Fran Cajoto: “É fundamental escoitar, aínda que tamén nos equivocamos!”

Foz
AMariñaXa
Falamos co rexedor de Foz, Francisco Cajoto, que repetirá como alcaldable polos socialistas nas vindeiras eleccións
Fran Cajoto PSOE Foz
26 Mar 2023

Por Ana Somoza López.

O socialista Fran Cajoto, actual rexedor, repetirá como alcaldable.

Pode facernos un balance destes anos de goberno?

Foron catro anos moi intensos. Moitas horas de traballo, suplindo a falta de experiencia con esforzo pero tamén cunha enorme ilusión. A pandemia condicionou máis da metade da lexislatura pero, afortunadamente, conseguimos sacar moitos proxectos adiante. Ten en conta que urbanizamos completamente a rúa Costa do Castro, unha demanda histórica de Foz.

Conseguimos levar a fibra óptica a todas as aldeas do concello, melloramos camiños e infraestruturas, colaboramos coas ANPAS para a posta en marcha do servizo de Madrugadores, atendemos co Banco de Alimentos e coas axudas de emerxencia ao sector máis vulnerable do concello, atendemos á cultura cunha programación que non se detivo a pesar de máscaras e restricións,… Pronto veremos a continuación do paseo marítimo entre Peizás e a Pampillosa –co contrato xa asinado, en poucas semanas comezarán as obras- e temos ben encamiñadas as rotondas de Cangas ou o Terceiro acceso, cun compromiso de inversión do Ministerio de Transportes de máis de 3,5 millóns de euros. O Bar dos Xubilados próximo a abrirse…o balance considéroo moi positivo.

De que proxecto se sente máis orgulloso?

Quizais da propia urbanización da rúa Costa do Castro, polas décadas que levaba Foz agardando por esta actuación e que supón a primeira fase do Terceiro Acceso á variante. Unha obra ben deseñada e executada, baseada no Plan de Mobilidade e que transformou un camiño urbano nunha rúa segura para os peóns, que achega Marzán ao centro urbano.

“Demandamos un novo edificio que atenda as necesidades reais de máis de 10.000 habitantes”

Pero tamén a conexión con fibra óptica nas parroquias: cando eu era neno non había teléfono na casa, había que ir chamar ao bar. Agora temos fibra óptica de alta velocidade, o cambio é abismal.

Que quedaría por facer de cara a este ano?

Temos un gran proxecto en execución: a humanización do eixo entre Glorieta de Vilalba e Campo da Cabana, que inclúe a Praza de Galicia. Esta gran obra, na que se renovan todos os servizos, vainos a permitir conectar cun camiño peonil seguro e adaptado a persoas con mobilidade reducida a praia da Rapadoira co casco urbano. Tamén se abrirá este ano o Bar dos Xubilados, continuaremos coa mellora de vías nas parroquias, executarase o paseo entre Peizás e a Pampillosa así como a estabilización do sistema dunar de Llas, avanzaremos na administración dixital coa presentación da nova web.

Agardamos ver iniciados os traballos de construción da nova depuradora de Foz –moi necesaria- e incluso das rotondas de Cangas. E moitos máis proxectos que están pendentes, como a mellora de comunicación de telefonía móbil cunha nova antena na zona de Brea en Nois, que necesitamos para eliminar moitos puntos negros de cobertura.

Fálenos un pouco do Novo Plan de Mobilidade e os obxectivos que persegue?

O Plan de Mobilidade resultou un adianto moi significativo: agora temos un documento que analiza as debilidades do Concello e as dificultades en canto aos desprazamentos dos nosos veciños e sérvenos de guía para as actuacións que temos que planificar. Non queriamos erros como na anterior lexislatura, cando se dispuxeron as dúas rúas principais do casco urbano no mesmo sentido de circulación e se provocaron fortes retencións de tráfico. Estamos actuando conforme a el en cada deseño que proxectamos, como na rúa Costa do Castro ou na rúa Irmandiños.

O Concello sempre aposta pola veciñanza, como as melloras no local da asociación Virxe do Carme, a nova área canina en Pico do Castro, parques, zonas de ocio, etc. Como se consegue todo isto?

Escoitando moito, vendo as necesidades do pobo, buscando colaboración doutras administracións e priorizando as inversións máis necesarias.

