Belén Antolín, Barreiros Mar e Monte: “Somos unha gran familia itinerante que goza das actividades pola Mariña"
Por Ana Somoza López.
Belén Antolín, presidenta do grupo de sendeirismo Barreiros Mar e Monte.
Que é Barreiros Mar e Monte?
Pois somos un grupo de amigos que nos xuntamos para facer roteiros e comer pola Mariña e a súa contorna.
Como xurdiu este grupo?
Xurdiu como un grupo de Facebook para organizar actividades, en principio semanais.... e logo atopámonos con Xesús Seivane do Café Bar Moderno, máis coñecido como o Markés, que levaba organizando hai tempo roteiros por Barreiros e unimos sinerxias.
Quen se atopa á fronte?
Parece que a cara visible do grupo son eu, pero realmente somos un equipo no que está Alberto, que está pendente en todos os roteiros de calquera incidente que poida xurdir, ademais de asesorar ao grupo; Guillermo e Bao que son os nosos guías expertos en roteiros por Barreiros; JM que sempre colabora e organiza; Suso do Moderno que nos transmite sempre a súa paixón polo Concello e sempre a anda leando; Cervantes e Marilú que son o núcleo duro..... e moitos máis máis, que me desculpen se me esquezo de alguén.
Son todos de Barreiros?
Moitos vivimos aquí aínda que non nacemos en Barreiros e outros moitos veñen pasar tempadas e atópanse coa súa familia de roteiros como así nos din.
Onde se reunen?
Pois nas nosas casas e xardíns particulares e nas sobremesas das comidas semanais, de feito aí xa saíron varios proxectos.
Non temos local aínda e de feito fago un chamamento a se alguén pode ou quere cedernos un sería xenial.
Que obxetivos perseguen?
Pois realmente deixamos fluír un pouco as ideas pero en principio, achegar experiencias, roteiros, comidas, folclore, xuntanzas...
Quen forma parte ou pode formar parte?
Agora mesmo formamos parte unha chea de xente, internautas e amigos do grupo de Facebook, que son 2.100 membros. Pero que participen nas actividades, pois depende, neste último fomos 16 ao roteiro e o xantar, aínda que no aniversario e ceas de Nadal chegamos a ser ata 90.
Somos un grupo aberto, calquera persoa con boa enerxía e positivo que queira compartir o amor pola zona é benvido, incluídos os cans.
Que destacades das actividades que facedes?
Pois realmente o bo ambiente e a flexibilidade, facemos roteiros case á carta.
A Mariña conta con asociacións como a súa?
Mar e Monte realmente é un grupo de Facebook e de WhatsApp onde anunciamos actividades, compartimos información da zona, colgamos fotos, eventos, gastronomía e divulgamos o expectacular que é Barreiros e a súa controna. Únenos a paixón pola zona e o bo ambiente. Sei que hai asociacións de sendeirismo pola zona, por exemplo en Foz, Lourenzá etc., pero coa nosa filosofía creo que non porque a nós diferencianos sobre todo a adaptación ás demandas, o que ao final fainos ser somo unha gran familia de persoas itinerantes que cando veñen a Barreiros sentes como que estás na casa, temos recepcións de benvida e despedida e todo, vemos partidos de futbol, imos xantar, por suposto a andar, compartimos o folclore mariñao, temos gaiteiro e todo, o noso amigo Antón.
Cal foi o roteiro máis curioso?
Non se dicir só un pois facemos algúns raros. Na festa do Samaín, por exemplo, fixemos un roteiro nocturno e subimos a pé a Santo Estevo, ceamos alí e fixemos queimada co seu conxuro a cargo do Markés. Outra curiosa foi a camiñada nocturna ás Catedrais con cea-bocadillo. E que dicir do último baño do ano no que todos os 31 de decembro nos xuntamos na praia de Altar e os que non nos bañamos animamosvestidos de monxes. E tamén imposible esquecer as ceas e comidas do Nadal, do 24 e 31 de decembro, onde nos xuntamos 20 ou 30 persoas que nos coñecíamos moi pouco pero cos que hai un nexo especial, ou os roteiros onde durmimos fóra.
E o máis longo?
Algún con Guillermo Otero o noso guía experto de Barreiros ou o que fixemos no Val do Silencio nos Oscos de case 20 quilometros.
O que maior participantes tivo? Creo que foi no cuarto aniversario, o 17 de xaneiro participamos 88 persoas e houbo roteiro, xantar, gaitas con Roberto o Gaiteiro, teatro co rupo Trípode, sobremesa, baile, risas. Un día completo de actividades.
De cara aos vindeiros meses, teñen algún proxecto en mente?
En abril temos previstas roteiros ao Valadouro, San Tirso de Abres, o roteiro do Ferro de Riotorto e Santo Estevo do Ermo. Todas coas súas respectivas comidas e sobremesas.
Fan colaboracións con outros grupos?
Durante catro veráns colaboramos facendo de guías no bus cultural por Barreiros onde Tongo Randeira, experto en historia e folclore galego fixo de guía de maneira altruísta, do mesmo xeito que nos colaboramos con outros grupos de Barreiros e arredores. Tamén axudamos co Entroido, recadación dos premios, colaboración coa carreira das praias, de Reis... axudamos coa recuperación do lavadoiro Aspera-Vilar, limpeza de praias, etc... quen necesite colaboración xa sabe a aí estamos.
Cal é súa marca personal?
Podo dicir con moita alegría que aquí, nesta familia de Mar e Monte teño a moi bos amigos dos de verdade, e sobre todo que grazas a coñecerse neste grupo tamén se forxaron amizades das boas. Así que, que máis se pode pedir? Quen queira probar e atrévase, xa sabe, Mar e Monte en estado puro...ollo.
Como se poden poñer en contacto a xente para participar?
Pois nas nosas redes sociais Barreirosmaremonte, no teleéfono e Whatsapp 622 758 079.