Mar Ferreiro, autora dun poemario que se aproxima á morte: "Todos estamos chamados a ela"

AMariñaXa
Natural de Lourenzá, dende hai 23 anos é coidadora do seu pai que ten unha enfermidade dexenerativa, feito que marcará este libro
Mar-ferreiro-lourenza
8 Dec 2024

Por Amanda Fernández

Licenciada en Dereito, amante de ler, escribir e coidadora “de papá” dende hai 23 anos, así se define Mar Ferreiro, que acaba de publicar o seu libro 'Llegarás (entre tanto es tiempo de vivir y/o malvivir)'. É natural de Lourenzá, onde vive e coida do seu proxenitor que ten unha enfermidade dexenerativa. “Son un pouco de todo, escritora, xurista e acompañante”, comenta sorrindo.

Mar dende pequena tiña especial gusto por ler, escribir e inventar historias propias. Con 23 anos acabou a carreira de Dereito e comezou coa escritura do que puido ser o seu primeiro libro, un conto de nenos. Porén, polo momento aínda non o publicou e está nun caixón á espera de que moi pronto Mar o poida retomar.

O REFLEXO DA SÚA EXPERIENCIA COMO COIDADORA DO SEU PAI

"Dende que papá enfermou, sobre todo, quixen expresar e reflexar sentimentos e emocións que derivan desta situación", expresa Mar, que como coidadora, é tamén voluntaria na fundación Metta Hospice, que acompaña á xente “no proceso da enfermidade e da morte”.

Así, este libro que viu a luz titulado 'Llegarás (entre tanto es tiempo de vivir y/o malvivir)' nace a raíz destes factores e neste contexto. Escribiu un poemario que trata sobre a aproximación á enfermidade e, sobre todo, á morte. “Todos estamos chamados a ela, é unha realidade que vai suceder si ou si, é inevitable para todo ser vivo”, afirma a escritora.

Porén, considera que é unha realidade da que non se soe “falar, escribir ou comentar”. Resulta un tema a evitar, sinala, por temor a ela ou polo feito de que implica a desaparición. “Penso que a sociedade actual non está preparada para isto, prescindimos deste tema, estamos máis preocupados no producir, no consumir, e non tanto no final”, destaca.

“DIRÍA QUE É UN LIBRO REFLEXIVO-ENTUSIASTA”

Mar menciona que o xeito de ver a morte e de vivila, mudou: “Antano, os falecidos velábanse nas casas, ata non fai moitos anos, agora xa se separa e lévanse aos tanatorios. De igual forma, antes a xente enfermaba e falecía nas casas, agora soe ser nos hospitais”. Así, vén a dicir que a sociedade actual tende a apartarse da morte, pero cre que chegará o momento no que se fale da enfermidade e da morte con normalidade.

O libro é un poemario en prosa, xa que está escrito con forma de poema, pero é moi prosado, con letras “asimilables” e que narran “coa fermosura que envolve a poesía”. Menciona con especial cariño dous poemarios que constitúen un canto á vida, o fermoso e o importante que é vivila, desfrutala e sentila con todo o entusiasmo. Mar pon de manifesto que é unha obra para todos os públicos, dende esas crianzas que se preguntan por que desaparece o avó, ata a adultos. “Todos estamos chamados á morte e o libro ten unha linguaxe amena e interpretable por cada quen”, insiste e engade que se o tivese que definir “diría que é un libro reflexivo-entusiasta”.

Traslada que o libro tivo boa acollida entre o seu círculo de amizades máis próximas e que xa lle preguntan polo seguinte: “Sería retomar ese conto de nenos que iniciei de nova”.

A MORTE SILENCIOSA NO RURAL GALEGO

Mar Ferreiro é natural de Lourenzá e aborda no libro un tema universal e humano como é a morte. Esta vila, destaca, como outras da Galicia rural presentan unha taxa alta de envellecemento. “Vimos a morte silenciosa no rural, mesmo na Covid, vimos falecer xente soa e desprotexida”, comenta e manifesta a importancia do acompañamento no “proceso de morrer” igual ca se precisa en vida.

E ti, Mar, tes medo á morte? “Sempre é algo descoñecido para todo o mundo e disto hai moitas publicacións, sobre o máis aló. Non diría medo, non é a palabra porque é o fin, como dicía Woody Allen ‘Deste mundo non sae ninguén vivo'. É algo que me esperta interese e cando chegue, chegou. Obviamente a xente que queda aquí ten que vivir o proceso de dó, porén no que respecta a miña morte, non teño medo ningún porque forma parte da vida”.

 

0.17146611213684