Demetrio Salgueiro: “Somos un Concello referente en servizos sociais”

AMariñaXa
Entrevista a Demetrio Salgueiro que fala do presente e futuro do Concello de Xove así como das súas necesidades
demetrio salgueiro alcalde de xove
13 Mar 2022

Por Ana Somoza López.

Demetrio Salgueiro atópase á fronte do Concello de Xove dende fai 15 anos.

Como é Xove como Concello?

Xove é un Concello industrial debido á presenza de Alcoa e as súas auxiliares e tamén a planta de Pescanova. Nos primeiros anos Xove foi un Concello rural que vivía da pesca e do agro, e coa chegada da factoría pasouse a vivir do sector industrial e del case a maioría da poboación, aínda que quedan algunhas explotacións agrícolas.

Cales son os beneficios de Xove fronte a outros municipios?

Destacamos por ter unha gran cantidade de servizos similares aos dunha cidade media e con prezos públicos e cun nivel impositivo relativamente baixo o que fai que Xove sexa un lugar moi agradable para vivir. Así mesmo, estamos moi próximos a outros núcleos de poboación importantes como Burela, Viveiro, etc, no caso da costa lucense, e preto da autovía e doutras vilas. Todo isto fai que non esteamos perdendo poboación como outros lugares máis rurais, de feito, no último censo aumentamos un pouco.

Cal é o maior proxecto que se levou a cabo no Concello dende que goberna?

O máis importante é que melloramos as infraestruturas a nivel xeral tanto no núcleo urbano como no rural, melloramos as infraestruturas das nosas aldeas, as distintas estradas de titularidade municipal, os accesos a todas as vivendas, e tamén estamos acabando a renovación de todo o alumeado público a tecnoloxía led.

E no relativo ás novas tecnoloxías?

Neste senso estamos investindo moito e contamos con varias instalacións fotovoltaicas co fin de reducir as emisións de CO2 e promover as enerxías renovables. Así mesmo temos  tres caldeiras de biomasa funcionando.

"Nos cremos que hai que traballar para as persoas xa que ao fin e o cabo nos estamos aquí grazas a eles e o seu apoio, por iso é o noso deber axudalos e devolverlles uns bos servizos e beneficios"

Que tipo de investimentos se fixeron relacionados co turismo?

Si, e tamén comezan a dar os seus froitos. Dende fai uns anos levamos traballando de xeito importante para constituírnos nun foco turístico porque cremos que Xove ten moito que ensinar, conta cunha costa moi importante e moi ben conservada así como unha zona de montaña espectacular. Por iso cremos que temos un potencial turístico importante e de aí que esteamos asignando recursos neste eido.

"Levo loitando case desde o principio do mandato pola  creación dun porto deportivo en Morás"

Ten algún proxecto no tinteiro?

Teño un proxecto no que levo loitando case desde o principio do mandato e que por temas burocráticos foise paralizando, que é a creación dun porto deportivo en Morás. Sería unha intalación que contaria cun dique novo de abrigo para protexer as embarcacións profesionais e con pantaláns para o amarre de embarcacións deportivas de diferentes esloras. Precisamente esta semana tivemos unha reunión con persoas de Portos de Galicia e xa tivemos fai uns meses con Costas do Estado no que se comprometeron a entregar os terreos para poder facer as obras. Ver esa infraestrutura encheríame de orgullo pois é algo no que levamos loitando moito tempo e é unha demanda histórica co Concello, pero parece que vai dando algún pasiño para poder ver a luz.

Como se atopa a ampliación do polígono industrial?

Esta semana tiven unha reunión con Xestur para tratar de avanzar neste tema. Xa hai unha proposta de zonas pero o polígono de Camba ten un pequeno problema por un dos lados porque hai un rego que se salvará cunha ubicación ao lad. Con iso podemos ir avanzando na futura adquisición dos terreos para facer a ampliación.

Estudou Ciencias Económicas, sírvelle como base para tomar algunha decisión?

Efectivamente os estudos danme uns cimentos en materia económica que doutra maneira non podería ter o que faría que tivera que apoiarme ou asesorarme. Pero teño que dicir que de ser así, os técnicos municipais que temos no Concello son un exemplo de traballo e de saber facer e é un gusto traballar en equipo con eles.

Como lle gustaría que fose Xove nun futuro?

Que fora un pobo no que os veciños se sintan orgullosos de vivir e de ser de Xove, que sigan tendo servizos e infraestruturas de calidade e que se vaian mellorando pouco a pouco e que sexa un referente na Mariña. Pero o máis importante é que os veciños se sintan cómodos para asentarse e vivir tranquilamente.

Que quedaría por facer de cara ao futuro?

