Entregan os premios da gran feira tradicional das San Lucas en Mondoñedo
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro achegouse a Mondoñedo para participar dos actos do día
grande das San Lucas. Alí, visitou o campo da feira onde se xuntan as grellas de cabalos das ganderías e participou na entrega de premios aos mellores animais e aos maiores grupos de cabalos na feira e na baixada tradicional que se celebrou na véspera. O responsable provincial destacou “a vitalidade e dinamismo da feira cunha tradición secular, que é motivo de orgullo para Mondoñedo e para todo o país, porque reflicte o pouso cultural e social de séculos de traballo arredor do cabalo e do monte”.
Valorou tamén “o compromiso das ganderías que participan na baixada tradicional e da organización coa continuidade das San Lucas”. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora coa organización das feiras cunha achega de 20.000 euros. As ganderías con maior número de cabezas de gando cabalar de monte na baixada tradicional foron Xan das Bouzas, Javier Ares de Abadin e Tania Pérez, mentres que as con grupo maior de 20 cabezas non baixadas ao xeito tradicional foron as de
Abel Sánchez e Gasalla. Os premiados ao Mellor Cabalo de Pura Raza Galega foron Diego Terrón con Xunco e Adrián Mariño Domingo de Boimente e no caso de Mellor Cabalo de Pura Raza Arabe resultaron gañadores Noa Doce Romero e Francisco Arias.
Pola súa parte, o Mellor Cabalo de Pura Raza Española foi para Andrés Veiga con Chocolate e no caso de Mellor Cabalo de Silla premiaron a Kika Basila con Medlot e a Ana Acevedo Iglesias con Sera. Como Mellor Cabalo de Tiro gañaron Alfonso Ortega con Rayo e Carlos Fraga con Luna. O premio de mellor burro foi para Andrés Veiga con Platero e Juan Jamardo con Marina. Gabriel Rojo con Pichón e Fernando Rouco con Careto fixéronse co Mellor Poldro Nado en 2024.