Asociación Pesca Recreativa Burela: “Queremos levar a cabo talleres para ensinar e fomentar a pesca recreativa”
Por Ana Somoza López.
Gloria González, secretaria da nova Asociación de Pesca Recreativa Burela.
Naceu en Burela a Asociación de Pesca Recreativa da man de dúas mulleres tenaces e decididas:, Ana Argiz e Gloria González, que son parte da directiva xunto con Antón Valdés.
Quen se atopa á fronte?
Pois na directiva desta nova asociación estamos Ana Argiz como presidenta, Antón Valdés de tesoureiro e máis eu de vicepresidenta. Así como numerosos vogais que se encargarán de que o colectivo consiga os retos para os que foi constituída.
En que momento xurde a idea de crear a asociación?
A idea de crear a asociación xurde no momento en que precisamos os pescadores unir esforzos para intentar conseguir zonas autorizadas para poder exercer a nosa afección común, a pesca. Dende o mes de xuño tanto Portos de Galicia como a empresa madeireira concesionaria botaron aos pescadores do peirao comercial cando se levaba un ano convivindo sen ningún problema.
Este foi o momento crucial para a creación?
Si, esta decisión provocou a masificación do resto das escasas zonas permitidas de pesca, de que houbera pescadores que intentaran pescar noutras zonas sen actividade pero que ao non estar permitidas provocaran a súa expulsión con advertencia ou sanción, por parte da Garda Civil, e incluso que moitos pescadores optaran por marcharse a outras vilas ou á veciña comunidade de Asturias.
Con que respaldo contan?
Contamos co respaldo do numeroso grupo de pescadores e co pobo de Burela en xeral que nos axudou no seu día cando se recolleron 1.500 sinaturas en apoio á pesca recreativa.
Con cantos socios arranca e que previsións hai?
Contamos con arrancar a asociación cuns 100 socios e a nosa área de actuación será de momento a nivel provincial.
Cales van ser as primeiras accións?
Entre as nosas accións está previsto solicitar unha reunión con Portos de Galicia, xa que cada día dispoñemos de menos espazo nas escasas zonas autorizadas para a práctica da pesca recreativa. Xa nos reunimos co alcalde e a concelleira de Mar, así como cos restantes partidos políticos para conseguir o seu apoio e tamén co capitán da Garda Civil do cuartel de Burela.
E a longo prazo, que proxectos teñen?
No tocante ao longo prazo esperamos poder levar a cabo talleres de pesca para os máis pequenos para que vexan como é este mundo e fomentar así esta práctica e ensinando valores. Tamén gustaríanos facer algunha quedada de pescadores no Porto de Burela.
Que necesidades se lles plantexan?
Agora mesmo teríamos a necesidade dun local para a asociación, polo que nos poñerenos na lista de espera do Concello de Burela xa que están moi solicitados.
Que resposta están atopando por parte da administración?
A administración local está a axudarnos moito nos trámites para arrancar.