As tres cousas fundamentais que teño pendentes para sacar adiante e que levan enquistadas tempo son as estradas da Deputación, o porto deportivo de Moras e a ampliación do polígono industrial. No tocante ás estradas provinciais de acceso ás parroquias, que pertencen á Deputación, temos un compromiso do presidente, que espero que se cumpra, e así poder sacar adiante todas esas melloras na rede viaria. Estamos traballando para mellorar a propia imaxe dos edificios municipais e temos un acordo co colexio de arquitectos de Lugo para facer un concurso de ideas e darlle unha volta ao complexo do centro cívico. No su momento cando se fixo foi un referente construtivo e agora mesmo quedouse un pouco anticuado polo que queremos darlle un folgo para modernizalo e facelo máis atractivo.

Que logros se acadaron nestes anos no Concello?

Pois fíxose a nivel municipal unha relación de postos de traballo ou RPT, aprobamos un Plan Xeral de Ordenación Municipal no ano 2012, no que fomos dos primeiros concellos en facelo. Tamén melloramos a xestión das contas municipais, no que creo que tamén somos un exemplo, xa que non temos débedas e pagamos aos provedores nun prazo moi breve moito antes do que permite a lei. É certo que os ingresos que nos da Alcoa tamén posibilitan que non pasaramos problemas económicos en ningún momento e que proporcionemos os bos servizos que temos.

Contan cun amplo abano de axudas para a poboación?

Si, somos un Concello referente en servizos sociais porque asignamos unha parte moi importante dos orzamentos a eles tanto para o SAF, como para a gardaría municipal ou os propios servizos para a xuventude. Asignamos preto de 200.000 euros anuais ás diferentes asociacións culturais e deportivas do Concello, ás que quero agradecer o seu traballo desinteresado, o que posibilita que fagan o seu labor e sexan un servizo importantísimo para o Concello.

Tamén teñen axudas para a mocidade?

Contamos con axudas ao estudo ás que asignamos preto de 70.000 euros todos os anos e que engloban a universitarios, estudantes do CEIP, mobilidade, transporte, comedor, etc. E que ademais son compatibles con outras axudas. A nosa idea é que ninguén se quede sen estudar por ter poucos recursos e para nos é un orgullo poder axudar aos nosos rapaces.

E no relativo ao emprego?

Dentro das axudas que mencionaba antes temos un plan de emprego para axudalos a atopar un posto de traballo ao que destinamos máis de 70.000 euros co fin de que as empresas que contraten desempregados do Concello de Xove teñan unha axuda anual durante tres anos. Neste caso son axudas importantes e posibilitou que moitos mozos atoparan o seu primeiro emprego e que sigan traballando despois dos tres anos na mesma empresa que lles deu unha oportunidade. Tamén temos axudas para os traballadores que queiran darse de alta como autónomos e crear o seu propio posto de traballo. É un plan de emprego que está sendo un éxito dende fai moitos anos e que é un labor social moi importante para nos. Nos cremos que hai que traballar para as persoas xa que ao fin e o cabo nos estamos aquí grazas a eles e o seu apoio, e non queremos defraudalos por iso é o noso deber axudalos e devolverlles uns bos servizos e beneficios.

Como alcalde, cal foi o maior reto ao que se tivo que afrontar?

Pois despois destes 15 anos que levo sendo alcalde o momento máis duro sen dúbida foi o vivido nestes dous últimos anos polo tema de Alcoa. Foi unha situación de incerteza e de sufrimento da poboación xa que hai unha parte importante de xente nova que traballa alí e perdería o seu emprego así como a nivel municipal, pois non víamos expectativas para a comarca.

Como se supera esta situación?

Supérase pouco a pouco e con moita preocupación, como veciño e como alcalde. Aínda que o meu posto de traballo non está en Alcoa si que coñezo e teño amigos e familiares que traballan alí polo que vivín con moita preocupación e con moitas noites sen durmir.

Estes días Endesa e Alcoa asinaron un acordo, como se recibiu esta nova?

Por suposto, agora vemos un pouco de esperanza coa noticia que están saíndo de subministración de enerxía renovable a dez anos de Endesa con Alcoa. E esperamos tamén que se retome a produción o antes posible,aínda que xa sabemos que é no 2024, pero se fora antes mellor e que ademais se garantan os postos de traballo durante moitos anos.

Como ve o o asentamento de Altri na comarca?

Sobre este tema quero ser prudente, e dicir, que todo o que veña para a Mariña é moi bo pero o primeiro e manter o que temos e no noso caso é manter a planta de aluminio. O de Altri vémolo con ganas e con esperanza pero tamén cun pouco de precaución á espera dos estudos técnicos que avalen se é viable ou non o seu emprazamento na comarca. Porque esta planta ten uns requisitos moi importantes de auga continua tanto de entrada como de evacuación, pero temos a vantaxe de contar cun amplo territorio forestal para o seu desenvolvemento. En principio hai un compromiso por parte da Xunta de que si se cumpren os requisitos pois traerase para a Mariña. Pero debemos ser cautos.

0.19282793998718