baixiño, e agora que non me escoita ninguén, que persoalmente, non disfrutei desta festa ata chegar a Foz. Esta troula, que a pesares das numerosas diferenzas que presenta nas súas celebracións polo mundo, ten un denominador (o de abaixo nas fraccións) común, certa permisividade e descontrol. Recordo na Rigueira as máscaras que percorrían a aldea coa cara tapada meténdose cos veciños como se fose agora, e o medo da avoa. Bueno, a avoa tíñalle medo a todo, ata a ter medo, así que non conta.

Eu, que coma Caneiro, tamén son unha disidente das lúas, atopo certa maxia no xoves de Comadres o día antes do pregón. E se algo me marabilla é a paixón coa que pasado un entroido, se reúnen as peñas para pensar no seguinte. Aínda co sabor agridoce no padal, coa resaca de emocións pero xa con ánimo para disfrutar do seguinte. Porque catorce días son de cara á galería, pero podo garantirvos que o entroido en Foz dura un ano. E dun, empatan co outro. Esta vez cun día mais para artellar disfraces, maquillaxe, música, bailes, para poñer a punto os instrumentos e planear as viaxes. Viaxes aos pobos veciños para ensinarlles que en Foz o Carnaval é moito mais ca iso, son horas cosendo despois de vir de traballar. Son avós espertos a horas intempestivas tomando medidas e reunións multitudinarias onde non se pon de acordo nin o apuntador co seu bolígrafo. Pero cunha tónica común, sempre rematan en algarabía. Porque os cabreos por mor do Entroido teñen potestade de litixio en Foz, pero non chega a sangue ao río, non se trata diso. Trátase de festexar con sorna un ano de traballo con vistosos resultados. De bailar no farolillo ata ver amencer na Rapadoira. De manchar de chocolate o disfrace no desfile. Porque levan 365 días gardando en segredo a temática da charanga, coma unha noiva que quere impresionar aos convidados. Ese día é para lucirse, para ensinar o traballiño froito do esforzo. Para disfrutar do momento coa única preocupación de ser o último en apagar o farol. O entroido é desas festas que nos ensinan que a vida é curta, que debemos mercar aqueles zapatos para acabalos en dez días de troula desmedida. Que non hai festiña que esgote unha alma carnavaleira e que o corpo resiste a base de bo cocido, de filloas e orellas. Porque a vila arrecende a frescura, porque a sátira acompaña os desfiles e quen non remata rindo é porque non debería estar na rúa a esas horas.

Trátase dunha celebración que trascende ás idades, porque a norma tan só é pasalo ben. Coido que deberiamos manter mais no tempo o humor do Entroido. Porque se premia non caer na tentación, e sorrirlle á burla. A música inunda as rúas da vila e ves polas fiestras o fume das tixolas ao son dunha boa percusión. Seica Entroito ao tizón significa Pascua ao sol. Pero vin desfiles regados pola auga con mais sentimento ca festas con orquesta en verán.

Porque moi lonxe de rivalidades, a xente de Foz ten un sentir común e eso é o que quere transmitir ao mundo. Que isto é Foz, e que aquí hai Carnaval.

0.2054009437561