Jairo Míguez, Saiñas de Xove: “Temos un gran peso no Concello, xa que son case 40 anos de vida"

AMariñaXa
Falamos con Jairo Míguez Baño é o presidente da asociación cultural Saíñas de Xove unha asociación con 40 anos
Sainas de Xove
22 May 2022

Por Ana Somoza López.

Jairo Míguez Baño é o presidente da asociación cultural Saíñas de Xove.

Quen se atopa á fronte de Saíñas?

Uns meses antes da pandemia a A. C. Saíñas cambiou de directiva, e na actualidade eu, Jairo Míguez Baño, son quen presido esta asociación xunto a outros membros de Saíñas, que son músicos e bailadores, e que asumen os cargos de vicepresidente, Uxío Dayán Seara; de secretario, José María Casariego Guerreiro; de tesoureiro, Félix Gómez Guindo; e de vogal, Vanessa Chao Goás.

Cantos son?

A día de hoxe, a A. C. Saíñas supera en bo número os 100 socios repartidos en diferentes seccións ou grupos cos que conta a asociación: baile, pandeireta, gaita e percusión.

O grupo Saíñas componse de xente adulta, por así dicir, son os veteranos, de idades comprendidas entre os 20 e 55 anos, que paulatinamente vai integrando xente máis nova,  sendo o grupo no que os máis novos ven as súas expectativas realizadas cando chegan a formar parte del. O grupo Cacharelas componse de adolescentes e son o chanzo anterior ao grupo de adultos. A sección infantil dos Galochos integra membros de entre os 12 e 15 anos de idade. Por último están os máis pequenos que se están iniciando nesta fermosa aventura, nenos e nenas desde os 4 anos que se inician no baile tradicional e os de 6 anos que se atreven coa pandeireta, todos eles novas promesas que serán o futuro da nosa asociación.  Xunto a estes grupos, están outros membros, que ademais de seren bailadores, tamén tocan instrumentos: gaiteiros, pandereteiros e percusionistas. Dende a nova directiva, apostamos por achegar o folclore a toda persoa interesada en iniciarse na música e baile pero sen interese por actuar nun escenario; moitos deles son pais e nais dos rapaces da asociación que sentían unha certa inquietude pola cultura tradicional e están empezando a cantar, tocar e bailar coma unha actividade de lecer.

"Eu creo que o máis importante foi manterse viva tantos anos xa que para o vindeiro ano celébrase o cuadraxésimo aniversario da súa fundación."

Por que ese nome?

A nosa asociación recibe o nome da Punta Saíñas, unha punta de terra que se mete no mar e que se localiza na parroquia de Vilachá, moi pretoda illa de Sarón.

Que actividades fan?

Durante o ano a nosa asociación realiza dende hai xa uns cantos anos unha serie de eventos que ano tras ano contan cun número maior de participación e afluencia como son: o Festival Infantil, que se celebra nos días previos á Semana Santa e ao que se convida a asociacións da nosa comunidade ou do resto de España, coa fin de intercambiar experiencias folclóricas entre a mocidade; o Festival de San Bartolo que se organiza no verán polas festas patronais de Xove coa participación de grupos visitantes galegos e españois. Tamén se fan a Festa do Lacón e Foliada da Mariña. Outros eventos de especial relevancia son espectáculos de folclore tradicional que se foron creando desde o 2010 que recreaban vivencias dos anos pasados como No adro, O Muíño, A taberna, Tradición ou o máis recente Identidade, do 2017, que supoñen un enorme traballo para os membros da asociación tanto a nivel artístico, de decorado e vestiarios, e que tiveron unha moi boa acollida polo noso público.

Que aporta a asociación á vida cultural en Xove?

A nosa asociación ten un enorme peso no Concello de Xove xa que son case 40 anos que levamos de traballo continuo, dando a coñecer a cultura  tradicional. Asemede colaboramos coa Concellería de Cultura do noso concello en calquera actividade á que nos conviden. Participamos nas festas populares amenizando con pasarrúas, nas procesións, así como na inauguración e clausura de eventos culturais e deportivos. Tamén contan coa nosa axuda nas festas anuais como o Nadal, o Entroido, a Festa das Fillas de María, os Encontros de Palilleiras, actividades da Asociación de Comerciantes, entre outras.

Traballan e asistin a eventos doutros sitio?

Na medida do posible, e da dispoñibilidade que teñamos de datas, gústanos participar en seráns e foliadas ás que se nos convida ou outros tipos de celebracións xa que consideramos que é indispensable axudarnos entre as asociacións para que a nosa cultura perdure e se manteña viva.

Que necesidades ten a asociación?

Eu creo que non só a nosa asociación, senón que calquera asociación adicada á conservación e difusión da cultura tradicional, debe ter maior apoio por parte das institucións competentes, no senso de promover  que todas as persoas a coñezan e respecten, e defender o labor que desenvolven estas asociacións xa que o folclore é un dos elementos de identidade de cada sociedade.

Contan co apoio municipal?

Non podemos ter un Concello que nos apoie máis ca o de Xove pois sempre contamos co seu apoio económico e a súa colaboración en todas as actividades que realizamos, ademais de dotarnos de locais onde poder ensaiar, reunirnos  ou actuar. Por todo isto, quero expresar o meu agradecemento ao noso concello pola súa continua accesibilidade e preocupación pola nosa asociación.

Que é o máis importante que conseguiu a asociación?

Eu creo que o máis importante foi manterse viva tantos anos xa que para o vindeiro ano celébrase o cuadraxésimo aniversario da súa fundación. Para os que levamos case desde o inicio da mesma, gustaríame destacar a unión de todos os membros e paixón que sempre mostramos pola nosa cultura así como todas as experiencias que vivimos en nesta gran “familia”. Foron moitas as actuacións e viaxes realizados polo territorio galego, español e europeo ao longo de catro décadas visitando países como Dinamarca, Portugal, Francia, Suíza, Italia, ou Alemaña nos festiviais de Europeade, así como cidades españolas  en intercambios folclóricos con Murcia, Asturias, León, Burgos, A Coruña, Granada, Valencia, etc. Participamos en concursos de baile como o que organiza Xacarandaina na Coruña e no que acadamos por dúas veces o primeiro posto. Tamén é de destacar un dos nosos maiores logros, como o de sermos os representantes de Galicia no Festival Intercéltico de Lorient no 2018.

Teñen proxectos de futuro?

A curto prazo están as actividades para celebrar, das xa citadas, que se realizan anualmente, e algunha actuación que confirmaremos próximamente e outras que adoitan xurdir durante os meses de verán, e tamén moitas outras nas que estamos a traballar para o vindeiro curso e que sirvan para conmemorar os 40 anos da nosa asociación. E a longo prazo, o principal proxecto é tratar de manter viva a A. C. Saíñas e que a poidamos ver continuar co seu labor de defensa, respecto e difusión da noso patrimonio inmaterial como é o baile e música tradicional.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18291306495667