Entrevista: "O obxectivo primordial é desfrutar entre todos, facendo algo que nos apaixona"
Falamos con Roque Fraga, actual presidente da Banda de Música O Landro de Viveiro
Cando comezou a Banda de Música O Landro a súa actividade?
A banda de música comezou a súa andaina fai máis de 100 anos, coa banda de exploradores como a primeira formación destas características en Viveiro. De maneira permanente, leva máis de medio século funcionando.
Cantos membros ten? ou con cantos instrumentos conta.
Contamos sempre con ao redor de 50 músicos, que tocan instrumento de vento madeira, vento metal e percusión.
Foi a primeira en incorporar mulleres, non?
Si, pois segundo os escritos parece ser que foi a primeira en Galicia en incorporar mulleres na súa formación.
Cales son os valores da banda? E os obxetivos?
Os valores deste tipo de formacións son o compañeirismo e facer ver que co esforzo e traballo individual logramos ter un grupo forte no que todo se pode conseguir. O obxectivo primordial é desfrutar entre todos, facendo algo que nos apaixona.
Cales son os requisitos para formar parte dela?
Pois, sobre todo, ter gañas de tocar en grupo. Agora, todos os rapaces que comezan tamén teñen formación, ben do Conservatorio ou dalgunha Escola de Música da Mariña.
Quen se atopa ao fronte da banda?
O director é Carlos Timiraos e leva desde o verán do 2015 facendo a labor de dirección desta agrupación e da banda xuvenil. Eu son o actual presidente da Asociación e recén aterrado no posto logo do pasamento do noso compañeiro Blas en setembro.
Como viu e como ve a banda dende a súa chegada?
Pois eu entrei a formar parte dela en setembro do ano 2000 e a miña primeira actuación foi o Domingo de Ramos do 2001. Nestes 21 anos a banda pasou por moitos momentos, bos e non tan bos, tanto musicalmente coma persoalmente, pero de todos eles aprendemos algo. Cando comecei foi unha época de moito traballo, con múltiples actuacións todos os anos. Logo sufriu un momento de decaemento pero, desde a chegada de Carlos, colleu outra vez impulso grazas tamén ao traballo da directiva xa que daquela propúxose voltar a incorporar ás novas xeracións de viveireses ás filas da formación.
Fan moitos concertos ao ano?
Pois solemos ter bastante actividade durante o ano. Agora estes dous últimos anos menos con todas as restricións sanitarias, pero suplímolo con actuacións virtuais en Semana Santa, durante o Corpus, en Santa Icía ou en Nadal. Para nós son datas importantes a Semana Santa de Viveiro, co seu concerto previo nas xornadas do programa Adral organizado pola Xunta de Cofradía; as festas patronais de San Roque, coa actuación na praza Maior e o día 15 de agosto na Fontenova; o concerto de Santa Icía e o de Nadal.
E na comarca da Mariña?
Na Mariña tamén solemos ter actuacións. Este verán fomos a San Cibrao co programa Música do Camiño da Federación de Bandas; tamén a Cervo, e temos actuado en Ferreira, en Ribadeo, en Xove dentro do programa Musiqueando… E tamén por outras partes da provincia e de Galicia e, este pasado xullo actuamos en Oviedo.
Lembran algún concerto con especial agarimo?
Todos os concertos teñen algo diferente e son especiais por algo distinto. Cada un dos membros diría un deles, probablemente no que tocaron por primeira vez. Pero penso que para todos un dos máis especiais sería o do Certame de Bandas no Auditorio de Galicia en Santiago en novembro de 2018, no cal acadamos o segundo posto da sección terceira. Ese posto sóubonos a vitoria logo do esforzo de todo un ano de traballo preparándoo.
Tocaron ou colaboraron con algún músico de renome?
No ano 2019 tivemos a sorte de poder colaborar con tres figuras de renome dentro do panorama da música galega, nacional e internacional. En xuño celebramos o noso Obradoiro de banda con David Fiuza coma director convidado. É e foi director de múltiples agrupacións deste tipo por toda Galicia. Aprendemos moito del xa que recibimos moitos consellos pola súa parte.
En agosto, no concerto da praza Maior nas festas patronais, tivemos a sorte de contar coa directora Isabel Rubio, de Murcia, que é unha importante figura feminina dentro da dirección de orquestras en toda Europa, nun mundo no que só se recoñecen figuras masculinas. Foron 4 días intensos de traballo pero cun gran resultado.
E en novembro, no concerto de Santa Icía, fixemos un concerto con Abraham Cupeiro dunha obra súa, Panxea, na que tivemos o privilexio de que nos acompañara cos seus instrumentos ancestrais recuperados durante as súas andainas polo mundo.
Contan con axudas para material, instrumentos, ou o local, por parte das administracións?
Contamos coa axuda indispensable e constante do Concello de Viveiro para os gastos de mantemento da actividade e ademai temos un local de ensaio no Conservatorio de Música cedido para a actividade. Tamén estamos inmersos no programa Musiqueando da Deputación, no cal nos inscribimos todos os anos. Por parte do Concello, todos os nosos membros teñen a matrícula e as mensualidades do Conservatorio cubertas.