Manuel Otero: “Para nós o rural é unha prioridade e apostamos por el”
Por Ana Somoza López.
Manuel Otero, rexedor do Concello mindoniense.
Chegou á Alcaldía no medio da pandemia, como foi esta chegada?
Efectivamente, tomei posesión ao inicio da pandemia, co primeiro confinamento, nunha situación moi complicada que todos coñecemos, na que se tiveron que tomar decisións pola seguridade e saúde dos veciños. A miña primeira decisión que ía ser difícil de entender foi suspender a concentración moteira, que achega cada ano a centos de persoas a Mondoñedo, e o MotoClube tiña feito un gran traballo para esa edición. Pero entendérono moi ben, e eu sempre dixen que quería priorizar a saúde dos veciños, nun concello no que temos unha poboación maior moi elevada, e nos debemos a eles. Quixemos estar o máis próximos posibles nun momento que había que estar illado. Por iso reforzamos esforzos nos servizos sociais. Todos os concelleiros e todos os traballadores do Concello sumamos forzas, e puxemos o foco nos nosos maiores. Entregáronse gratis as primeiras máscaras cando non as había, para que cada veciño tivera algunha protección, fixémolo practicamente porta a porta. Usamos unha plataforma de venda online para que os nosos comerciantes tiveran forma de vender os seus produtos, algúns tiveron moito éxito. Implicouse moito Protección Civil e o servizo de Axuda no Fogar. Enviamos alimentos a quen o precisaba. Foron momentos moi duros pero que intentamos afrontar con todo o noso empeño.
Pode facernos un balance desta lexislatura?
Nós cremos firmemente no potencial de Mondoñedo, e por iso traballamos por atraer turismo, empresas, poboación...A aprobación do Plan Rexurbe creo que vai supoñer un antes e un despois. Neste primeiro lote vanse rehabilitar 15 edificios do casco histórico que permitirán que sexan habitados polos que o soliciten, en réxime de aluguer a un prezo económico. Seguimos apostando polo rural, por iso se está mellorando a rede municipal de estradas, para que a conexión coas parroquias sexa a que todos desexamos. Para nós o rural sempre foi unha prioridade, sempre tendo en conta as nosas limitacións, somos un concello moi extenso e con 15 parroquias. Este mes vanse entregar os títulos da concentración parcelaria de Mondoñedo Norte, penso que é unha boa noticia para os veciños das parroquias de Masma, Couboeira e Oirán.
“Nós cremos firmemente no potencial de Mondoñedo, e por iso traballamos por atraer turismo, empresas, poboación...”
Seguiremos apostando polo turismo, Mondoñedo está no mapa dos destinos turísticos por excelencia en Galicia, e iso é gracias a moito traballo detrás.
Que quedaría por facer de cara a este ano?
Temos que seguir afondando no noso proxecto, que non se fai nunha lexislatura. O Plan Rexurbe está chamado a ser un elemento dinamizador da cidade nos próximos anos, abrindo novas entradas ao casco histórico que permitan a conectividade. Así se ampliará a rúa dos Castros, que permita unha mellor entrada á zona de servizos sociosanitarios: o ambulatorio e os centros asistenciais San Pablo e Residencia San Rafael. Abrirase unha rúa entre Río de Sixto e os xulgados, deste xeito o tráfico poderá evitar a zona da Catedral. Faremos máis zonas de aparcamento máis cómodas para veciños e visitantes.
Que outras necesidades ten o Concello a día de hoxe?
Estamos nun Concello que presta moitos servizos, como un concello de 10.000 habitantes, pero a poboación baixou. E o persoal municipal foi minguando nos últimos anos, polos plans de axuste que se nos impuxeron. Pero estamos traballando en reforzar o persoal.
Cales serían as características e a definición deste Concello?
O noso slogan sempre foi Mondoñedo, un lugar para investir. Iso é como queremos que nos vexan, onde damos facilidades para montar un negocio e crear riqueza.
E a nivel industrial, cales son os plans? Como se atopa o polígono? Ten necesidades?
Partindo dos problemas co prezo das parcelas, intentamos que se abarataran, e iso permitiu que se comezasen a instalar empresas como Bloques Cando. Proximamente se instará unha empresa de produtos cárnicos. E acabamos de ceder un espazo municipal do polígono para que a Consellería de Medio Rural constrúa unha base operativa para persoal de incendios, o que suporá centralizar en Mondoñedo toda a loxística da zona.
Que supón o ARI para Mondoñedo?
Supón ter un dos cascos históricos mellor conservados de Galicia, manter a esencia desta antiga cidade, cunha arquitectura propia que sabemos poñer en valor, porque todos os veciños estamos moi concienciados do que temos. E a maiores todo isto é un aliciente para o turismo.
Mondoñedo terá un espazo especializado en viaxes. Como se xerou este proxecto?
Vai da man do que comentaba anteriormente, do intenso traballo que se fai para que Mondoñedo sexa visto como un destino turístico esencial cando se visita Galicia. Nestes contactos xurdiu a posibilidade de que Esther Eiros, periodista especialista en viaxes, doase parte da súa biblioteca. Ela é veciña de Bretoña, eu tamén teño lazos sentimentais con ese pobo, limítrofe con Mondoñedo, e cando lle propuxemos a idea de que a súa biblioteca estivera en Mondoñedo, todo foron facilidades. Estamos moi agradecidos á xenerosidade de Esther Eiros, que ademais é unha namorada de Mondoñedo, e nós encantados de que nos visita periodicamente. Este espazo emprazarase temporalmente no centro de interpretación do Camiño Norte, pero posteriormente irá nunha das casas rehabilitadas do Plan Rexurbe e será outro motivo para visitar a nosa localidade.
Recentemente restaurouse o retablo e pinturas murais da Catedral. Espéranse máis melloras? Suporá un incremento do turismo?
Esta restauración enmárcase dentro do Plan Catedrais que a Xunta puxo en marcha, e a nosa basílica foi das primeiras en someterse a esta restauración. O resultado foi espectacular, tanto do retablo como das pinturas murais. O día da inauguración, a catedral estaba chea de veciños e visitantes que se quixeron apuntar para ver o resultado. O noso principal atractivo turístico é a catedral, e temos que apostar por mantela sempre en bo estado, porque máis turistas quererán coñecela. Nos últimos anos cambiouse toda a cuberta para corrixir as filtracións e restauráronse todas as pinturas das bóvedas afectadas por estas humidades que ocasionaron as filtracións. Agora temos que seguir traballando na mellora do museo catedralicio.
O Mercado Medieval, as San Lucas, o MindoMúsica, o Merlín Fest, son eventos que axudan a consolidar o Concello?
Efectivamente, se sumamos a iniciativa do goberno local e do tecido asociativo co que colaboramos estreitamente para axudarlles nas súas actividades, temos como resultado unha programación cultural e de lecer ao longo de todo o ano que invita a vir e coñecer Mondoñedo. Isto repercute positivamente en moitos negocios locais, e por iso queremos seguir apostando.