Valentín González, Museo da Radio de Alfoz: "Teño unhas 300 radios, das cales máis da metade aínda funcionan"

AMariñaXa
Valentín González é un veciño de Alfoz que comezou a converter o seu domicilio nun lugar de culto para os coleccionistas
valentin gonzalez paz museo radio foz
17 Out 2021

Valentín González Paz, fundador do Museo da Radio de Alfoz

Valentín González Paz é un veciño de Santa Mariña en San Pedro de Mor no concello de Alfoz. Fai varias décadas comezou a converter o seu domicilio nun lugar de culto para os coleccionistas e os amantes das antigüidades.

Como xurde a idea de montar un museo da Radio?

A min persoalmente gustáronme sempre as antigüidades e tamén porque me gusta para que a xuventude de agora e a que está por vir poda coñecer todas estas ferramentas e aparatos.

Pero vostede non ten relación profesional co sector das antigüidades, e dicir, isto non é un negocio nin o fai con ánimo de lucro.

Para nada, eu traballei en diferentes sectores, ao principio sendo novo no agrario, despois na construción e finalmente onde máis tempo estiven foi na fábrica de Alúmina desde que esta comezou a súa antigüidade.

De cando data esta afección por coleccionar?

Pois de sempre, sempre me gustou moito ir aos mercados, vivín unha tempada en Madrid e desfrutaba indo aos rastros. Ata que veu a pandemia da Covid íamos eu e máis meu fillo a Porto ao rastro ,encántanos coñecer e descubrir novas antigüidades. Agora tárdanos volver, esperemos volver pronto a normalidade e recuperar esas celebracións.

Que tipo de antigüidades podemos encontrar?

Hai cousas moi variadas, na colección temos reloxos, temos máquinas de coser, aparellos de barbeiro, máquinas para pasar o ferro, material de cociña, candís, espadas e as radios que posiblemente sexa a día de hoxe o máis representativo da colección pola súa amplitude. Tiña tamén moitas pezas en madeira pero algunha botouse a perder pola humidade. Tamén fixen doazóns ao Museo do Pobo Galego, ao Museo Provincial e ao propio Museo do Mar de San Cibrao. Incluso a Toledo enviei unhas máquinas de mallar.

Onde é máis fácil atopar obxectos na propia zona ou en feiras especializadas?

É máis doado percorrer feiras para atopar obxectos de interese. Persoalmente penso que en Portugal hai un mercado moi interesante, por exemplo na temática das radios é máis doado encontrar artigos funcionando.

Cando decidiu enfocar o museo cara a temática da radio?

Pois a raíz de ver o museo da Radio de Luís del Olmo en Ponferrada. Igual fai 30 anos xa.

Cantas radios pode ter?

Pezas teño unhas 300, das cales a metade máis ou menos funcionan e están completas.

Hai algún modelo ao que lle teña un especial apego, ou valore por riba de todos?

Teño un denominado radio de capela ou de catedral mellor dito pola súa forma, algún entendido da materia estima que non  hai máis de 4 no mundo en bo estado. Conseguina en Porto.

Vostede é dos que lle gusta manipulalos ou prefire non tocar as pezas?

Non lles toco para nada, cada vez que se toca algo pódese modificar ou sufrir danos, o meu obxectivo é mantelo no mellor estado posible, conservalo exactamente igual que como chegou.

E vostede permite facer visitas sen ningún tipo de custe?

Por suposto, sen coste para poder ensinalos, e para compartir e parolar con eles. Esta afección é máis bonita se se pode compartir. Se ven un rapaz, non vai entender ao mellor, da importancia histórica da radio. Cando eu era pequeno non tíñamos radio na casa, éramos moi humildes. Solo o había na cantina e de pícaros íamos a ela escoitar a Pirenaica.

Que quere para o futuro da súa colección?

Seguir así, que veñan amigos velos, e poder compartir coñecementos. Os máis novos non teñen por xeral tanto coñecemento do funcionamento da radio e cada vez quedan menos afeccionados. Teño un fillo ao que tamén lle gusta coleccionar, espero que continúe coa tradición e desfrutando de todas estas pezas históricas.

0.20916891098022