María Loureiro: “O Plan Xeral é necesario para que Viveiro creza”

AMariñaXa
Falamos coa rexedora de Viveiro, María Loureiro, que se converteu na primeira alcaldesa de Viveiro no ano 2013
Maria Loureiro alcaldesa viveiro 16
19 Mar 2023

Por Ana Somoza López.

María Loureiro converteuse na primeira alcaldesa de Viveiro no 2013.

Como foron estes catro anos?

Pois o primeiro lembrar que nestes catro anos aconteceu a pandemia e tanto para Viveiro como a nivel nacional sufriuse moito as súas consecuencias. Como equipo de Goberno teño que dicir que estes catro anos de goberno realmente convertéronse en dous, e durante eles tivemos que adaptarnos, preocuparnos e ocuparnos dos sectores máis prexudicados. Polo cal fixemos uns orzamentos de emerxencia nos que se axudou aos autónomos e aos pequenos empresarios pois eles foron os máis prexudicados xunto cos colectivos que traballaban da hostalaría e que tiveron que ir para casa.

Despois houbo que facerse cargo das restricións que nos impoñían desde a Xunta de Galicia como foron os reforzos da limpeza, as tarefas de limpeza en sitios públicos, nos colexios, etc. Neste caso o Concello tivo que duplicar e mesmo triplicar o seu orzamento, pois a Xunta só nos concedeu 10.000 euros para a tempada estival e que só nos chegou para o primeiro mes, é dicir, para reforzar as praias, os parques, os baños públicos, etc. e o resto tivemos que poñelo nó. Polo tanto todo o programa de Goberno que tiñamos deseñado para este mandato non o puidemos levar a cabo, e precisamente estamos agora con el.

Por outra banda, o tema da industria no que estivemos e seguimos sufrindo a nivel comarcal con Alcoa e no que afortunadamente parece que vai por bo camiño. Pero tivemos o peche de Vestas e o de Albo, e despois puxéronnos o caramelo de Altri que finalmente vaise para outro Concello da provincia de Lugo. Polo que si que é certo que temos moitas carencias.

No relativo ao sector servizos sempre digo que o Concello de Viveiro está sendo un referente no punto de vista turístico, xa non só nas épocas do ano que de verdade son turísticas como é a Semana Santa ou o verán, senón tamén conseguimos desestacionalizalo o que fai que ao longo de todo o ano haxa moitas excursións o que nos marca como destino fixo e coñecido.

"Si que é certo que a Mariña é moi coñecida, e cada vez máis, pero contamos cunhas infraestruturas moi pobres, e no noso caso, a Viveiro hai que vir a propósito malia que quen vén repite".

Están quedando sen infraestruturas que faciliten o asentamento?

Claro. O primeiro, dicir que temos pouca industria e as competencias dun Concello son as que son e si que carecemos tanto en Viveiro como nos concellos da comarca dun plan industrial, que evidentemente ten que estar deseñado por unha administración autonómica como o establece o estatuto de autonomía. Polo tanto vemos que ao longo de toda a comarca da Mariña foron pechando empresas é precisamente isto foi froito da decadencia de infraestruturas que temos.

Isto é como digo ás veces, Crónica dunha morte anunciada, cando a autovía do Cantábrico foise a Vilalba e sumadas as crises... así é como estamos. Si que é certo que a Mariña é moi coñecida, e cada vez máis, pero contamos cunhas infraestruturas moi pobres, e no noso caso, a Viveiro hai que vir a propósito malia que quen vén repite.

Como se atopa o PXOM?

Xa estamos na recta final na que temos todos os informes sectoriais e estamos co último que é o de AXI, que xa nos informou en varias ocasións de que era desfavorable. Con respecto ao PXOM tomamos diferentes determinacións, é dicir, denunciamos publicamente e fixemos incluso unha rolda cos voceiros da anterior corporación para reivindicar a importancia que tiña o Plan para Viveiro porque estamos cunhas normas subsidiarias obsoletas que eran provisionais seis meses e levamos 11 anos. Despois decidimos que sería mellor solucionalo nos despachos con consenso e dicíndolles que todo o que nos pediran faríamolo pois queríamos e queremos que saia adiante. Pero debe ser que non hai interese de que se aprobe. Veremos agora que pasa coa AXI.

