A Mariña sen plástico: “Todo o lixo que remata no chan volve a nós dunha forma ou outra"
Por Ana Somoza López.
Sara Rey é unha das coordinadoras da plataforma A Mariña sen Plástico.
Que é A Mariña Sen Plástico?
A Mariña sen Plástico é unha asociación sen ánimo de lucro, de carácter medioambiental, que busca protexer e coidar a nosa contorna loitando principalmente contra a contaminación provocada por plásticos. Enfocámonos na creación de eventos de concienciación contra a contaminación e na divulgación de información sobre este tipo de lixo a través das redes sociais.
Como xurdiu?
Nós pola nosa conta acostumábamos a ir limpar as praias de vez en cando e alí nos conocimos. Empezamos a coincidir e a quedar para facer limpezas de forma máis habitual entre nós. Un día pensamos en que sería xenial que nos xuntáramos máis persoas para limpar, que nos gustaría ensinar as cousas que atopábamos nas praias e traballar na nosa propia concienciación e na dos demais sobre este problema do plástico. Entón decidimos crear a asociación, para poder organizar actividades e poder colaborar con outras entidades e así ter máis forza e proxección.
Cantos son?
Actualmente somos seis persoas na directiva, máis algúns socios.
Tan só están na Mariña lucense?
Todos os compoñentes de A Mariña sen Plástico vivimos na Mariña, polo que centramos as nosas accións nesta comarca. Aínda así, non descartamos levar a cabo actividades noutros lugares de Galicia ou España, xa que existen moitas asociacións e colectivos interesantes cos que nos gustaría colaborar.
Cantas praias levan?
A verdade é que non levamos a conta, xa que nos gusta visitalas todas, xa sexa pola nosa conta ou organizando algunha limpeza.
Cada canto tempo fan as limpezas?
A nosa idea é organizar limpezas de forma mensual ou polo menos trimestral, pero a covid e tamén os nosos propios traballos complícannos moito cumplir estas expectativas, polo que nos estamos centrando, sobre todo, na concienciación a través das redes. Nós, pola nosa conta, intentamos ir todas as semanas e tratamos de animar á xente a que vaia tamén sen que nós teñamos que organizar nada. Ao final se todos saímos a dar un paseo na nosa zona e recollemos algo de lixo, o que poidamos, será igual de efectivo (ou máis) que organizar unha limpeza conxunta. Non obstante, temos en mente organizar algunha limpeza en breve, agora que chega mellor tempo.
É necesario limpar de novo as praias nas que xa actuaron?
A verdade é que repetimos moitas praias. Cada un de nós ten a súa praia “favorita”, por chamalo de algunha forma, e sempre nos gusta volver a elas. Frecuentamos moito A Marosa en Burela, Arealonga no Vicedo, Lóngara en Barreiros ou a Caosa en San Cibrao.
Contan con apoio municipal ou estatal?
Actualmente non contamos con axuda económica porque tampouco a solicitamos.
Para a nosa labor non precisamos gran cousa, tan só tempo. O primeiro ano contamos coas cotas dos socios que nos axudaron a conseguir material para as limpezas, pero actualmente xa non cobramos cota porque non o vemos necesario. Para organizar unha limpeza preferimosr, por exemplo, solicitar o material e o seguro a Surfrider.
Valoramos moito o apoio que nos poidan brindar as institucións contando con nós na organización de actividades, xa que isto apórtanos visibilidade. Agora mesmo, por exemplo, estamos participando no proxecto BurelaIN organizado polo concello de Burela.
Que eventos fan?
Principalmente organizamos limpezas de praias, xa sexa pola nosa conta ou con outros colectivos. Limpamos a praia e despois analizamos o lixo que recollimos e facemos unha pequena reflexión. Non descartamos levar a cabo outro tipo de actividades nun futuro, como charlas ou obradoiros, pero de momento non contamos cun local propio, o que complica moito poder xuntar material e poder ofrecer un espazo de traballo.
Cal é a cousa máis rara que atoparon?
A verdade que sorprende todo o que a xente tira polo váter da súa casa, que a veces confúndese cunha papeleira, sen pensar que realmente é unha porta ao mar. Hai moitas cousas que nos chaman atención, os xoguetes ou envases antigos por exemplo, pero quizáis o máis raro que atopamos é unha pequena figura que semella un faro de xoguete. É raro no sentido de que hai moitas persoas que o atoparon en diferentes puntos de Francia, España, Portugal, e ninguén foi quen de averiguar aínda que é exactamente.
E a máis grande?
O máis grande posiblemente sexa algunha rede. Hai algunhas tan grandes que son imposibles de retirar. De feito nunha das limpezas na praia de San Pedro en colaboración con Coge3 e o Concello de Foz tratamos de sacar unha rede coa axuda dunha grúa e ao final rebentou o cable e a rede nin se moveu. É angustiante pensar que esas redes fantasma enormes viaxan polo mar arrastrando todo ao seu paso.
