David Abella e Lucía Sánchez, patrimonio de Xove: “Existe moito turismo arqueolóxico en Xove e no resto da Mariña”
Por Ana Somoza López.
Neste municipio hai rexistrados ata once castros, a maioría situados na costa.
David Fernández Abella, arqueólogo da Universidade de Santiago de Compostela, do grupo ECOPAST, e director da primeira intervención no Xacemento de San Tirso de Portocelo en 2020, e Lucía Sánchez Meitín, responsable do Departamento de Investigación Social e Turismo do Concello de Xove, falan sobre os achádegos atopados.
As evidencias de que Xove se atopaba habitado dende fai máis de 4.000 anos son os numerosos monumentos prehistóricos que se rexistran no seu territorio. Cales destacan?
L.S.M.: Segundo os arqueólogos as mámoas son a mostra máis antiga da presenza humana en Xove (entre os milenios V-III a.C) . Existen máis de vinte destes elementos funerarios ao longo de todo o territorio cunha ampla concentración na zona sur do municipio, chegando a conformar grandes necrópoles como a de Loureiro, onde se contan como mínimo catro delas. Neste aspecto, destaca polo seu tamaño e polo seu estado de conservación a Mámoa de Guilán, na parroquia de Xuances, que foi descuberta no ano 2017 pola asociación Mariña Patrimonio. Xa na Idade do Bronce (3000- s. IX a.C), os profesionais sitúan o petróglifo de Monte, é o Círculo Lítico ou Henge de Lavandeiras, dous xacementos que tamén debemos destacar.
Que é o círculo lítico de Lavandeiras e a mámoa de Guilán?
L.S.M.: A Mámoa de Guilán pode remontarse, segundo os profesionais, a 4.000 anos a.C. Cos seus 30 metros de diámetro e 3 metros de altura, é unha das de maior tamaño da comarca. Era un lugar de enterramento dos membros de toda unha comunidade, e o máis seguro é que non só tivera un carácter funerario e ritual, senón tamén como fito ou demarcación territorial. O Círculo Lítico ou Henge de Lavandeiras, descuberto durante as obras da VAC Costa Norte, é situado polos arqueólogos na Idade do Bronce, entre o 3000 e o s.IX a.C. Os seus oitenta metros de diámetro transfórmano nun dos maiores descubertos ata o de agora. Segundo Santiago Nogueira, o arqueólogo que dirixiu as sondaxes no xacemento, é posible que o lugar cumprira funcións de carácter ritual e social: festas, conclaves e tamén enterramentos, proba disto son as cinco foxas detectadas no seu interior.
Estes últimos achados consolidan o patrimonio xovense, non?
L.S.M.: Absolutamente. O número, a antigüidade e a singularidade dos xacementos do territorio xovense consolidan o patrimonio arqueolóxico non só como un elemento destacable para a nosa identidade cultural, senón como unha parte destacable daquilo que queremos mostrar a quen nos visita.
Como se atopa o castro de San Tirso, ou en que fase?
D.F.A.: Agora o espazo arqueolóxico xa é na súa case totalidade de xestión municipal, e tras a súa adquisición, acometéronse unha fundamental primeira fase de limpeza, topografía e sondaxes arqueolóxicas avaliativas.
Nas seguintes fases de actuación tratarase de continuar investigándoo arqueolóxicamente, como xeito principal de obter información histórica sobre este ben. Ademais de mellorar o noso coñecemento a través desas novas actuacións arqueolóxicas preténdese acometer o antes posible unha posta en valor dos diferentes elementos da área arqueolóxica, coa conservación dos restos existentes, que o caracterizan e o fan tan atractivo, e tamén dos que se vaian atopando nas intervencións arqueolóxicas, para que poidan ser visitados e comprendidos por calquera que se achegue a Xove.
En que consistiu o traballo dos arqueólogos en San Tirso?
D.F.A.: O primeira fase de traballo en San Tirso foi unha primeira aproximación ao coñecemento do ben, que nunca fora intervido arqueolóxicamente. Pretendíase iniciar o seu estudo e comprobar o seu estado de conservación, ademais de exercer unha fundamental labor de divulgación do xacemento entre a veciñanza do concello e xente da comarca.
O obxectivo principal obtívose por medio da realización de dúas sondaxes arqueolóxicas: con elas conseguiuse avaliar axeitadamente o xacemento, a súa potencialidade científica, funcións e cronoloxía. Esta primeira actuación permitirá deseñar futuras fases de investigación e posta en valor.
Que se atopou nel? Ten interese científico?
D.F.A.: Atopáronse diversos restos arqueolóxicos mobles de interese, asociados a unha secuencia de ocupación longa, de mais de 500 anos, entre os que destacou unha conta de vidro azul oculada, de tradición mediterránea. Localizouse unha necrópole altomedieval con cinco enterramentos, que se asocian ao posible mosteiro dúplice fundado polo diácono Rodrigo de Coimbra no século VIII. Ademais do contexto funerario, noutra sondaxe atopouse un contexto seguramente residencial, con dúas estruturas de planta rectangular ou cadrada, e con esquinas redondeadas. Estas atópanse en bo estado de conservación, e apuntan a unha densidade edilicia notable, e a existencia de planificación urbanística no deseño do poboado galaico romano. Aínda que coñecemos pouco, a teor dos resultados, o estado de conservación dos restos e a longa secuencia de ocupación, o interese científico é moi grande. Ademais non debemos esquecer que este espazo continúa en uso coa igrexa parroquial de San Tirso ata o primeiro cuarto do século XX, e actualmente en ruínas, o cal lle engade un elemento máis de interese ao conxunto.
