Entregan diplomas ao alumnado da Escola de Maiores de Xove

AMariñaXa
Logo da entrega de diplomas tivo lugar unha comida de confraternidade entre todos os alumnos e a profesora
escola_maiores_xove
22 Xuño 2024

Entregan en Xove os diplomas aos alumnos e alumnas que este ano participaron na Escola de Maiores, que imparte a educadora familiar do concello, Angélica Casabella Quelle, dende fai máis de 20 anos. A entrega tivo lugar no salón de plenos do Concello da man de Tamara Soto, concelleira de Servizos Sociais e de Dolores Meitín, tenenta de alcalde, nun acto moi emotivo e de agradecemento á profesora.

Logo da entrega de diplomas tivo lugar unha comida de confraternidade entre todos os alumnos e a profesora, e tamén coa asistencia do alcalde Demetrio Salgueiro, que agradeceu enormemente a dedicación e profesionalidade de Angélica durante todos estes anos dirixindo esta Escola. A escola botou a andar no ano 2002 e seguiu funcionando de forma ininterrumpida cada ano e sempre con moita afluencia de alumnos e alumnas; sendo, ademais, a pioneira de todas as Escolas de Maiores de Galicia e a partir da cal xurdiron a posteriori todas as demais.

O curso, de 25 alumnos este ano, iníciase en outubro e dura ata xuño, coas suas pertinentes. Ten 8 sesións ao mes, repartidas en 2 cada semana dunha duración de hora e media cada sesión. Angélica Casabella encárgase de impartirlles todas as materias, que a maiores compleméntanse cun taller de memoria que se realiza durante todo o mes de xullo a razón de 3 horas semanais.

Tamén nela lévanse a cabo ao longo do curso dúas viaxes de tipo cultural para coñecer Galicia ou mesmo algunha localidade limítrofe. Para estes alumnos tamén se organizan charlas que poden ser do seu interese como por exemplo seguridade cidadá ou educación viaria.

0.1937940120697