Jorge Val: “Temos en mente facer unha residencia para a terceira idade”

AMariñaXa
Falamos co rexedor de Alfoz, o socialista Jorge Val que dende o 2015 está á fronte do Concello pequeno pero cun amplo patrimonio
foto jorge val alcalde alfoz 2022
27 Nov 2022

Por Ana Somoza López.

O socialista Jorge Val é o alcalde de Alfoz dende o ano 2015.

Jorge Val é o alcalde de Alfoz dende o 2015, un Concello pequeno pero cun amplo patrimonio arquitectónico e cultural.

Pode facernos un balance desta lexislatura?

O balance deste ano podemos dicir que foi e está sendo positivo pois fixéronse moitas cousas a pesar da pandemia e tamén co tema da guerra de Ucraína xa que se dispararon os prezos o que fai que moitas veces non se dean controlado os prezos e cálculos para obras. Non temos que ser ambiciosos, por suposto que nos gustaría facer máis pero hai que ir pouco a pouco e adaptándose.

De que proxecto se sinte máis orgulloso?

Pois nestes anos de traballo fixemos unha nave para almacenar a maquinaria municipal cun convenio coa Deputación que está situada na Granda de San Pedro. Levamos a cabo a rehabilitación dunha antiga vivenda de mestres no núcleo da Pinguela para alugueiro. Seguimos ampliando e mellorando os alumeados públicos, mantemento de pistas e estradas, e este ano vanse facer traballos de melloras no Castelo de Castrodouro para que sexa un centro de turismo para a Mariña.

“As actividades son posibles grazas ao traballo do día a día por parte dos traballadores municipais así como doutros que se contratan con programas sociais”

No tocante ás instalacións deportivas creamos unha pista de pádel xa que era unha modalidade moi demandada. E grazas aos fondos europeos puidemos facer o despregue da fibra óptica en todo o Concello.

Que quedaría por facer de cara a este ano?

Pois aínda quedarían cousiñas, pero hai que ir aos poucos. O que máis nos gustaría é que xa comezou e estamos tramitando para rematar despois de 25 anos a concentración parcelaria.

Ten algún proxecto que quede no tinteiro para os vindeiros anos?

Temos en mente facer unha residencia para a terceira idade, para a que xa temos o estudo de custes feito, e a creación dun polígono industrial. Pois serían dúas formas de atraer e fixar poboación pois coa residencia os maiores non se terían que trasladar das súas vivendas e co polígono asentaríanse novos negocios así como amplialos o que permitiría traer máis emprego e veciñanza. Son maneiras de atraer xente ao rural.

Hai localización para o polígono?

Aínda non pois é unha decisión conxunta cos empresarios e da que ademais dependen moitos factores como se está afectada por Patrimonio, por Augas de Galicia, etc, as cales condicionan o seu sitio. O que si que nos gustaría é que fose nun sitio céntrico e dotado de servizos.

Que outras necesidades ten o Concello a día de hoxe?

Pois algunhas das máis importantes son o tema do polígono para poder ampliar espazos e ter un area industrial e tamén o PXOM. Ademais do que a sociedade vaia demandando pouco a pouco como son as melloras de estradas e fochancas ou o saneamento, malia que nesta infraestrutura necesitaríamos axuda doutras administracións pois temos unha poboación moi dispersa.

Alfoz conta cun amplo orzamento municipal, preto dun millón máis que o ano pasado. Como é posible facer esta xestión?

Aumentamos case un terzo o orzamento debido ás achegas da Deputación e dos fondos do Estado así como das subvencións concedidas pola Xunta. Tamén na mellora da xestión de recadación e gastos. Ao final é como xestionar unha casa.

Algún capítulo a destacar?

Pois un dos máis importantes é o servizo de axuda no fogar ou SAF no que aumentamos as horas e queremos aumentar máis, xa que fixemos a RPT e as traballadoras van pasar de 4 a 8 horas. Oxalá non haxa listas de espera xa que é un servizo fundamental, moi demandado por moita xente.

Contan cunha gran oferta de cursos e actividades para os veciños. Así como de instalacións como pista de pádel, a biblioteca, locais sociais, etc. Que supón para a veciñanza?

Pois todas estas actividades son posibles grazas ao traballo do día a día por parte dos traballadores municipais así como doutros que se contratan con programas sociais como a ximnasia de mantemento, ioga, cursos de memoria para adultos, magostos, etc. Temos moitas asociacións, unha en cada parroquia, as cales fan moitas actividades e organizan festas, cursos, etc. Temos o mes da música, mes do teatro, cursos de entretemento e de aprender algo como micoloxía, baile ou de mantemento de castiñeiros.

 

O Mercado Medieval, os Chóferes, a do Trece, son festas que axudan a consolidar a comarca?

Todas estas festas son un atractivo turístico e unha posta en valor de Alfoz para que a xente da comarca e doutras comunidades nos visite. Temos as festas da tempada nas parroquias e despois as grandes citas como as mencionadas antes, nas que contamos con moitos visitantes.

Que melloras se farán no Castelo?

No Castelo vanse facer obras no tema da seguridade colocando varandas e proteccións para os visitantes, xa que queremos facer un centro de interpretación do Mariscal que terá documentación, libros e exposicións permanentes e outras actividades lúdicas durante todo o ano. A contorna e as vistas que ten préstanse para moitas actividades e é un complemento para toda a comarca.

Tamén contan cunha nova bandeira. Como foi este proceso e por que?

Alfoz xa tiña un escudo pero non contaba con bandeira oficial para actos, polo que quixemos creala e plasmar nela o espírito do municipio. Ten un fondo verde que simboliza o val, a torre, sinal de identidade do Concello de Alfoz está en branco, e os símbolos do escudo de armas do mariscal Pardo de Cela en azul sobre un campo amarelo.

castelo castroduro alfoz
corporacion alfoz concello
deputacion alfoz local social da asociacion de vecinos de Carballido
inauguracion mercado medieval alfoz 2022
0.20138788223267