José Luis Pajón: “Son necesarios este tipo de servizos para fixar poboación”

AMariñaXa
Entrevista a José Luís Pajón Camba leva dende o 2015 sendo o rexedor do Concello de Ourol, pero moitos anos máis formando parte del
Alcalde Ourol Jose Luis Pajon 1
19 Xuño 2022

Por Ana Somoza López.

O rexedor ourolés, José Luis Pajón, ocupa o sillón municipal dende 2015.

José Luís Pajón Camba leva dende o 2015 sendo o rexedor do Concello de Ourol, pero leva moitos anos máis formando parte del na súa posición de concelleiro.

Pode facernos unha balance desta lexislatura?

Desgraciadamente foi un ano complicado para todos pero nós desde o Concello tratamos de continuar día a día prestando todos os servizos que se puideron. Aínda os comezos deste ano foron difíciles pois a pandemia estaba moi latente e houbo algún contaxio. O servizo a domicilio foi quizais o máis complicado xa que chegamos a un punto onde só estabamos atendendo aos dependentes e lles asignábamos unha coidadora individual para que non houbera contaxios. Pero no resto dos temas do Concello puidemos seguir e seguimos con obras do Plan Único 2020, Agader, Fondo de Compensación, recollida de lixo, etc.

Que quedaría por facer de cara a este ano?

Estamos executando o  Plan Único da Deputación do 2021 no que son asfaltados e aglomerados en vías de case todas as parroquias. Tamén temos pendente que nos concedan a axuda do Fondo de Compensación que irá destinado a dúas obras, a primeira para a mellora do tellado e carpintería metálica da Escola de San Pantaleón e a outra para unha obra na captación de auga no río Xestosa. Esta última son arredor de 50.000 euros e trátase da construción dos pozos filtrantes pois estamos a ter problemas cos sedimentos na depuradora de augas.

“Prevese que neste ano o proxecto esté rematado. Terá 30 prazas de residencia e 16 de centro de día e conta cun investimento de preto dos dous millóns de euros”

Cal é o maior proxecto que se levou a cabo no Concello dende que se atopa á fronte?

O maior proxecto e que aínda estamos tratando de que poida ser unha realidade, sería a residencia de maiores. Pero se falamos de proxectos xa feitos, eu diría que o de mellorar a rede de subministro de auga pois as instalacións estaban un pouco abandonadas e desfasadas tecnoloxicamente falando. Os tempos evolucionan e agora tras facer importantes investimentos repuxéronse as tubaxes deterioradas, arquetas, mecanismos de corte, ventosas para o eliminado de aire, e tamén fixemos unha instalación de clorificadores automáticos. Así mesmo instalamos unha aplicación informática para saber en todo momento a cantidade de cloro que ten a auga e o nivel que ten o depósito, así, en caso de avaría podemos cortar un tramo en concreto e así non desperdiciamos nin derramamos unha pinga.

Por outra banda, marcámonos o obxectivo de que todas estas antigas escolas rurais, que agora serven de centros sociais nas parroquias, sexan rehabilitadas na súa totalidade. Aínda non están todas rehabilitadas pero no fondo deste ano hai unha partida destinada á de San Pantaleón e para o ano tocará a de Bravos e cambiar o tellado á de Sixto, porque nesta xa actuamos facendo melloras na carpintería metálica..

Ourol conta con moito turismo?

Pois a verdade é que si, sobre todo no verán. O Aturuxo atrae moita xente e este ano chega a súa décima edición, contamos con área de autocaravanas que ten moita afluencia e no que prestamos un servizo completo de electricidade, saneamento, etc. Así como un bo servizo na piscina pública.

Contan con algún proxecto para incentivalo?

Estamos creando unha pequena ruta turística do patrimonio indiano en Ourol e seguramente en agosto poderémola botar a andar. Sinalaremos unha vintena de casas e o cemiterio na parroquia de Xerdiz cunhas placas que teñan un código QR que ao acceder contará a historia da vivenda, o ano da construción e datos curiosos. Tamén poñeremos en marcha un percorrido durante as fins de semana polos sitios máis emblemáticos cun autobús clásico. É unha iniciativa que potenciará o atractivo turístico do municipio.

Prevese construír unha residencia con centro de día, como se atopa este proxecto?

Está todo bastante avanzado, moi definido e contamos cun informe técnico dun arquitecto confirmando a viabilidade urbanística. Xa está feito o anteproxecto pola Deputación e agora estamos rematando uns trámites para a parcela e cederllos para que eles xa se podan ocupar de todo.

Este centro farase á beira do edificio multiúsos e tivemos que mercar dúas parcelas anexas para poder urbanizar unha rúa que pasa por alí e para que se completara o solar edificable e que conte con zona verde, área de recreo e espazos libres ao pé do edificio. Previse que neste ano o proxecto este rematado e terá 30 prazas de residencia e 16 de centro de día e conta cun investimento de preto dos dous millóns de euros.

No 2020 implantaron un sistema de xeolocalización para emerxencias, como funciona este servizo?

É un servizo que funciona moi ben pois somos un Concello moi grande e moi disperso no que vive moita xente maior, e cando as ambulancias ou os bombeiros teñen que vir poden facelos con total seguridade e chegar máis fácil e correctamente pois esta aplicación explícalle o ancho das vías, se poden pasar, cal é o camiño máis corto, etc.

Houbo recentemente problemas no centro de saúde. Como se atopa agora mesmo?

O primeiro que hai que dicir é que máis do 50 % da nosa poboación son maiores de 65 anos e so contamos cun médico para todo á veciñanza. O tema foi que durante a semana previa a Semana Santa o médico púxose de baixa e coa mala fortuna que a substituta que mandaron tivo un accidente e non puido vir dende o terceiro día. Chamei a Sanidade e ao Conselleiro e seguimos si ter unha solución nin unha resposta convincente a esta situación. Ademais nun Concello rural é moi necesario este tipo de servizos para poder fixar poboación. E seguimos traballando para que este concello conte cun médico todos os días.

Outros dos grandes eixos do ano foron os peches das oficinas bancarias. Afectou a Ourol?

No Concello contamos cunha oficina que antes da pandemia abría de luns a venres, durante o confinamento por seguridade a oficina tan só abría os luns e xoves, e polo de agora seguimos igual e creo que seguirá así visto o exemplo dos concellos de arredor. Cando comezou o tema de que había que prestar servizo aos maiores pois chamáronme da dirección provincial para dicirme que esta oficina non se ía pechar. E que isto debería considerarse un servizo esencial pois hoxe en día temos que negociar ou tratar cos bancos queiramos ou non.

Como se atopa o tema do lobo?

Pois houbo momentos moi complicados o ano pasado pero agora non se está falando deste tema porque xa non están a atacar, como xa matou todas as ovellas preto das casas pois xa non teñen que comer e vanse a outros lugares. Agora segue habendo algún dano pero non se están producindo preto das vivendas pero os gandeiros seguen tendo baixas e seguirán mentres non se tomen medidas de control de poboación.

Ten algún proxecto de cara ao futuro?

Temos a ilusión de recuperar o colexio Vicente Casabella  que pechou as súas portas no curso 2014/2015. Agora mesmo hai o dobre de nenos que naqueles anos así que solicitaremos a reapertura del.

vista aerea Ourol
casa indiana Ourol
casa indiana Ourol 3
centro saude Ourol
0.21151399612427