Hai máis castros no Concello?
L.S.M.: Son moi numerosos. En Xove hai rexistrados ata once castros, o que nos sitúa entre os concellos con maior número de toda a comarca. A maioría deles sitúanse na franxa costeira do municipio: nas parroquias de Xuances, Portocelo e Morás.
Hai indicios de máis escavacións ou achados?
L.S.M.: Dende fai anos o Concello de Xove é consciente da importancia dos seus recursos e aposta polo estudo dos mesmos. Primeiro facéndose cos terreos nos que se atopan e despois actuando sobre eles, estudándoos, descubríndoos e dotándoos da importancia e o valor que sen dúbida teñen. Proximamente proxectamos a conservación da Capela de San Tirso, abandonada fai un século. É posible que a súa estrutura formara parte do mosteiro medieval do que temos novas grazas ao testamento do diácono Rodrigo de Coimbra. O que queda da ermida leva sometida a máis de cen anos de inclemencias do tempo, ao abandono e ao espolio, e agora toca conservala e restaurar o que queda, na medida do posible. Neste sentido, agradecemos moito a doazón da capela que a Diócese de Mondoñedo-Ferrol fixo a todo o pobo de Xove. Ademais desta actuación, temos prevista unha segunda fase de intervención no castro de San Tirso. Agora agardamos poder realizar un estudo máis exhaustivo do que descubrimos no 2020 e amplialo todo o posible. A idea é deixar ao descuberto algunhas vivendas, creando un recurso cultural moi demandado e desexado pola veciñanza, ademais dun recurso turístico para aquelas persoas que nos visitan e queren ver aquilo que lles definimos nos carteis, na web, e nos boletíns informativos. Queremos completar estas actuacións co estudo do potencial arqueolóxico de todo o municipio no seu conxunto, como facemos na publicación que está a punto de ver a luz. Ademais de continuar coas xornadas de visitas na compaña de arqueólogas e arqueólogos, como fixemos no Círculo Lítico de Lavandeiras no 2019, e durante a primeira intervención no castro de San Tirso no 2020. Así mesmo, desexamos volver a realizar outra xornada de conferencias para presentar os resultados desta primeira intervención en San Tirso, tal e como fixeramos co documental da Baleeira de Morás, e coa xornada de Arqueoloxía subacuática motivada polo achado do pecio de Morás, unha nave flamenca afundida no século XVI. A comunidade está moi implicada na aposta de Xove polos seus xacementos arqueolóxicos; culturalmente, por todo o que aportan á nosa identidade e memoria como pobo, e turisticamente, como o que queremos compartir con quen nos visita, parte da nosa carta de presentación, aquilo que nos aporta certa singularidade dentro da comarca da Mariña.
Existe moito turismo arqueolóxico?
L.S.M.: Segundo as nosas estatísticas, a meirande parte das persoas que nos visitan están interesadas no turismo de natureza e na nosa gastronomía. Ademais, as/os visitantes non veñen exclusivamente a Xove, senón que se moven por toda A Mariña durante os 10-15 días de media que pasan na comarca. Sabendo isto e coñecendo a singularidade dalgúns dos nosos recursos arqueolóxicos, dende Xove parécenos boa idea fusionar ambas ideas natureza/arqueoloxía. Ás persoas encántannos as historias, e a arqueoloxía é unha marabillosa narradora da historia da paisaxe. Facendo que a natureza nos conte o seu pasado, dotaremos a paisaxe de Xove dun valor engadido para aqueles que nos visitan. Ademais, dende este punto de vista pretendemos aportar un gran de area ao equilibrio da balanza a favor da desestacionalización e sustentabilidade do turismo, dous obxectivos fundamentais do sector en Galicia e, sobre todo, na Mariña. Polo tanto a resposta é si, existe moito e potencial turismo arqueolóxico no concello de Xove e tamén no resto da Mariña.
No 2020 facíanse visitas guiadas ás escavacións, retomáronse estas actividades ou hai outras?
L.S.M.: Si, retomaranse as visitas durante os labores de conservación e restauración da capela de San Tirso. Tamén volveremos a organizar grupos e horarios para a visita ao xacemento do castro de San Tirso cando comecemos a segunda fase da escavación. Con respecto a isto, tamén temos en mente unha excursión polos cruceiros do municipio, organizada dende o Concello con don Mario Saavedra, o autor do libro Cruceiros, Cristo e Cruces do Concello de Xove, recentemente editado e publicado polo Concello de Xove. E lembramos tamén que dende a Mancomunidade, con apoio da Xunta de Galicia e Deputación de Lugo, levan xa dous anos compartindo esta idea de mestura de arqueoloxía e paisaxe coa organización do proxecto A Mariña en Ruta. Organizando a ruta que pasa por Xove co percorrido que une os diferentes castros costeiros do noso litoral, na compaña dun arqueólogo que fusiona unha historia de sociedades e vidas pasadas coa impresionante paisaxe de altos e recortados cantís, faro, peiraos, miradoiros e praias.