Mayra García: “Para atender á xente precisamos servizos públicos de calidade”

AMariñaXa
Entrevista a Mayra García Bermúdez que fala do presente e futuro do Concello de Trabada así como das súas necesidades
Mayra garcia bermudez alcadesa de trabada
19 Feb 2022

Por Ana Somoza López.

Mayra García Bermúdez, rexedora de Trabada, fala do presente e futuro do Concello

Mayra García Bermúdez é a alcaldesa socialista do Concello de Trabada.

Pode facernos un balance do ano que termina para o Concello?

Foi un ano moi intenso, a pesar da situación anómala que todas e todos vivimos coa pandemia.

Por unha banda, sacamos adiante o Plan Básico Municipal coa colaboración da Dirección Xeral de Urbanismo que ordena o territorio e que é unha ferramenta fundamental para o presente e o futuro do municipio.

Por outra banda, coa colaboración da Deputación, aprobamos a Relación de Postos de Traballo que ordena o persoal do Concello e define as funcións dos postos e adapta os salarios dos empregados ás mesmas, polo tanto corrixe e mellora as súas retribucións. En Trabada ata día de hoxe non contábamos con ningún destes instrumentos que dan seguridade á veciñanza e aos empregados municipais.

Tamén levamos a cabo dous procesos de selección de persoal fixo da Administración, o que intensificou o traballo do Secretario do Concello e producíronse novas incorporacións no cadro de persoal estructural do Concello e a día de hoxe formamos un equipo de traballo de xente nova, con actitude positiva e propositiva, con vocación de servicio público.

“Dende o Concello temos a intención de retomar este ano todas a actividades, polo que teremos festa da Enfariñada”

E ao mesmo tempo, fumos quen con traballo, esforzo e dedicación de conseguir importantes achegas económicas para o Concello que redundan en beneficio da veciñanza e tamén dos nosos visitantes.

Cales serían as principais actuacións que se levaron a cabo?

As principais actuacións que levamos a cabo foron investimentos, dende que cheguei ao goberno municipal prioricei sempre a inversión fronte ao gasto corrente. Hai que recordar que nada máis chegar tivemos que aprobar un Plan Económico Financeiro debido á situación de inestabilidade económica na que nos deixou inmersos o Partido Popular.

Conseguimos sanear as contas e mellorar as infraestructuras e os inmobles municipais. Durante o ano pasado puxemos en marcha novas dotacións como a pista pádel, o albergue de peregrinos, unha área de autocaravanas, un museo que alberga unha colección etnográfica cedida por un veciño, José Rocha e que é un dos nosos maiores reclamos que podemos ter.

No que respecta a infraestructuras levamos a cabo a reconstrucción da ponte de Paxarín, a pavimentación de Vilapercide á Cabana, o acceso á Portela, o acceso da Veiga e estamos rematando a execución integral na Rúa Cotarelo no casco urbano de Trabada. Tamén renovamos tres parques infantís, dous en Trabada e un na Ría de Abres. En canto a inmobles,  rehabilitamos de forma integral a escola de Vilapercide e a cuberta da antiga escola de Sante. Renovamos as fachadas da Cámara Agraria e do pavillón deportivo de Sante. E renovamos redes de abastecemento en diferentes núcleos de poboación. Ao mesmo tempo, seguimos apostando polo emprego a través dos diferentes plans da Deputación e da Xunta de Galicia porque nos parece fundamental, e máis se cabe neste momento no que tantas persoas quedaron sen os seus postos de traballo.

Que quedaría por facer de cara ao futuro?

Quedan proxectos que temos iniciados e que son de vital importancia para descentralizar os servicios, algo no que sempre puxemos moito énfase porque para nós é importante que os veciños das parroquias dispoñan de servicios e dotacións. Por exemplo, a construcción duns vestuarios no pavillón municipal de Sante, un centro social na Ría de Abres ou a construcción dun auditorio en Trabada. A construcción dos vestuarios fareina con cargo a fondos da Deputación, para o centro social solicitei unha axuda á Xunta a través do programa LEADER que nos foi denegada e para o auditorio soliciteille colaboración á Xunta tamén, concretamente envieille unha carta ao Presidente Feijóo solicitándolle a colaboración da mesma forma que o fixo noutros Concellos gobernados polo Partido Popular.

