Entregados os premios dos concursos on line do confinamento do Concello de Foz
O Concello de Foz procedeu á entrega dos premios correspondentes aos concursos on line de debuxo, fotografía, poesía e relato curto promovidos durante o confinamento.
“Fixéronse varias quendas, de forma que as veciñas e veciños do noso concello, especialmente os máis cativos, tiveran unha oportunidade de distraerse e fomentar hábitos culturais que nos parecen moi saudables, como son as artes plásticas e a escritura. Quedamos moi satisfeitos pola boa acollida e esperamos poder repetir esta iniciativa, iso si: noutras circunstancias completamente distintas”, explicou o alcalde de Foz.
Fran Cajoto engadiu que “os agasallos consisten en vales de compra para mercar no comercio local. Neste sentido hai que agradecer a colaboración da ACIA de Foz e especialmente a achega de Xaora Fotógrafos, patrocinadores íntegros do concurso de fotografía”.
Ademais do alcalde, na entrega de premios estiveron presentes o concelleiro de Educación e Cultura, Héctor Moris; e a xerente do Centro Comercial Aberto de Foz, Ana Segade.