A asociación Cabaleiros da Bidueira, referente do mundo ecuestre en Cervo
Por Amanda Fernández
Falamos con Adrián Domínguez, presidente da asociación Cabaleiros da Bidueira de Cervo, cuxa razón de ser é a paixón polo mundo ecuestre.
Cando se creou, por quen e que vos inspirou a crear a asociación Cabaleiros da Bidueira?
Creouse no 2023, foi un grupo de amigos aos que nos gusta o mundo do cabalo. O primeiro obxectivo foi crear unha pista, antes de facer a asociación, porque non tiñamos onde adestrar e andar ao seguro. Fixemos un proxecto e entregámolo ao Concello de Cervo, que o viu viable e seguiu para adiante ata facer a pista. Precisamente, no sitio no que se fixo a pista chámanlle A Bidueira, había instalacións deportivas e por iso o nome da asociación.
Cales foron os maiores retos que tivestes que afrontar nos primeiros pasos?
O maior reto foi cando fomos co proxecto da pista ao Concello, non sabiamos que podería pasar, xa que era un investimento bastante grande. Sentámonos co alcalde, ao que tamén lle gustan os animais e expuxemos o que queriamos facer e que non había unha pista así e pareceulle ben. Buscamos un sitio que fose bonito e céntrico e saiu na Bidueira, que é un complexo deportivo, ao lado. Grazas á axuda da Comunidade de Montes de Cervo, que o sitio era deles. Tivemos reunión co Concello e coa Comunidade de Montes e non deron ningún problema, pareceulles moi ben e cederon un cacho do terreo para a instalación.
A vosa paixón é o mundo ecuestre, que tipo de eventos ecuestres organizades na pista da Bidueira?
Cada ano organizamos unha ruta e unhas carreiras. A ruta é polo Concello de Cervo, destacando os lugares máis bonitos, anunciamos un cartel e vén xente de todo tipo de sitios. O primeiro ano fomos sobre 100 xinetes e xinetas, para ser o primeiro estivo moi ben. Foi en abril do 2024 e en setembro tivemos que suspender as carreiras por mor do mal tempo. Anteriormente, a asociación inaugurámola cunhas carreiras no 2023, foi en xullo o primeiro evento que fixemos. Apuntáronse sobre 120 cabalos e tanto as carreiras como a ruta, foron un éxito no noso primeiro ano.
Como foi a participación da comunidade nestas actividades? Considerades que hai paixón polo mundo ecuestre?
Notámolo moi ben, tanto o Concello como a Comunidade de Montes nos apoiou, entón é que a xente ve con bos ollos fomentar isto. No Concello de Cervo hai bastante paixón polos cabalos e nos arredores. O que pasa é que é un vicio bastante caro, non todo o mundo se pode permitir mercar o animal, ter o sitio... Se fose máis barato e accesible, habería moita máis xente. Cando fixemos as carreiras había moitísimas xente véndoo, non só de Cervo, tamén do Concello de Xove ou Burela.
Na pista da Bidueira imos adestrar, temos unha caseta para facer de comer, andamos pola mañá ou pola tarde cos cabalos... Quen queira ir pode, está aberta á xente de fóra, pode ir quen queira.
Como realizades a divulgación? Como chegades á veciñanza?
Coas redes sociais, principalmente, e acudindo a eventos que fai outra xente. En Xove, por exemplo, hai outra asociación, en Burela, outra, fan eventos como estes. Imonos coñecendo todos no mundo este e asistimos e asisten. Colgamos vídeos, imaxes dos premios, datas de carreiras, e a quen lle gusta, móvese.
Que proxectos ou eventos tedes previstos para este 2025?
Temos pendente facer reunión para determinar datas, pero imos facer ruta e carreiras. O ano pasado tivemos que anular as carreiras porque as fixemos en setembro e daba moi mal tempo. Entón, neste 2024, só fixemos rutas, pero a idea inicial era facer todos os anos unha ruta e unhas carreiras.
Como se poden sumar máis veciños á asociación ou colaborar con vós?
Na asociación somos agora mesmo sobre 11, comezamos 5, abrímola públicamente e foronse apuntando. Se alguén está interesado só ten que falar con nós, a través das redes sociais, por exemplo. A asociación está aberta para quen queira vir, canto máis sexamos moito mellor e a cota está en 50 euros anual.
Que significa para vós, como membros de Cabaleiros da Bidueira, poder compartir esta paixón coa veciñanza de Cervo?
Dar a ver o que nos gusta, todo este mundo, para nós isto dos cabalos é a nosa vida. Desde cativos temos esta paixón e queremos dar a ver o que de verdade custa todo isto e desfrutar. Para nós isto é sinónimo de desfrutar e procuramos que a xente tamén desfrute vendo todo isto.