Comparsa Sin Xeito de Foz: "Desfrutamos moito do proceso de creación, dende os ensaios aos talleres"

Foz
AMariñaXa
Falamos coa comparsa Sin Xeito de Foz que leva 24 anos poñendo cor ao desfile do Entroido focego e dalgún máis da comarca
comparsa sin xeito Foz 2020 2
10 Feb 2022

Por Ana Somoza López.

A comparsa Sin Xeito de Foz leva 24 anos poñendo cor ao desfile do Entroido focego e dalgún máis da comarca da Mariña

Sodes unha asociación, contades con directiva non?

Si, dende que somos asociación temos directiva propiamente dita, formada por 6 compoñentes da comparsa, pero non existe unha presidencia pública.

Cantos membros son?

Actualmente somos 85 compoñentes.

Entre que idades van?

Somos unha comparsa multixeracional, na que contamos con nenas de 3 anos ata mulleres de 61 anos. Hai moitas familias nas que varias xeracións forman parte da comparsa e mesmo chegaron a desfilar xuntos nai, filla e neto.

Cando se fundou ou se creou?

A comparsa Sin Xeito xordeu no ano 1997 como a fusión de dous grupos de carnaval, un infantil e outro de adultas, do que tomaron o nome. O primeiro desfile no que participamos foi no ano 1998, en Foz.

Onde ensaiades as vosas coreografías? Dispoñedes dun local ou no pavillón?

Ensaiamos coreografía e baile en varios sitios ao longo do ano, e ao longo destes anos. Precisamos espazos amplios, e gústanos ensaiar fóra ao aire libre cando podemos e se achega o día do desfile. O Concello de Foz cédenos algún local para ensaiar, así como outras asociacións, como a AAVV de Santa Cilla que nos deixou un local para ensaiar nos últimos anos.

Son unha asociación unicamente dedicada ao Entroido ou fan outras actividades durante o ano?

Somos unha asociación adicada ao Entroido, e iso suponnos traballo para todo o ano. A pesar diso, sempre nos gusta colaborar naqueles actos onde o Concello de Foz require a axuda de grupos de Entroido. Dende a promoción do turismo de Foz ata a Festa Normanda.

Como é o proceso de creación da comparsa?

​O proceso creativo da comparsa non é sinxelo. Aproximadamente un mes despois do Entroido propoñemos ideas para o traxe do ano seguinte, intentando sempre que se podan levar a cabo. Unha vez elexido, un grupo de deseño comeza a parte complicada. Falar coa costureira, conseguir os materiais, e transformar as nosas ideas en algo tanxible.

Canto tempo levan animando o Entroido?

Levamos participando no entroido de Foz dende 1998, polo que, salvando o parón do ano 2021, este será o noso 24 desfile no noso pobo.

Atopan todo o material necesario en Foz, ou nos concellos veciños?

Depende moito dos anos sempre intentamos buscar material preto, porque é máis cómodo se xorde algún problema, pero ovbiamente non é posible compralo todo aquí.

Que é o que máis lles gusta do Entroido?

Sería complicado escoller un momento exacto. Probablemente, como conxunto de comparsa o noso momento álxido sexa o desfile de Foz de principio a fin. Pero tamén desfrutamos moito do proceso ata chegar a el, de facer ensaios, os momentos nos talleres,... e do resto de actos do Entroido como as coplas, a queima, ou os desfiles doutros pobos.

Participan en máis Entroidos na Mariña ou noutras cidades?

En función do ano participamos nuns desfiles ou noutros. Os únicos constantes no tempo son o de Foz e o de Vilanova de Lourenzá. O primeiro por motivos obvios, e o segundo porque non coincide con ningún máis e durante anos foi o último da zona. Aínda así temos desfilado en Viveiro, San Cibrao, San Román, Cervo, Burela, Ribadeo, O Valadouro, Mondoñedo, A Caridá, Taramundi, Trabada, Vilalba, A Coruña, Lalín, e mesmo en Portugal, en Arcos de Valdevez.

Pode avanzar algo de como será este ano?

​A pregunta do millón e a nosa resposta máis repetida. Para saber algo do plan deste ano, invitámosvos o sábado 26 de febreiro, ás 17.00 horas a vir ao porto de Foz e desfrutar do Entroido.

0.16139483451843