Alfredo Llano: “As institucións públicas deben dar confianza e seguridade á poboación”

AMariñaXa
Falamos con Alfredo Llano é o alcalde de Burela de forma ininterrompida dende o ano 2015. Que explica o presente e o futuro do Concello
alfredo llano alcalde burela
7 Ago 2022

Por Ana Somoza López.

Alfredo Llano é o alcalde de Burela de forma ininterrompida dende o ano 2015.

Pode facernos un balance desta lexislatura?

Esta lexislatura que para nós comenzou en xaneiro do 2020, por erro nas mesas electorais, estivo moi condicionada pola dimensión da pandemia, pero fóronse logrando melloras globais para o Concello. Por exemplo acadamos ter unha débeda cero o mesmo tempo que contamos con un forte remanente que nos permitiu, e permite, a realización de obras e melloras que agrandan as posibilidades integrais de Burela. Pero si teño que destacar algo que nos defina é o achegamento da institución a toda a veciñanza. Eu penso que as institucións públicas deben ser fortes e representativas para dar confianza e seguridade á poboación.

De que proxecto se sente máis orgulloso?

Procuramos atender todas as nosas actuacións pensando sempre na compatibilidade co medio ambiente e procurando que o obxectivo sexa o ben común. Queremos unha Burela atractiva e funcional en todos os eidos. Queremos a máxima calidade nos servizos, e penso que se mellorou de maneira significativa na limpeza vial, recollida selectiva e punto limpo, no abastecemento e calidade da auga, con controles remotos para detectar fugas, nas instalacións deportivas, en parques e rúas, nos edificios públicos e na creación de novos de espazos de convivencia como os hortos urbanos, e a merca de solo dotacional pensando na construción de edificios para servizos públicos moi demandados como residencias, piscina, pavillón, aparcadoiros e outras. Hoxe tamén somos referentes no deporte, cultura, medio ambiente e seguridade

Que quedaría por facer de cara a este ano? Proxectos en marcha

O fundamental agora mesmo é a construción dunha nova EDAR, moi necesaria para garantir a calidade no tratamento e atender as necesidades actuais e futuras de Burela. Esta obra depende de Augas de Galicia e estanse dando os pasos (moi lentos) para o comenzo das obras.

E a longo prazo?

O importante é consolidar a Burela como un lugar idóneo para motivar proxectos de vida. Que sexa un motor socioeconómico e cultural para ofrecer oportunidades aos mais novos. Agora mesmo temos as características dunha pequena cidade, con bos servizos educativos, sanitarios, diversidade de comercios e negocios, praias e un porto pesqueiro moi importante. Debemos contar con vivendas suficientes para favorecer o incremento da poboación, neste senso estamos traballando para contar con mais vivendas de protección oficial.

E a nivel industrial, cales son os plans?

Aquí temos tradición industrial en explotación e tratamento de caolín (e no seu tempo industrias derivadas, como Gres Burela), fabricación de buques con estaleiros Armón o fronte dándolle categoría o sector, empresas de construción, auxiliares que abastecen a Alcoa e actividade pesqueira, turística, etc. O que debemos facer dende o concello é favorecer a actividade industrial atendendo ás necesidades que nos reclamen.

Cales serían as características e a definición deste Concello?

Temos unha superficie de 8.1 quilómetros cadrados e convivimos 43 nacionalidades.. A diversidade eleva o entendemento e favorece a convivencia. Somos un referente na pesca co mellor porto pesqueiro do litoral cantábrico, con unha lonxa que poxa mais de 100 especies cada día, coa merluza e co bonito dando categoría á gastronomía, e destacamos tamén a nivel internacional, polo fútbol sala feminino. Todo no seu conxunto dálle unha singularidade total a Burela.

Foron presentados os orzamentos recentemente. Que o máis destacado deles?

Este ano os orzamentos destacan nunha cuestión esencial: cero débedas. É a primeira vez na historia deste concello que non temos que pagar intereses nin capital a ninguén. Outra boa cuestión é o remanente acadado nos últimos anos que demostran unha xestión económica favorable. Unha parte deste remanente estase empregando en investimentos que mellorarán a funcionalidade e aspecto do noso pobo. Con case oito millóns de euros imos atender as necesidades deste concello, con unha dotación moi importante para servizos sociais.

Despois das patronais e da Castrexa, que foron un éxito. Que se espera deste verán? 

Este ano é a primeira celebración da Feira do Bonito coa cualificación de Interese Turístico Nacional. Esta edición está sendo moi importante para nós e queremos que sexa unha feira con moito atractivo gastronómico, cultural, artístico e social. É unha oportunidade de agrandar as posibilidades turísticas de Burela. Ademais coincidiu coa Feira Produart que é un escaparate de produtos ecolóxicos e artesanais, e co concurso internacional de pintura, Amarte, no muro do porto. Estes tres eventos simultáneos fan que o noso pobo sexa o epicentro da Mariña os días 5, 6 e 7 de agosto.

Para esas datas estará rematado un proxecto de arte, impulsado conxuntamente por varios colectivos, institución e asociación, que se denomina BURELA-IN e que está colocado na fachada da antiga conserveira. En pouco tempo rematarase outro proxecto artístico que será colocado na ponte de Adif da rúa Eijo Garay. En setembro agardamos a celebración do festival Osa do Mar, con un cartel impresionante da mellor música actual.

Burela é un Concello turístico da Mariña lucense, como se está a traballar neste eido?

“Este ano os orzamentos destacan nunha cuestión esencial: cero débedas. É a primeira vez na historia que non temos que pagar intereses nin capital a ninguén”

A Mancomunidade procura organizar paquetes e eventos turísticos que beneficien ao conxunto dos concellos. E moi bo pensar na Mariña como xeodestino turístico por que no seu conxunto ofrecemos unha diversidade infinita. Si a comarca vai ben, amosa que os concellos van ben. Burela, neste senso, colabora intensamente para favorecer un turismo que nos visite todo o ano, pensando sempre en ofrecer calidade e confianza.

Un desexo para este ano…

Que a veciñanza se senta satisfeita de vivir aquí, que o espírito de colaboración, solidariedade e convivencia segan a ser un indicativo claro de Burela, e que logremos construír un futuro que nos de confianza e seguridade compartindo a vida coa natureza en perfecta harmonía, hoxe moi necesaria.

Jornada Gregorio Sanz obradoiro comporrtamento nenos portada
1telescopio burela instalado
burela rio cobo obras asfaltado
0.13893103599548