Fran Rivas, VespaFaba e Clásicos de Lourenzá: “Teremos o primeiro monumento galego ás scooter e aos clásicos”

AMariñaXa
Falamos con Fran Rivas, presidente do club VespaFaba e Clásicos Lourenzá, un club que acolle a afeccionados de concellos
VespaFaba & Clasicos Lourenza 1
10 Apr 2022

Por Ana Somoza López.

Hai tres anos que Fran Rivas tomou as rendas do club VespaFaba e Clásicos Lourenzá, un club que acolle a afeccionados de concellos tan dispares como Lourenzá, As Pontes ou Oviedo.

Cando comezou a súa andanza o club?

A asociación arrincou no ano 2015 que foi cando se fixo a primeira concentración e comezamos a pensar en que habería que formalizala e ao final no 2017 creouse oficialmente a asociación. Tamén formamos parte como club adherido de Vespa Club España.

Con cantos membros contan?

Somos máis de 20 socios de toda Galicia e incluso de Asturias, hai algún de Navia, de Oviedo e de Pontevedra.

Que fai o seu club diferente?

A máis importante é que nos nosos estatutos, e que creo que somos os únicos, e é que calquera que queira formar parte do noso club, independentemente de que non teña un vehículo clásico pode ser socio e pode colaborar. Porque pódese dar o caso de que hoxe por circunstancias da vida non teñas un pero pode que mañá ou dentro dun ano si.

Fan moitas actividades?

Somos un club pequeno pero moi activo, quizais non organizamos moitos pero si que participamos en eventos. En principio as nosas xuntanzas máis representativas son a de Semana Santa que é a Reunión de amigos de Vespa Faba, e despois en outubro durante a Festa da Faba de Lourenzá temos a Reunión de Clásicos e Vespas. Na última reunión falamos de facer unha ruta ata Llanera ao museo de Fernando Alonso onde pódense ver 300 pezas únicas que pertencen á súa colección persoal, ademais hai un restaurante cun circuito, pero aínda non sabemos cando será. Tamén falamos de ir ao museo de Estanislao Reverter que está en Ourense e que expón trofeos, obxetos persoais, cascos e o seu coche, o Alpinche, un vehículo que conta co motor dun Porche na carrocería dun Alpine, e o exemplo da creatividade aplicada á competición.

Algunha outra que se estea a preparar para este ano?

Neste ano queremos facer outro evento máis pois temos uns socios e coñecidos que teñen motos de 50 centímetros cúbicos e o que nos gustaría facer con elas unha ruta pola Mariña. Pero temos que ver como a cadramos e cal é a data máis axeitada para que se poda facer anualmente.

Participan en moitos eventos?

Si claro, hai moitos eventos por toda a Península e en eles créanse vínculos con outros clubs o que fai que participemos ou rodemos por outras vilas, por exemplo temos moito feeling co Vespa Club de Asturias e todos os meses fan unha saída.

Algún en mente para este 2022?

Segundo comeza o ano adoitamos ir a Palencia pero agora mesmo pola situación sanitaria acaban de aprazala. Durante primeiros de febreiro fomos a Madrid co Vespa Club España, tamén pola Ribeira Sacra e en Cantabria.

Que se pode atopar neste tipo de eventos?

Ademais de desfrutar do bo ambiente pódense ver vehículos clásicos. Nos somos un club de clásicos no que está moi arraigado a Vespa Lambretta, pero temos diferentes clásicos como pode ser un Seat Panda, un Seat 1430, un Mini, unha moto Bultaco ou unha Montesa, entre outras moitos.

Entón non se adican só ás motocicletas?

Non. Así como en España hai moitos clubs que están especializados nun só vehículo nos temos moita máis variedade.

Cando se considera clásico a un vehículo?

A partir dos 25 anos xa son clásicos aínda que en 2017 houbo un cambio na normativa e xa se considera coche clásico aquel que foi fabricado ou matriculado polo menos hai 30 anos.

A provincia ou a Mariña conta con moitos clubs?

Na provincia si que hai moitos e por exemplo na Mariña existe o Autoclásico da Mariña e Club de Clásicos de Viveiro, Autoclub Mira e Anda de Mondoñedo e recentemente no Vicedo creouse un, aínda que seguro que me quedan moitos máis por citar. Despois en Lugo cidade hai moitos máis obviamente porque hai moita máis poboación, destaco o Vespa Lugo Equipo de Rescate do que tamén son directivo, ou o Autoclásico de Lugo, Clásicos de Sarria e o un de Seat 600, etc.

Que diferenza hai entre moto e vespa?

Unha vespa é unha scooter é dicir e unha motocicleta que ten máis accesibilidade para subir nela que a moto, a cal para acceder hai que cabalgar. Normalmente na moto convencional o motor vai diante pero na scooter o motor atópase no centro ou atrás. Quizais os vesperos somos máis tranquilos é outro mundo xa que vamos máis tranquilamente vendo as paisaxes e paseando e eu outra forma de desfrutar.

Segue sendo o motor un mundo de homes?

Sorprenderíache pero hai moitas mulleres no mundo do motor e hai moitas e moi boas vesperas. Aquí non hai diferenzas.

Con que vehículos conta no seu garaxe?

Posúo máis de 15 motos e outros tantos coches e ata unha carroceta antiga.

Contan con algún vehículo singular no seu club?

Pois o noso socio Jorge Aguirre, que ten 70 anos, e é o noso representante máis internacional porque lle gusta facer quilómetros arredor do mundo e facer viaxes moi curiosos, pode presumir de que ten un Dyane 6, alias Cirilator, na que foi a Moscú, a Senegal e percorreu todos os cabos da Península Ibérica visitando os faros durante 33 días. Esta viaxe recolleuna no seu diario Uniendo Cabos e fai unha doazón con todo o que recada con este libro a unha asociación que loita contra a enfermidade de Duchenne, unha distrofia muscular de carácter hereditario.

É o máis antigo?

Creo que o posúe Jorge e é unha vespa de faro baixo que creo que era do ano 52 ou 53.

Algún proxecto en mente?

Pois temos pendente o primeiro monumento de Galicia ás Scooter e aos Vehículos Clásicos, pois colocamos a primeira pedra no 2019 e coa chegada da pandemia non se puido construír. Será un punto de referencia e parada para todos aqueles que dunha maneira o outra, teñen, conservan ou incluso recuperan un vehículo clásico, para salvagardar ese patrimonio industrial e desfrutar con el e por suposto perderse polo mundo adiante.

En que consiste?

Será o km 0 con respecto aos seguintes monumentos que vaiamos poñendo nos diferentes concellos e gustaríanos que marcara tamén as distancias aos mesmo. A nosa idea é que teña a forma dunha Vespa para montarse e facerse fotos, e que tamén conte coa silueta dun coche. Esperamos en breve comezar por que xa temos todos os permisos pertinentes pa empezar a súa construción.

Algún máis?

Pois un día falando con Jorge cantoume a canción de Serrat de Algeciras a Estambul, así que imaxina o que terá en mente, pero será cando amaine un pouco o tema da covid e os conflictos que están a acontecer pois tampouco están agora as cousas como para poder facer este tipo de viaxes. 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1956000328064