Entregáronse as árbores froiteiras e autóctonas á veciñanza de Cervo
A rexedora de Cervo, Dolores García Caramés, e a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, fixeron entrega das árbores froiteiras e autóctonas aos veciños e veciñas que quixeron participar neste pedido conxunto, que dende o Concello se leva tramitando dende hai varios anos.
Tal e como apuntou Carmés no salón de actos, con iniciativas coma esta o que “pretendemos é abrir camiño á veciñanza para que as súas leiras sexan cada vez máis produtivas”.
O ter tramitado o pedido conxunto supón, ademais, “un importante aforro aos veciños e ás veciñas que solicitaron as árbores”, que nesta ocasión foron especies moi variadas: maceiras, pereiras, cerdeiras, castiñeiros, ameixeiras, pexegueiras, marmelos…
O número de exemplares entregados nesta ocasión foi de 145 árbores solicitados por unha vintena de veciños e veciñas.