Tumba e Dalle: “Tocar diante da nosa xente, como e onde sexa, sempre”

AMariñaXa
Falamos co grupo Tumba e Dálle, formado por mozos de San Miguel en Barreiros, Rinlo, Ribadeo, Trabada e Lourenzá
Tumba e dalle 1
14 Ago 2022

Por Ana Somoza López.

O grupo Tumba e Dálle está formado por seis rapaces da comarca.

O grupo Tumba e Dálle, formado por mozos de San Miguel en Barreiros, Rinlo, Ribadeo, Trabada e Lourenzá, gañou o concurso Interritmos Sons do Rural celebrado no Naútico de San Vicente no Grove xunto co grupo Abril.

Quen á fronte de Tumba e Dalle?

Somos 6 persoas as que compoñemos o grupo:  Laura Fernández Rañón, de Ribadeo, Jesús Rodríguez Penabad, de Rinlo, Sergio Prieto Yáñez, de Trabada, Xosé Miguel Ramil Seivane de Lourenzá e Xoel e Xoán Manuel Díaz Branco, irmáns de San Miguel. Decimos que somos os 6 quen estamos á fronte porque as decisións se toman democraticamente en pé de igualdade.

Como xurdiu o nome?

Algún dos integrantes,  pouco antes de formar o grupo, fomos tocar de xeito informal a unha romaría que organizaban uns amigos e pedíronnos que dixésemos un nome para poñer no cartel. E saíunos así a bote pronto esa expresión que lla acababamos de escoitar a unha persoa. Despois cando nos reunimos para botar a andar o grupo e falamos de qué nome poñer propuxemos ese e ao resto tamén lles pareceu ben. 

Como empezou a aventura?

Todas as persoas que comezamos viñamos do mundo do asociacionismo e do folclore, no  cal a música é importante, obviamente, pero no que a centralidade é o baile. E todos tiñamos a necesidade de musicalmente dar un paso máis. Xoán foi un pouco o que levou a iniciativa de falar co resto e apenas un mes despois de comezar a ensaiar xa chegou o primeiro concerto, en setembro de 2010. E ata hoxe.

Xa erades amigos?

Cando comezamos eramos 8 persoas  e 7 estabamos ou estiveramos no Arco da Vella, de San Miguel polo que sí que nos coñeciamos e tiñamos relación. A Miguel que era digamos o restante, coñecíao Xoán e sabía que tocaba o acordeón diatónico así que lle propuxo montar o grupo.

Como xurdiu a paixón pola música?

Todos nos formamos inicialmente do mundo dos grupos folclóricos e asociacións dese tipo, despois unha vez che pica o verme pois xa individualmente fomos adquirindo coñecemento e práctica por outras vías.

Como eran aquelas primeiras ocasións en que vos xuntabades para tocar?

As primeiras veces foron untanto caóticas e ata estresantes. En primeiro lugar estabamos acostumados a tocar sen arranxos, e ao principio xa arranxar os temas tiña a súa complicación. Despois había que memorizalos e colocalos no sitio. E todo iso cando despois de apenas dous ensaios xa nos comprometimos para a primeira data. Foi empezar de cero nun mundo novo e a contrarreloxo. Foi estresante pero nin tan mal...

Onde tocábades? seguides no mesmo sitio?

Pois comezamos ensaiando en San Miguel, nos Colexios Vellos. Despois por motivos de obras trasladámonos a Celeiro onde nos cederon un local que temos acondicionado xa máis ou menos ao noso gusto e onde xa estamos asentados. Entre medias tamén nalgunha ocasión temos ensaiado e Rinlo nun local particular da familia de Jesús.

Seguis tocando os mesmos instrumentos que de cativos?

Seguimos tocando os mesmos pero fomos sumándolle outros. Todos tocamos varios e iso dálle tamén bastante versatilidade ao grupo. Miguel formouse de cativo en gaita pero no grupo toca o acordeón diatónico, Xoel comezou en tambor  e toca o clarinete, ou Sergio comezou coa pandereta e no grupo toca máis o bombo con prato. Pero despois individualmente aínda que non sexa no grupo todos tocamos  varios e iso dános unha solvencia á hora de arranxar, de ter un gusto definido, fainos mellor musicos en definitiva.

Como definides a vosa música?

A nosa música principalmente é musica tradicional galega, pezas populares que pasamos polo noso tamiz para, a base arranxos, que acaben tendo un son propio que o público identifique rapidamente como Tumba e Dálle.  Ultimamente tamén estamos incorporando temas de composición propia pero de momento seguímos bebendo principalmente da tradición.

Lembrades a primeira actuación diante de público?

Por suposto. Foi a I Festa da exaltación do Cemento, o 18 de setembro de 2010. Fora unha festa reinvidicativa que se organizara en San Miguel para denunciar a desfeita urbanística que se estaba levando a cabo no noso Concello. Cando comezaramos os ensaios foi en agosto, e rodeados dunha morea de grupazos consolidados, imaxina os nervios...

Estades a facer concertos, algún que lembredes con especial agarimo?

Sería moi pomposo decir que se un festival ou outro ou algún que tivemos que desprazarnos moitos quilómetros. Mesmo sería tamén moi recurrente decir que tocar hai pouco no Interritmos, onde tivemos a honra de gañar o premio. Pero a realidade é que temos varios lugares onde levamos tocando dende que comezamos ou cando menos dende hai moitos anos, San Miguel, Rinlo, Celeiro... e diante da nosa xente, xente que nos segue dende sempre, que sabe as nosas cancións. Tocar para toda esa xente, como e onde sexa, sempre son os nosos concertos preferidos e aos que lles gardamos máis cariño.

  

Como xurdiu o participar no Interritmos?

Pois falámolo nun ensaio, como todos os pasos que damos. O certo é que A Mariña está un tanto alonxada dos circuitos de musica tradicionais, e senon saimos nós a vender o noso produto, pasamos desapercibidos para festivais, programadores, radios, et.c  E foi un pouco con esa intención. E dende logo con fins de promoción pero en ningún caso coa esperanza de gañar.

Esperavades gañar?

Xa foi unha sorpresa estar na final o que para nós xa era toda unha victoria. Ademais había bastante nivel en canto aos demais grupos. Así que cando na gala final deron os grupos gañadores e dixeron o noso nome foi unha super sorpresa.

tumba e dalle 2
0.15792393684387