“Estamos actuando conforme a el en cada deseño que proxectamos, como na rúa Costa do Castro ou na rúa Irmandiños"

“O Entroido de Foz ten unha dimensión e unhas características que están por riba de calquera administración: é incrible como tece relacións, como se vive, é moi difícil de describir”

Antes de deseñar a reforma do Bar dos Xubilados buscamos un espazo digno para a Asociación Virxe do Carme, que está a facer un traballo de integración impagable. Froito das experiencias doutros concellos e de conversas coa Asociación Amigos dos Cans xurdiu o proxecto da Área Canina, que ten un custo reducido xa que será executada pola Escola Obradoiro. É fundamental escoitar, aínda que tamén nos equivocamos!

Hai tamén unha clara aposta pola cultura? Sempre están a traer obras de teatro, espectáculos, eventos deportivos, etc. e de feito o Entroido foi todo un éxito.

O Entroido de Foz ten unha dimensión e unhas características que están por riba de calquera administración: é incrible como tece relacións, como se vive, é moi difícil de describir. Nesta lexislatura contribuímos con novos eventos como a elección da raíña/rei do carnaval ou as gradas que se instalan no peirao para o desfile, no que xa se coñece como Fozódromo…este ano foi un Entroido de récord, agardamos que a Xunta cumpra declarándoo de interese turístico galego.

A aposta pola cultura é clara, desde accións tan sinxelas pero fundamentais como ampliar o horario da biblioteca municipal, novos eventos como a celebración do Primeiro Certame de Teatro Afeccionado José Luis López Lorenzo, a Feira do Libro, a recuperación do Festival Vrao cun formato máis ambicioso…En deporte temos remo, carreiras, baloncesto, fútbol e infinidade de actividades baseándonos nun tecido asociativo moi activo que o fai posible.

Que outras necesidades ten o concello a día de hoxe?

Moitas. Unha necesidade moi evidente é un auditorio. Somos, con máis de 10.118 habitantes, o segundo concello da Mariña: municipios da comarca de máis de 3.500 habitantes teñen esta infraestrutura e nós non, non é lóxico e condiciona a nosa actividade cultural. Outras necesidades? unha nova depuradora de auga potable, a tan agardada autovía, un reforzo do cadro de persoal municipal para mellorar os servizos,… Temos que avanzar a un concello cada vez máis profesionalizado, buscando a mellor atención.

Como se atopa a residencia?

Temos unha residencia de só 40 prazas para 150 persoas en lista de agarda que abandonou a Xunta e respecto á cal nos vai a traspasar a propiedade.

Estamos preparando a licitación da nova concesión que sacaremos en poucos meses, pero traballamos para resolver o gran problema, a falta de prazas. Demandamos un novo edificio que atenda as necesidades reais de máis de 10.118 habitantes.

De saír elixido de novo, cales son as principais proxeccións?

Facer un concello no que as veciñas e veciños cada vez se sintan máis orgullosos de vivir e que atraia a novos habitantes. A tendencia é máis que positiva pero hai que axudarlle, evolucionar e pensar como o gran concello no que nos estamos transformando. Mellorar servizos, facer un pobo máis atractivo, tamén no eido cultural e deportivo. Temos as condicións, incluso climáticas, para elo. Temos que crer nas nosas posibilidades e traballar para que se fagan realidade.

E a nivel industrial, cales son os plans?

Vimos dunha moi mala nova: o incumprimento por parte da Xunta de implantar Altri, a gran planta de fibra téxtil que emprega eucalipto, na Mariña. Agardamos que Alcoa continúe a funcionar e que a administración autonómica invista nun verdadeiro plan industrial para a nosa comarca.

A nivel municipal queremos seguir desenrolando un parque empresarial que se vai completando con novas iniciativas, como a recente instalación dunha nova sede de Cash Record ou as novas instalacións de maquinaria forestal que se están comezando a construír. A Mariña ten un amplo marxe de crecemento no eido industrial, só hai que axudarlle con infraestruturas e con apostas reais, lonxe de falsas promesas.

foz vista ria
fran cajoto , alcalde de foz
 INFOGRAFÍA SOBRE COMO QUEDARÁ A CONEXIÓN ENTRE O CENTRO URBANO E A RAPADOIRA (1)
 INFOGRAFÍA SOBRE COMO QUEDARÁ A CONEXIÓN ENTRE O CENTRO URBANO E A RAPADOIRA (3)
ENTROIDO FOZ 2023  desfile 7
ENTROIDO FOZ 2023  desfile 2
Entroido Foz 2023 5

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.23949694633484