Cal foi a praia que máis sucia atoparon? E por peso en quilogramos?
Son varias as praias que, ou pola súa localización cerca de portos ou polas correntes mariñas, acumulan máis lixo que outras. Por exemplo, a zona do Perdouro de Burela é unha zona moi contaminada. Ademais, debido ao difícil acceso é moi complicada de limpar. Pero alí podes atopar todo tipo de lixo, a maioría procedente do sector pesqueiro: nasas, pneumáticos, botas de traballo, luvas, centos de botellas, redes, etc. Outra praia na que atopamos moito lixo, pero neste caso plásticos pequeniños, é a de Lóngara en Barreiros. A primeira vez que fumos quedamos moi sorprendidos, xa que aínda que as praias dos lados estaban máis ou menos limpas, Lóngara estaba plagada de lixo. Por iso, non nos gusta valorar o éxito das limpezas baseándonos no peso do recollido, xa que en Lóngara, por exemplo, que o lixo é moi miúdo, non tería ningún sentido . Ao final non é unha cuestión de quilos.
Vin que ata recolleron envases doutras partes do mundo...que pode significar?
A verdade é que é algo moi común. Moitas cousas posiblemente veñan dos mercantes que pasan pola zona pero moitas outras chegan aquí a través das correntes marítimas, ao igual que o noso lixo aparece tamén noutros lugares afastados. Por exemplo, sabemos que os tarugos das bateas das Rías Baixas están aparecendo na costa de Gran Bretaña. Nas praias da Mariña é moi habitual atopar cousas dos EEUU que chegan aquí a través das correntes marítimas. Por nomear algo, atopamos moitos obxectos relacionados coa captura de langosta procedentes do estado Maine. Que significa isto? por un lado dá conta da existencia destas correntes e do moito que viaxa e resiste o plástico e, por outro, e máis importante, mostra que a mala xestión do plástico e a pouca concienciación en relación con el é un problema a nivel global.
Existen alternativas aos plásticos?
Si, existen alternativas pero ao fin e ao cabo o plástico é un negocio, polo que hai que buscalas para dar con elas. Pero no noso día a día podemos levar a cabo pequenas accións que ao final, se todos o facemos, supoñerían grandes cambios. Por exemplo, as praias están plagadas de bastonciños dos oídos, obxectos que son totalmente prescindibles e ademais desaconsellables dende un punto de vista médico. Deixar de usalos e optar por outras alternativas, como por exemplo limparse os oídos na ducha ou cunha toalla sería moito mellor ao non xerar ningún tipo de residuo. Tamén podemos levar as nosas bolsas da casa, para a froita e para a compra en xeral, ir á fonte ou buscar outra alternativa (existen moitas), en lugar de comprar botellas de plástico, etc. Estas pequenas cousas son sinxelas e sen embargo poden supoñer accións revolucionarias se todos as poñemos en práctica.
Todo este lixo afecta ao ser humano? e aos animais?
Totalmente. Todo o lixo que remata no chan ao final volve a nós dunha forma ou outra. O plástico que remata no mar vaise desfacendo pouco a pouco converténdonse en microplásticos que os peixes confunden con alimento ou que inxiren sen pretendelo. Polo que nós, cando comemos peixe, estamos consumindo plástico. Existe un dato que afirma que unha persoa come á semana unha cantidade de plástico equivalente a unha tarxeta de crédito. Dá que pensar. Por outro lado, os animais son os grandes damnificados, os peixes como acabamos de mencionar, as aves que tamén o inxiren e construén os seus niños con este materiais, todos eses animais que morren atrapados polas redes fantasma ou feridos, etc.
A xente está concienciada?
Cremos que é un problema do que se está falando máis nos últimos tempos, pero aínda queda moito por facer. Dános a impresión de que a sociedade coñece este problema que é o plástico pero que non acaba de relacionar as súas accións diarias con el. Non somos conscientes do noso poder de acción, tanto para o bo como para o malo. É común ver a alguén dicir “que pena dá ver isto así cheo de lixo” pero que ao segundo tira a cabicha do seu cigarro a un sumidoiro (costume, por certo, moi arraigada e normalizada). Cremos que é importante facer ver que nós no noso día a día podemos facer moito dano ou moito ben, depende do que fagamos e decisións que tomemos. Que este problema medio ambiental tamén é o noso problema. Está claro que as grandes multinacionais e os políticos deberían asumir responsabilidades e tomar medidas urxentes e así llelo debemos esixir, pero non podemos ignorar que nós como consumidores, como sociedade, podemos tamén cambiar a torna das cousas, xa que realmente, ao noso ver, temos máis poder como consumidores que como votantes.