Entregados os premios 'Mellor recuncho' de Mondoñedo
O salón de plenos do Concello de Mondoñedo acolleu esta fin de semana a entrega de premios do V Concurso de Fotografía O Mellor Recuncho de Mondoñedo. O gañador deste evento foi María Sol Piñeiro Requeijo. seguida de Marcos Candia Cuba e Lucía López
Estes recibiron do Concello un agasallo consistente na Guía Literaria Cunqueiro e Mondoñedo de Armando Requeixo; a obra Versos Fideis que recolle aos galardoados no certame literario Díaz Jácome dende o ano 2000 ata o 2018; un exemplar do calendario do ano 2021, unha libreta, lapis e bolígrafo da Casa Museo Álvaro Cunqueiro e unha pulseira de Mondoñedo.
Ademais destes agasallos recibiron un diploma conmemorativo.
Asistiron á entrega Elena Candia López, primeira Tenente de Alcalde; Alberto García Fernández, concelleiro de Cultura, e María Patricia Otero Doural, concelleira de Camiño Norte.
CALENDARIO
Neste acto fíxose, á súa vez, a presentación oficial do Calendario de Mondoñedo do ano 2021, que recolle parte das imaxes do concurso de fotografía, así como as tres imaxes gañadoras.
Este almanaque, no que se poden ver recunchos de todo o Concello de Mondoñedo, é gratuíto e poderá recollerse na Oficina de Turismo a partires do día 2 de xaneiro de 2021.
A entrega será dun exemplar por unidade familiar e terán preferencia na mesma aquelas persoas con primeira residencia en Mondoñedo.