Darío Campos: “A residencia faime moita ilusión e teño moitas ganas de abrila”
Por Ana Somoza López.
O rexedor pontenovés fala da vida no rural e dos proxectos de futuro
Darío Campos, rexedor da Pontenova e nado en Vilaodriz no 1965, ademáis de contar cunha gran traxectoria política é veterinario de profesión.
Cales son os principais atractivos do Concello?
Os principais reclamos turísticos son a mina, o río Eo e a natureza en xeral. É verdade que non temos ningún mosteiro pois somos un Concello relativamente recente con 120 anos de historia máis ou menos. E a verdade é que non temos tampouco catedral pero si que temos outras moitas cousas que fan do noso Concello un lugar para visitar. Contamos con rutas de sendeirismo, moita arquitectura popular sobre todo na parroquia de Bogo, tamén intentamos darlle valor á mina coa tirolina que estamos construíndo, e despois temos o río Eo que é un elemento vertebrador da Pontenova e que ten o seu encanto.
Que ten A Pontenova para facelo un bo Concello para vivir?
Unha das cousas que máis chama a atención é a tranquilidade que temos xa que se pode desfrutar da natureza nunha contorna algo urbana pero en pleno rural.
Teñen bastantes servizos para os veciños?
Contamos cun pouco de todo, é dicir, temos colexio, instituto e gardaría, fáltanos a residencia de maiores que esperemos estea terminada o ano que vén. Así que nese aspecto case temos todos os servizos necesarios para vivir ben e con tranquilidade.
Destaca algo en especial?
Eu sobre todo destaco o poder vivir con nenos nunha contorna así, é unha verdadeira gozada criar aos fillos nun ambiente así que podería ser na Pontenova ou en concellos similares. Ademais estamos moi preto de Lugo e da costa da Mariña lucense. É marabilloso ver que un pequeno con 12 anos por exemplo podan ir ao colexio solo, sen perigos. Esa tranquilidade non se paga con diñeiro.
Leva 15 anos á fronte do Concello, que destacaría do seu mandato?
Son bastante anos xa e estes últimos foron difíciles pola situación que estamos a vivir aquí e en todos os sitios. Pero destacaría a ilusión coa que traballamos sempre para mellorar a vida dos veciños.
Estes últimos anos foron difíciles de xestionar.
Si, pero nos seguimos mantendo un plan de inversión que contou cun maior gasto social pois houbo máis necesidade de axudar á veciñanza. Despois estivemos traballando nas mesmas liñas ou de forma paralela aos últimos anos e sobre todo coa mesma ilusión. Neste senso, estamos inmerso en dous grandes proxectos que creo que son importantes para A Pontenova como son o da tirolina e a residencia.
Que aspectos considera como veciño que se deben mellorar no rural?
É un pregunta complicada pero quizais habería que xerar traballo, ter iniciativas, ter ideas, ter máis medios... as veces parece que estamos acostumados a que as administracións nos solucionen todos.
A administración ten que poñer en marcha ideas e proxectos pero despois ten que ser a xente a nivel particular quen desenvolva e quen traballe esas ideas.
Que solucións considera que podería haber?
É difícil de contestar pero eu creo que é un tema social sobre os deberes e dereitos que temos cada un, xa que para vivir en sociedade hai que convivir e aportar. Alguén dixo unha vez: non preguntes que pode facer o teu país por ti, senón que podes facer ti polo teu país.
Quizais o problema que ten o rural é que non hai xente para traballar, non hai relevo xeracional, e son traballos tan dignos como outros que deron de comer a moita xente durante moitos anos.
Cre no futuro do rural?
Si, eu creo no rural. Non só para vir de vacacións senón para vivir nel. E ten oportunidades e hai traballo, quizais diferente ao que pretendemos pero hai traballos que facer. Eu tampouco non quero que nos regalen nada aos do rural senón que o rural temos que facelo nós.
Como está a ampliación do polígono?
En principio esta en tramitacion onde Xestur esta falando cos propietarios para mercar os terreos.
Atópase nunha nova fase que ocupará unha superficie de 10.313 metros cadrados e na que se habilitarán seis novas parcelas que ocuparán en total 5.140 metros cadrados. Tamén se definirán estruturas viarias e algo máis de 1.000 m2 de zonas verdes.
Unha obra moi importante que xa está en marcha é a residencia de maiores.
Si, é un servizo que a xente demanda e creo que funcionará moi ben. E necesario para nós, para os veciños da Pontenova pois hai moita xente que está vivindo nunhas condicións ás veces de soidade ou tristeza e incluso de descoido persoal como a xente que vive soa, e esta residencia podería serlles de gran axuda.
Dará emprego á veciñanza?
Si, dará traballo directamente a unhas 25 persoas e ademais creará indirectamente outros empregos e actividades económicas na vila como por exemplo os produtos de cociña que serán de proximidade.
Contará con moitas prazas?
Terá 30 prazas de residencia e 20 de centro de día e contará con dúas plantas, un semisótano e un ático e todas as habitacións estarán orientadas cara o río Eo.
Canto falta para poder vela aberta?
Esperamos que o ano que vén xa esté lista pois a contratación das obras xa está feita e estamos á espera do PIA de creación por parte da Xunta de Galicia, e espero que contesten na maior brevidade posible.
Falando dela nótaselle unha ilusión especial.
A residencia é unha cousa que a min persoalmente faime moita ilusión e teño moitas ganas de que chegue o momento de abrila. É un dos servizos, que a min como alcalde da Pontenova e desde o comezo do meu mandato, máis importante me pareceu e por iso sempre quixen sacala adiante.
Será moi importante pois hai moita xente que vive soa no rural e é unha forma de solucionar ou de mellorar a súa calidade de vida e por riba de estar preto da súa contorna e dos seus veciños.
E o proxecto da tirolina, que suporá para a vila?
A tirolina é outro gran proxecto do Concello e xa está case lista. Esta recrea o antigo funicular aéreo da mina e ten 330 metros de lonxitude e 50 metros de altura e unirá a mina Consuelo e o forno Boulloso. Xa se fixeron varias probas de baixada nela pero faltan detalles de última hora.
Cando se poderá facer uso dela?
Tanto a tirolina como a Mina Consuelo inaugúranse o venres día 28, así que xa se pode abrir a web de reservas que xa temos creada. Esta tirolina vai ser un reclamo importante non so para A Pontenova senón para toda A Mariña e para a provincia de Lugo.
Cal é o propósito de cara ao 2022?
Por suposto o primeiro é ter boa saúde e gustaríame que os veciños gozarán dun bo ano cargado dela pois os demais problemas xa se irán arranxando.
Hai algún proxecto municipal gardado no tinteiro?
Teño no tinteiro un proxecto importante que é o da Ferrería de Bogo que é quizais o elemento etnográfico máis importante da Pontenova. Ademais de ter varias igrexas conta cun edificio que data do século XV e gustaríame poñelo en valor pois sería un reclamo turístico moi bo. Ademais é un lugar bonito e será moi agradecido para visitar e para ver e sentir como era a ferrería. Estamos a punto de rematar o proxecto pero como é un edificio particular temos que mercalo e despois restauralo e facer unha concesión de servizos de turismo e etnográfico con diferentes proxectos de recuperación de terras. É un proxecto importante para o que haberá que buscar financiamento de fondos europeos ou dalgunha outra maneira.