“Tamén cabe destacar que temos a Semana Santa, que está declarada de Interese Turístico Internacional, e que nestes últimos anos colleu un gran pulo"

Por que é tan necesario?

É necesario para que Viveiro creza. Moitas multinacionais sobre todo de alimentación viñeron a Viveiro porque lles interesaba, pero claro non podemos ofertar terreos porque non é posible.

Que proxectos quedaron sen facer?

O noso lema de Goberno tamén son grandes proxectos malia somos conscientes da realidade que estamos a vivir a nivel nacional, pero si que é certo que nós o que queremos é axudar á vida diaria dos veciños. É certo que temos moito rural e que temos problema de saneamento e sumidoiros e que hai algunhas parroquias que aínda non o teñen, pois outro dos nosos obxectivos é ilo completando.

Tamén é público e notorio que temos unha débeda importante. No 2015 era de 15 millóns de euros e agora, a día de hoxe, reduciuse a 8 millóns. Polo que reducila tanto, nuns anos nos que azoutou a pandemia e seguimos mantendo os servizos, facendo obras e axudando á veciñanza, creo que bastante ben o fixemos. É algo que non se ve pero que ao longo do tempo a veciñanza notará a melloría.

E a esperada variante?

No 2009 o Concello tiña un proxecto aprobado e consensuado cos veciños aprobado polo Pleno da Corporación municipal, pola Deputación e polo Consello da Xunta cun trazado e cos informes listos. Despois houbo un cambio de Goberno e aos poucos meses chegou ao Concello unha caixa chea de planos onde nos dixeron que habería un novo trazado.

Evidentemente houbo reclamacións por parte do Concello e os veciños, e no 2018 comunicaron que íase facer unha ponte, pero aí quedou nunca nos enviaron planos nin nada, nunca houbo vontade política. E xa coa tramitación do Plan Xeral dixeron que para seguir adiante tiñamos que aceptar o novo trazado, o que nos impuxeron eles, e nós que non queríamos condicionar ao pobo dixemos que si.

Falemos do barrio da Xunqueira.

Isto foi algo tremendo. Augas de Galicia fixo un proxecto de modificación desa zona valorado en medio millón de euros, e no que nun primeiro momento eles non aportaban nada... Naquel tempo e en campaña electoral o candidato do PP anunciou que que a Xunta ía achegar o 33%, polo que nós dixemos de aportar outro 33% e a Deputación o outro 33%. É un proxecto con moitos estudos feito pola Xunta e no que din que estará acabado para este mes. Eu entendo que neste ano 2023 poderíase comezar coa licitación.

Contan cunha ampla variedade de actividades culturais, de teatro, concertos...

É certo que temos actuacións culturais ao longo de todo o ano e traballamos moito cos colexios desde a biblioteca así como contamos cunha programación de teatro moi boa. Tamén cabe destacar que temos a Semana Santa, que está declarada de Interese Turístico Internacional, e que nestes últimos anos colleu un gran pulo grazas ao traballo conxunto da xunta de Confrarías e ao apoio do Concello, pois entendemos que ademais de ser un acto relixioso é turismo e é cultura.

O que destaca dela é a participación de todos os veciños independentemente de calquera crenza relixiosa é dicir é raro que que nunha familia non participe algún membro porque ao final é un acto social.

E por suposto o Resurrection.

Xa van moitos anos e agora é moi sinxelo subirse ao carro pois o éxito e o traballo de comezalo xa está feito. Cada ano temos unhas 80.000 persoas e este ano seguramente máis. É certo que o seu comezo foi complicado e sempre me lembrarei de Melchor porque apoiou á organización desde o primeiro momento e mesmo cando había críticas.

Lémbrome nunha rolda de prensa que dixera que ía estar ao nivel do Festival do Mundo Celta e ríronse del, pero aí está manténdose e sendo un festival do máis alto nivel. O Concello prestalle apoio con el deixándolle os espazos públicos para acampar e para facer o festival e os veciños benefícianse economicamente e algúns incluso din que ogallá houbera dous Resus ao ano. Ademais é dos poucos festivais nos que se convive cos veciños.

Maria Loureiro alcaldesa viveiro 6
Viveiro Reunion Acelera Pyme
viveiro sinatura alzheimer convenio 2022
viveiro sinaturas plataforma sanitaria
Semana Santa Viveiro   Domingo de Ramos

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19200086593628