Rocío López: “O municipio é moi atractivo para o asentamento de xente”

AMariñaXa
Falamos coa rexedora laurentina Rocío López, alcaldesa dende o ano 2015, e fala do presente e pasado do COncello
rocio lopez alcaldesa lourenza
23 Out 2022

Por Ana Somoza López.

Rocío López é a rexedora laurentina dende o ano 2015.

Pode facernos un balance do que vai de lexislatura?

Pois é un balance moi positivo. Sen ser triunfalista, pois aínda que hai moito que mellorar, creo que lle demos un cambio necesario ao Concello. Melloramos moito as estradas e camiños, temos un novo campo de fútbol de herba artificial, un novo local multiusos moi necesario, melloramos en servizos sociais con moitos máis usuarios do servizo de axuda no fogar, levamos a cabo programas de cultura, como concertos de música clásica, certame de teatro, escolas de verán e de nadal para nenos e nenas, etc. Creamos liñas de axuda ás asociacións para realizar todo tipo de actividades, etc.

Cal é o maior proxecto que se levou a cabo no Concello desde que se atopa á fronte?

Son varios. Por exemplo o Camiño A, o campo de fútbol de herba artificial, a mellora da rede de camiños e estradas, o local multiusos, a cobertura de internet con fibra en todas as parroquias, etc.

Que proxectos hai en marcha ou de cara a este ano?

Un deles como prioridade no q estamos a traballar na actualidade e para conseguir levar a fibra a dous barrios que temos aínda pendentes. Non pode ser que a estas alturas aínda non poidan ter ese servizo, por iso estamos traballando para conseguilo. Outro dos proxectos que temos pensado acometer este ano é o aglomerado da estrada que percorre o recinto feiral e que comunmente todos coñecemos como ruta do colesterol xa que é a que utiliza a xente para facer os seus paseos diarios. A maiores estamos tamén a traballar no estudio das redes de alumeado publico xa que e outra das cousas que debemos mellorar.

Na actualidade aínda hai moitos veciños que non dispoñen de luz pública e iso ten que mudar para que todos sexamos iguais e teñamos os mesmos servizos.

Sendo un Concello rural, existen iniciativas que animen ao asentamento ou fixación de xente?

Lourenzá é un Concello que vai aminorando a perda de poboación que é o que acontece na maioría dos concellos do rural. Recentemente levouse internet de fibra a todas as parroquias e tan só quedan dous lugares sen cobertura que agardamos a teñan en breve. Tamén é un Concello moi ben comunicado por autovía. E todo isto unido a que é un lugar moi tranquilo, onde se respira paz e natureza, fai que sexa moi atractivo para que moita xente se instale aquí e mude a vida da cidade pola do rural, nun lugar que conta con case todos os servizos.

 

Cales son os principais atractivos de Lourenzá para potenciar o turismo?

Sen lugar a dúbida a cultura, a gastronomía e a natureza. A cultura encabezada polo Camiño Norte do que Lourenzá e final e principio de etapa, o Mosteiro de San Salvador coa igrexa de Sta. María e o Pazo de Tovar, que son Bens de Interese Cultural. En canto á gastronomía, destacar a faba de Lourenzá, coñecida case en todo o mundo. E unha paisaxe natural de gran beleza, basta achegarse á área recreativa da Cazolga, á beira do río Masma, ou ao muíño do Pereiro, sen deixar de destacar a beleza do Val de Lourenzá que varía nas distintas estacións segundo as prantacións de fabas van mudando de tamaño e cor.

Agora mesmo contan cun novo local multiusos, era unha das prioridades do Concello? Como se decidiu xestar a reforma? Que usos terá?

Desde que o grupo socialista se fixo cargo do goberno laurentino unha das prioridades que se marcou era buscar un local alternativo ao salón de actos do Concello para levar a cabo as numerosas actividades culturais que se pretendían programar. Este salón quedaba moitas veces pequeno e ademais con moitas barreiras arquitectónicas que impedía que a xente maior ou con problemas de mobilidade puidesen asistir as mesmas. Aproveitamos unha subvención da Xunta de Galicia para substituír a cuberta dunha nave da feira e despois empregamos parte da remantente municiapal para levar a cabo as obras que nos permitiron ter un novo local multiusos. As obras consistiron en substituír a carpintería exterior e o chan, dotalo dun novo sistema de iluminación e son, calefacción e aire acondicionado, etc. Despois de ser inaugurado neste mes de setembro, temos previsto celebrar a Festa dos Maiores no mes de outubro, durante os meses de novembro e decembro o IV Certame de Teatro Afeccionado, e tamén terán lugar alí as actividades que se programen para as festas de Nadal.

"As obras na igrexa do Mosteiro eran moi necesarias para seguir conservando este edificio que é un Ben de Interese Cultural"

 

Lourenzá terá un gran protagonismo cultural o ano que vén ao dedicarlle a RAG o Día das Letras Galegas a Del Riego. Como repercutirá no municipio? Xa hai algunha folla de ruta para as actividades?

Recibimos con moita ledicia a noticia de que se lle adicaba o ano 2023 a Fernández del Riego. Recentemente, como primeiro paso, constituimos no Concello unha mesa de traballo, denominada Mesa Coordinadora Don Paco, formada por representantes dos partidos con representación municipal, da Asociación Patrimonio Laurentino, biógrafos de Del Riego e a técnica de cultura municipal. Tamén é intención da mesa contar coa colaboración dos centros de ensino e das distintas asociacións do Concello. Xa se levaron a cabo varias reunións de traballo onde se acordaron numerosas actividades que se irán propoñendo aos distintos organismos e institucións con responsabilidade na celebración do ano de Fernández del Riego.

Executáronse obras na igrexa do Mosteiro de San Salvador, como valora estes traballos?

Eran moi necesarias para seguir conservando este edificio que é un Ben de Interese Cultural. Agardamos que nun futuro o máis próximo posible teñan continuidade no resto do mosteiro e se lle poda dar unha utilidade pública tan necesaria para que o Concello leve a cabo diferentes actuacións como poden ser un novo albergue de peregrinos, residencia para maiores, campamentos, museos, etc.

Tamén están en marcha as obras no CEIP Juan Rey, en que consisten? Cando estarán rematadas?

Penso que as obras deberían estar rematadas antes do inicio do curso escolar, supoño que sería unha falta de previsión da Consellería de Educación. As obras consistiron na substitución da carpintería exterior, melloras nas aulas, tanto en iluminación como en insonorización, melloras no sistema de calefacción, cuberta das escaleiras de entrada, entre outras. Eran obras moi necesarias e que levábamos moito tempo reclamándollas á Consellería. Por fin se levaron a cabo e é unha boa nova, porque o Centro cumpre o 50 aniversario e son as primeiras obras importantes de rehabilitación executadas en todos este tempo. Benvidas sexan!

vista val de lourenza
rocio lopez alcaldesa lourenza 1
obras estradas lourenza
local multiusos lourenza rematadas obras
MESA COORDINADORA DON PACO PARA HOMENAXEAR A DEL RIEGO EN LOURENZA
igrexa do mosteiro de San Salvador de Lourenza
Ceip Juan Rey Lourenza
0.17532014846802