Martín Lestao, Asociación Burela Floral: "Queremos animar á xente nova para que haxa relevo xeracional"

AMariñaXa
Falamos con burelés Martín Lestao, presidente da Asociación Burela Floral, que é a encargada de realizar as alfombras na vila.
asociacion floral burela 2021 2
5 Xuño 2021

Por Ana Somoza López.

Falamos con burelés Martín Lestao, presidente da Asociación Burela Floral, que é a encargada de realizar as alfombras na vila, unha tradición que se remonta a fai 28 anos.

Como comezou con este tipo de arte como son as alfombras florais?

Eu estudei Belas Artes en Pontevedra, pero quizáis comecei porque na miña familia temos todos unha vea artística. Aínda que levo metido no mundo das alfombras florais moito tempo por tradición familiar xa que antes de facer a alfombra enteira facíanse rosetóns no percorrido diante da igrexa, por debaixo da ponte, no porto... e a que estaba debaixo da ponte comezouna a miña tía María das flores, miña nai, Ángeles de Muebles Toxeiro, etc, e ano tras ano e pouco a pouco empeza a meterse a familia e acaba sendo unha tradición.

Cal é o seu labor?

Desde o 2012 levo coordinando o tramo de toxeiro, desde a ponte da vía ata Calzados Tomás. Ademais de que fago plantillas, aporto debuxos e tamén algunha creación propia para a alfombra.

Canto se tarda en facer un tapiz? 

Pois depende do tamaño e do nivel de detalle que leve pois a maior nivel de detalle máis tempo nos vai levar, xa que o material co que traballamos é en bruto, é dicir, hai que ilo preparando.

Con que tipo de materiais traballades?

Empregamos flores como margaridas, hortensias, claveles, rosas...calquer flor que aguante o paso de tempo e utilizamos a flor enteira ou a desfollamos para utilizala en diferentes partes. Tamén usamos virutas tinguidas, serrín de cores, sal de cores e ciprés para o verde.

Como é o proceso de creación?

Dentro do que era a normalidade pre pandemia, unha alfombra levaba un mes de traballo pois durante ese tempo hai que preparar todo o material. Por exemplo en abril comezaríamos coas plantillas e xa a primeira semana de maio comézase a cortar o ciprés, tarefa que dura unhas tres semanas, e xa na última combínase co traballo de preparación da flor.

Como se manteñen os materiais durante todo ese tempo?

O verde gardámolo en caixas sen amontonalo e nun lugar a escuras ou con pouca luz ademais de que ten que estar seco para que non se estrague. A maioría das flores trabállanse en dous ou tres días e aguantan bastante ben a hortensia e o clavel aguantan moito tempo, e por exemplo as señoras maiores ensináronos que a margarida hai que gardala por capas con follas de xornais húmidas entre as capas.  Pero iso si, para traballalas teñen que estar secas porque se traen algo de humidade podrece todo.

Como traballaban na alfombra antes da pandemia ?

Para a alfombra tradicional de Burela, a que vai da igrexa ao porto, trabállase por tramos e somos 5, e cada tramo conta con arredor de 30 a 50 persoas. O mes anterior ás festas xuntámonos ás noites despois de traballar nun baixo para picar o verde ou a tinguir o serrín ou o labor que toque, e estamos falando, contamos chistes, levamos biscoitos, facemos unha chocolatada despois, etc. Pasámolo moi ben

Dende a asociación contribúen na divulgación deste labor?

Si, facemos algunhas actividades e obradoiros sobre todo para nenos. Queremos animar á xente nova para que non se perda esta tradición e que haxa relevo xeracional. Tiñamos o proxecto de ir a colexios a ensinar esta tarefa aos cativos pero viu a covid e non puidemos comezar. Tamén facemos talleres para así inculcarlle á xente o bonito deste traballo e así procurar que se involucre máis a xente nova.

É unha tradición de Burela?

É unha tradición de Burela e sobre todo dos pobos marítimos, son cultura e riqueza para nos. Que sería dunhas festas sen alfombra floral? Serían unhas celebracións moi raras xa que levamos 28 anos enchendo as rúas da vila.

Pódense atopar alfombristas noutras cidades ou países?

Si. O alfombrismo está bastante arraigado e hai moita cultura floral no mundo. Fai uns anos a Asociación Cultural de Alfombras de Bueu investigou sobre os alfombristas de Galicia e a raíz disto chamáronnos e fumos a un Encontro Internacional a Santiago no 2017, esto deu lugar a inscribirnos na Federación Galega de Alfombrismo e despois no 2019 chamáronme para ir a México a unha Mostra Internacional. De feito o Encontro Internacional do 2020 íase celebrar en Toquio como apertura dos Xogos Olímpicos pero a covid truncou os plans e cancelouse todo.

Como é a alfombra deste ano?

A alfombra leva por temática o Xacobeo e o mar e terá un tamaño de 10x15 metros, ademais de que conta con moita flor natural doada polos veciños. Comezaremos ás 10.00 horas coa colocación da plantilla e preparando moito do material que se debería haber preparado durante o mes anterior pero polo tamaño reducido do tapiz farémolo in situ. Quedará lista pola tarde porque non queremos ir apurados e este ano participará a veciñanza que se anotou por quendas.

asociacion floral burela 2021 3
asociacion floral burela 2021 1
asociacion floral burela 2021
asociacion floral burela 2021 4
asociacion floral burela tinguido
0.20163297653198