Nabil Atef, perruquería Aisha: "Teño aceite de Argán caseiro para conseguir un pelo moi hidratado"
O veciño focego Nabil Atef procede dunha longa saga de barbeiros no meu pobo natal Oulad Massoud
Por Ana Somoza López.
Como comezou no negocio do peiteado?
Pois comecei no meu pobo natal, Oulad Massoud, que está situado na cordilleira do Atlas en Marrocos, traballando na barbería da miña familia. Meu pai, avó e tíos son todos barbeiros e dentistas, veño dunha longa saga de barbeiros.
Entón formouse alí?
Si, é unha barbería moi tradicional que leva ás súas costas 140 anos de historia. Eles son os meus referentes á hora de traballar.
Por iso decidiuse a abrir a súa propia?
Si claro, aínda que coa miña chegada a España tiven que traballar noutros sectores diferentes, o que me apetecía realmente era o negocio dos peiteados e barbería. E por iso, fai tres meses decidinme a dar o paso e abrir o meu propio negocio.
Que tratamentos ou servizos ofrece?
Ofrecemos cortes de pelo de todo tipo así como os cortes de barba que cada cliente desexe. Tamén facemos tinguidos, que agora están moi de moda os rubios e os platinos.
Que horario ten?
Pois abrimos diariamente de 9.30 a 13.30 e de 16.00 a 20.00 horas, e o martes descanso, e para acudir non é necesario pedir cita.
Cal é o utensilio que non pode faltar na súa barbería?
Pois conto con aceite de Argán caseiro que trouxen de Marrocos e sirve para darlle ao pelo un brillo e un tacto especial, e tamén serve para a pel. Con el conséguese un cabelo moi hidratado porque reduce a sequedade.
Conta con algún agasallo ou talismán?
Teño a navalla que usaban os meus avós para cortar o pelo, agora non se pode usar porque está moi desgastada xa, pero é un recordo moi importante da miña infancia.
Qué fai cando un cliente lle di, por exemplo, fai o que ti queiras?
Pois o que intento é sempre indagar e preguntarlle cousas ao cliente pois falando con el podes adiviñar os seus gustos e así facerlle un peiteado que lle guste, ademais miro moito como é a forma da cabeza e despois aconséllolle segundo o meu criterio.
Pero hoxe en día non se dá moito esa situación de facer o que queira, non?
A verdade é que non. Os clientes adoitan traer unha fotografía de alguén coñecido como un famoso ou un futbolista e piden facerlle o seu corte ou o seu corte de barba. Perdeuse un pouco o de vir e deixarse asesorar.
Que é o que máis demandan os clientes?
Hoxe en día os rapaces piden moito as raias nos lados da cabeza, está moi de moda. Pero á xente o que lle gusta é saír cun corte ben feito e que todo estea perfectamente rematado.
De onde son os seus clientes?
Maiormente son de Foz, obviamente, pero ven moita xente de toda a Mariña, de Burela, Mondoñedo, Lourenzá, etc, de feito teño un cliente de Mieres que vén cada mes.
Que tipo de corte lle gusta máis facer?
A min persoalmente gústame facer degradados, é dicir, corta o pelo ou a barba por zonas con diferente lonxitude para causar un efecto de difuminado, cunha gradación moi suave para que non se noten os chanzos dunha lonxitude a outra.
Se tivera a oportunidade, hai alguén en especial a quen lle gustaría cortarlle o cabelo?
Pois a verdade é que non, é dicir, todos os meus clientes son especiais. Eu prefiro cortarlle o pelo á veciñanza, á xente normal.