Lucás López, Ether Viveiro: “É a edición post-confinamento e de reencontro co noso público“
Por Ana Somoza López.
Falamos con Lucas López, unha das cabezas visibles do V Festival Ether de Viveiro, que se celebra nos Xardíns Noriega Varela mañá 30 de xullo.
Quen ou quenes se atopan á fronte da organización?
A orixe do festival está en catro membros: Karras Martinez, DJ, produtor, dirección e comunicación institucional; Luis Coedo, contable e resonsable da parte económica do festival; Guille Vázquez, responsable da produción audiovisual e decoración do festival, e Lucas López, DJ, redactor e contratación de artistas.
Á parte dos membros principais, hai moitos colaboradores e traballadores sen os cales a celebración do festival sería imposible. Estou a falar de xente que edita vídeo e fotografía, encargados de redes sociais, responsables de actividades paralelas, colaboradores de loxística o día da celebración do festival, camareiros, etc. Hai moita xente por detrás que nos ofrece a súa axuda e iso é algo cuxo valor non se pode calcular.
Como empezou a aventura do festival?
A orixe remonta a antes de 2015, cando Karras xa estaba inmerso en proxectos dentro da industria musical. El estaba idealizando o desenvolvemento dun festival en Viveiro e o grupo de persoas que compoñen a actual equipa xa estaba implicada en proxectos con el. Consecuentemente, vendo o forte vencello que tiñamos os uns cos outros, e as diferentes motivacións que había no grupo, decidimos xuntarnos e a partir dese punto comezamos a traballar dedicando moitas horas ao festival, aprendendo moito no desenvolvemento de cada edición e xerando unha equipa moi unida. Foron momentos de moitas dificultades, mais mantemos a ilusión de traer para Viveiro os e as artistas que máis gostamos, ofrecendo unha alternativa de baile centrado na música electrónica que non existía.
Como xurdiu o nome?
A idea foi de Lucas. É o pequeno de tres irmáns e eles sempre traían discos de estilos moi diversos de música electrónica (Drum & Bass, IDM, Downtempo, Ambient, Trip-Hop...). En moitos destes estilos hai unha carga atmosférica bastante presente, o que sempre lle lembraba a unha especie viaxe espacial a través da música.
De aí xurdiu o nome, xa que para Platón o éter era o quinto elemento e do cal estaba formado o universo. Logo de debatir entre todos, decidimos engadirlle un “h”.
Cantas edicións van?
Ether 2022 é a 5ª edición. Oxalá poidamos seguir ofrecendo esta alternativa musical durante moitos máis anos na Mariña.
Como será a edición deste ano?
É a edición post-confinamento e de reencontro co noso público. Realmente afrontámola con moita enerxía, ilusión e gana de facer ben as cousas. Queremos ver a reacción do público e superar esta proba con boa nota. A edición do 2019 fora moi boa e a covid-19 obrigounos a suspender o festival durante dous anos. Neste sentido, queremos darlle á Mariña o fiestón electrónico que se merece despois dos sacrificios que todos e todas tivemos que facer. Vamos dar o mellor de nós mesmos.
Que novidades haberá?
Hai bastantes. Por primeira vez teremos connosco unha lenda viva da escena Techno e House internacional como é Mark Broom, que está vivindo unha segunda xuventude canto a sua carreira profesional. Tamén incorporaremos música urbana no festival da mán de Djs en cuxas sesións podemos escoitar de todo: Trap, Raggaeton, Amapiano, Makina... vamos, unha esmorga ao grande. Por último, será a primeira edición onde incluiremos merchandising, concretamente calcetíns.
Noutras edicións existía o Etherkids. En que consiste e estará este ano?
Este ano tamén contaremos cos Etherkids. Son actividades para achegar a música electrónica aos máis pequenos a través de actividades lúdicas. Por exemplo: hai actividades para aprenderen a manexar os equipos de DJ, realízanse manualidades e xogos, suben ao palco cos artistas, etc. Queremos que estean involucrados co festival e se sintan parte del.
Hai máis festivais deste tipo na Mariña ou na provincia?
Neste ano, creo que somos o único festival exclusivo de música electrónica da provincia. Iso non quere dicir que non se realicen ou programen festas deste tipo en todo Lugo.
En que destaca Ether ou en que se diferencia do resto?
Ether destaca por cinco aspectos: é un festival gratuíto, só traemos artistas relacionados coa música electrónica, hai paridade de sexos entre artistas, está localizado nunha vila histórica que conta con praias e montañas e as boas e pracenteiras temperaturas da Mariña lucense no verán son incomparables para os que foxen dunha calor abafante.
Lembrades a primeira edición. Algún momento que lembredes con especial agarimo?
O momento en que abrimos as portas por primeria vez ao público en 2015 no Casino de Viveiro.