Entréganse os diplomas ás persoas participantes no obradoiro 'Terras do Ouro 2023'
As persoas participantes no obradoiro de emprego 'Terras do Ouro 2023' reciben os seus diplomas. Unha iniciativa, que se levou a cabo durante o último ano nos concellos de Foz, Alfoz e O Valadouro. Participou na entrega o delegado territorial da Xunta, Javier Arias.
Arias sinalou que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou 535.500 euros ao financiamento desta iniciativa, promovida polos tres concellos. No programa participaron 20 persoas alumnas-traballadoras, que recibiron formación teórica e práctica en xardinería e conservación e mellora de montes.
“Os obradoiros melloran as competencias do alumnado en especialidades con boa saída laboral ao tempo que prestan un servizo público nos municipios que os acollen”, destacou o delegado territorial.
En relación aos traballos desenvolvidos, en Foz acondicionáronse as contornas do Pico do Castro, onde se creará un parque canino e unha zona de lecer, así como a área recreativa de Fazouro, o centro social A Saira en Nois e a antiga escola unitaria de Fazouro, entre outros espazos.
No caso de Alfoz, as actuacións centráronse na mellora das zonas das antigas escolas de Reirado, Bacoi, Carballido, Adelán, Pinguela, Oiras, O Pereiro e Chao.
Pola súa banda, no Valadouro, os traballos incluíron o acondicionamento dos xardíns do cemiterio municipal e a preparación dunha parcela anexa para convertela nunha nova zona verde. Tamén se realizaron melloras en espazos como os parques de Feira Nova e Concepción Arenal, no exterior da piscina municipal e na praza de Santa María, entre outros lugares.
Por último, Javier Arias subliñou que durante este mes están a comezar na provincia de Lugo 17 novos talleres de emprego, concedidos a través da convocatoria de axudas de 2024.