Entrevista: “Cada vez máis xente quere acollerse á lei de segunda oportunidade”
Verónica Díaz é a xerente do despacho legal Díaz & Abad Abogados
Verónica Díaz é a xerente de Díaz & Abad Abogados, unha entidade con oficina no centro de Viveiro, concretamente na Travesía da Mariña 51, 3º planta e tamén en Mondoñedo na Rúa da Fonte 12. Estudou dereito en Oviedo e sempre pensou en fundar un despacho de avogados porque sempre pensou no servizo público e viu esta carreira e profesión por vocación.
Cando montaches o despacho de avogados Verónica?
Pois o pouco de acabar a carreira, tan só dous anos despois. Nun primeiro momento fun xuíz de paz por aquilo da vocación que tiña de servizo público. Posteriormente montei o despacho. Na actualidade compoñemos o plantel da entidade tres traballadoras. A maiores de isto temos colaboradores externos como son os peritos, arquitectos, peritos económicos, detectives privados así coma outros compañeiros especialistas en diferentes materias.
Díaz & Abad Avogados que servizos xurídicos presta ao público?
Temos unha gran parte da carteira de clientes que son empresas e temos outra gran parte que nos demanda solucións no referente ao dereito de familia que engloba entre outros casos: divorcios, separacións. No relativo á área civil levamos moitos casos relacionados con herdanzas como poden ser particións, facemos investigación patrimonial que consiste en rastrexar unha propiedade.
Fálanos de en que consiste esta investigación patrimonial.
Trátase dunha necesidade pola que acoden moitos clientes, por exemplo nas herdanzas, teus avós teñen unha finca pero non sabes cal ou como está a propiedade actualmente, nós a través dos datos que facilitan facemos a busca ata atopala. E incluso encargámonos unha vez enumeradas, se realizan os cadernos particionais e se non queren quedarse con elas lles buscamos compradores, tramitamos a venda e se lle entregan os cartos. Moitas persoas que están fóra que non van facer uso das fincas agradecen que lles realicen todos estes trámites. Moitas veces temos que pensar que unha finca en 30 ou 40 anos puido ter moitas modificacións entre a realidade catastro e a escritura, nós encargámonos da inmatriculacións de fincas e modificacións de fincas con moita frecuencia.
E nas empresas?
Con autónomos agora mesmo estamos tramitando moitas reclamacións de débedas e ultimamente estamos aumentando os trámites de concursos acredores. Cada vez temos máis autónomos que demandan este servizo xa que cada vez se dan máis casos nos que o empresario ten que regularizar a súa situación económica ben sexa acordando novos terminos cos acredores ou mandando a sociedade a liquidación porque non pode sobrevivir coa carga financeira que ten e o pouco activo de tesourería ou de inmobilizado. Cada vez máis, relacionado con estes problemas financeiros se achegan máis particulares demandando concurso de acredores, ou tamén chamado lei da segunda oportunidade.
En que consiste este concepto de lei de segunda oportunidade?
Pois por exemplo cando unha persoa asumiu demasiados gastos con tarxetas de consumo, con hipoteca e que ten unha baixada dos seus ingresos económicos queda endebedada e tramitamos un concurso de acredores. O particular fai un balance da súa situación económica, por un lado as débedas e por outro os activos que posúe, este sométese a un xulgado de primeira instancia e este media cos acredores para facerlle unha quita e unha espera se é posible. Tamén se pode facer ante notario sempre que teñan un acordo previo debedor e acredor. O que buscamos é facilitar á familia ou o particular un plan de pagos máis flexible a adaptado á flexibilidade dos ingresos actuais do debedor. Esta ferramenta axuda ás familias a saír adiante en situacións críticas.
A situación da covid-19 acrecentou este tipo de trámites?
Sen lugar a dúbidas, en moitos casos non é que se endebedaran máis do que podían ou estaban, senón que tiñan unha previsión de ingresos futura e esta modificouse substancialmente, ben sexa porque traballa menos horas, pasou a estar no paro, está en Erte, viu reducida a súa nómina por non ter os mesmos resultados que tiña antes da crise, etc.
Comentaches que prestabas servizos de detective privado, explícanos en que casos é frecuente recorrer a el.
É un recurso moi utilizado. Utilizámolo con moita frecuencia e efectivamente temos esa percepción das películas norteamericanas co obxectivo da cámara detrás da persoa que investiga, pero a verdade é que resulta tremendamente útil. En casos de familia por exemplo os pais poden ter inquedanzas sobre se os seus fillos, cando están coa outra parte logo dunha separación están ben aseados e coidados, se viven nun entorno correcto para a súa formación e crecemento, eles non teñen forma de que lles digan con certeza que os pequenos están ben, este servizo permite descubrir a verdade. Sirve tamén para defender unha modificación de medidas. Imaxina o caso onde a nai ou o pai, porque ten problemas coa drogadicción, cambia e non se comporta ben co neno pois tes unha persoa que pode certificar que viu certas situacións que non son as adecuadas para o menor e esta certificación axuda para ir ao xulgado a solicitar modificacións de medidas a favor da protección do menor. Ou no eido laboral é frecuente que os empresarios demanden este servizo para controlar que os seus traballadores cumpren as medidas e a normativa da empresa, por exemplo alguén que non está traballando no seu horario laboral ou que a fin de semana ou fóra de horario laboral fai tarefas pola súa conta e sofre un accidente, pois que este non sexa catalogado como accidente laboral, que a empresa non asuma esta responsabilidade.