Que necesidades ten o Concello a día de hoxe?

Temos a necesidade de atender a nosa xente e para elo precisamos ser capaces de prestar servicios públicos de calidade coa colaboración de todas as Administracións. Todos os servicios públicos son deficitarios. Eu centreime en poñer en marcha servicios públicos para mellorar a conciliación laboral e familiar das familias e tamén para atender aos maiores.

Duplicamos o número de traballadoras adscritas ao servizo de axuda no fogar con respecto a cando chegamos, temos unha residencia, un punto de atención á infancia, o programa de madrugadores e programas de conciliación laboral e familiar, nas parroquias acercamos actividades para previr o envellecemento e mellorar as capacidades físicas e cognitivas dos nosos maiores, puxemos en marcha un servizo de transporte gratuito aos maiores. Todos estes servicios temos que cofinancialos en boa medida con fondos propios., por iso é preciso contar cunha maior financiación.

En que punto se atopan os proxectos do auditorio ou a aula de música?

Temos feito o anteproxecto e estamos á espera de que o Presidente da Xunta atenda a demanda solicitada, pois entendo que os veciños e as veciñas de Trabada teñen o mesmo dereito que os veciños de Begonte e Marín cos que sí colaborou a Xunta para a construcción de dotacións similares.

Agora conta cunha área de autocaravanas e contará tamén con tres puntos de recarga de vehículos electricos. Que máis falta?

Pois faltan as dotacións que mencionamos antes e falta tamén un pouco máis de iniciativa privada para desenvolver proxectos productivos, xa que a Administración non podemos suplir a falta de iniciativa privada.

Teñen proxecto pensados para o asentamento da poboación moza, como o punto de atención á infancia?

Si, sempre defendín a necesidade de servicios públicos que permitan a conciliación laboral e familiar. De feito é a única forma para asentar poboación. No Punto de atención á infancia atendimos dez nenos no curso 2020-2021 e nove neste curso o que é unha boa mostra da necesidade do servizo. Con elo contribuímos a aumentar a matrícula do Colexio, xa que hai nenos doutros Concellos que os pais e nais traballan en Trabada e que despois de estar no PAI escolarizaron os seus fillos aquí tamén. Por outra banda, este ano puxemos en marcha o programa de madrugadores de 8 a 10 e outro programa de conciliación polas tardes de 16.00 a 19.00 horas.

Hai plans para o Entroido?

O Entroido organizouno sempre a Asociación Cultural O Picato, dende o Concello colaboramos cunha importante achega económica para os premios, concretamente 2.775 euros e tamén poñendo a disposición o persoal do Concello e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil que depende directamente da Alcaldía para os días previos e posteriores. Colaboramos na adecuación das entradas de aparcamentos, no desbroce dos mesmos así como na regulación do tráfico xa que é preciso cortar rúas así como na limpeza dos espazos utilizados. Anteriormente o Entroido tiña menor entidade e eran os membros da Xunta Directiva os que se encargaban de todo. Dende o Concello agardamos poder celebralo este ano.

Como boa trabadense, sabe preparar unha Enfariñada?

Claro que sí. De feito, é o meu prato preferido.

Este ano poderase ou teñen intención de celebrar a Festa gastronómica?

Dende o Concello temos a intención de retomar toda a actividade pois temos que acostumarnos a convivir coa covid-19, eso sí cumprindo todas as medidas de prevención establecidas.  Esta festa realizábase en colaboración tamén con otras dúas Asociacións: a Asociación de Mulleres Rurais Marco da Pena Verde e o Club Trabada Futsal. Dende o Concello organizamos o mercado, os obradoiros así coma os concertos musicais e as asociación eran as encargadas de preparar e servir a enfariñada e as bebidas, un traballo moi laborioso porque estar aos fogóns facendo na enfariñada non é doado, é polo que este ano queremos contar tamén con homes que cociñen este prato, no marco dunha actividade en prol da igualdade.

0.12275791168213