Basilio Otero: “Debemos deixar que a xente medre dentro do sector”
José Basilio Otero Rodríguez renovou no seu cargo como presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores, FNCP, aínda que tamén é patrón maior de Burela.
Por Ana Somoza López.
Renovou no seu cargo xunto cos representantes das outras tres federacións provinciais. Que se sente?
Pois sinto moito agarimo e sobre todo quero agradecérllelo aos meus compañeiros. Xa son dúas lexislaturas ao fronte deste ente e ademais xa son moitos anos máis sendo patrón maior de Burela, dende o 2008. Iso quere dicir que fai ben o seu traballo e que a xente o aprecia. Si, pero non so a min, senón ao equipo que está comigo. Aquí non hai persoas, senón que somos un equipo. Por iso estou moi agradecido a todos eles pois repercute no éxito da Federación e na Confraría é o equipo.
A canta xente representa?
Como presidente da Federación Nacional represento a uns 9.000 barcos, 20.000 mariñeiros e armadores e unhas 200 confrarías.
En que punto se atopa o veto á pesca de fondo?
Neste momento estamos á espera da contestación por parte de Bruxelas ao recurso que foi presentado pola OPP-7 de Burela. Ademais a Xunta de Galicia anunciou recentemente que se se suma a este recurso como parte coadxuvante para intensificar o apoio. Respecto a este veto, o último que sabemos é que o ICES xa tiña que ter entregado un novo informe, o cal deixárono para o mes de xaneiro, polo que nos comunicaron a comisión fará unha serie de consultas coa frota e coas administracións.
Cales son os prazos?
A normativa europea, que non é nada parecida á estatal polo que din os xuristas, é lenta, e este tipo de recursos adoitan tardar uns 3 anos.
En que momento se atopa a pesca no Estado?
Fai uns días houbo un Consello de Ministros é volvemos cunha sensación agridoce polo tema da cotas. Foi moi bo para a pescada e, para a cabala, malia a baixada da cota desta última, xa que rematamos a multa pola sobre pesca que cada ano restábanos automaticamente máis de 5.500 toneladas. Dende logo houbo unha forte redución en tres casos, o primeiro no xurelo no Norte reducindo o TAC e prohibindo a pesca dirixida, segundo no descenso do 36% de cigala no golfo de Cádiz e terceiro na redución do 7% dos días de pesca no Mediterráneo.
E na comarca da Mariña?
No relativo a esta zona afecta sobre todo no tema de xurelo de dúas formas: aféctanos na redución tan drástica que houbo, e tamén na pesca dirixida. Aínda que sobre todo afecta no cerco de arrastre, palangre de fondo, volanta e artes menores. A estas catro con moitísima diferencia. Tamén foi moi bo resultado para a cabala, polo mencionado antes do tema da sanción, e para a pescada tamén houbo luces e sombras pois sube moito respecto ao ano pasado.
Cre que hai relevo xeracional no sector?
Sinceramente non, pois é moi difícil inculcarlle á xente nova este labor, pero tamén pola nosa culpa de non saber comunicar o que facemos e o bo traballo que é. Como din un compañeiro, hai que ser proactivos.
Hai formación para o sector?
Non. É un tema polo que si que temos que pelexar. Debemos dar unha formación que sirva e debemos deixar que a xente medre dentro do sector e abandonar tanto título universitario. Hai moi bos mariñeiros que por non ter o título non poden ascender malia ter centos de horas de práctica. Neste senso a nosa comunidade veciña, Asturias, é unha pioneira, pois contan cunha certificación por experiencia profesional.
Así un patrón local pode facer un exame oral é pode ascender. O problema é que as competencias están transferidas a cada comunidade, entón cada unha vai á súa maneira. Este modelo xa o copiou o País Vasco e Cantabria e é un éxito, e nós deberíamos ter algo similar pois somos a comunidade con máis frota de toda a Península. Ademais estás garantindo que alguén que xa sabes que lle gusta o mar siga no mar, pero con outras condicións e salarios.
Cal é o papel da muller neste sector?
A muller sempre estivo aí, o que fai falta é visibilizar o seu papel. De feito creamos o Grupo Ad hoc de mulleres dentro da Federación Nacional para isto, para darlles voz as centos de mulleres que non son socias das confrarías pero si son vitais como nais e cabezas de familia e isto hai que poñelo en valor. De feito en Galicia estamos a anos luz do resto do Estado, a integración que temos en aquí aínda está comezando noutras zonas da Península. Por exemplo no 2019, Manuela Leal, foi nomeada Patrona Maior da Cofraría de Pescadores de Conil de la Frontera, un cargo que aquí hai dende fai moitos anos. Este ano modificamos os estatutos para crear 5 vicepresidencias na Federación Nacional e unha delas é a da Muller, que está liderada por María del Carmen Navas, Patrona Maior de La Caleta de Vélez en Málaga, e é presidenta do Grupo Ad hoc de mulleres da FNCP.
Por que é importante comer peixe?
Son moitos os beneficios de comer peixe e marisco xa que conta con innumerables valores nutricionais. Ademais hai moitos estudos que amosan que produce serotonina polo tanto produce felicidade. O meu consello é que comamos todo o peixe que poidamos para estar sans e fortes e ser máis intelixentes e máis en Galicia onde dispoñemos duns produtos pesqueiros exquisitos.