Entregados os premios do XV Certame Fotográfico Cervo Respecta

AMariñaXa
O Concello recoñeceu as mellores imaxes presentadas e agradeceu a participación cidadá e o compromiso co medio ambiente
XV-certame-de-fotografia-Cervo-Respecta-2025
6 Jul 2025

A Casa da Cultura de Cervo foi o escenario da entrega de premios do XV Certame de Fotografía “Cervo Respecta”, unha iniciativa promovida pola área de Medio Ambiente para poñer en valor a natureza, a paisaxe e a sensibilidade ecolóxica a través da arte visual. O acto contou coa presenza da concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, e do edil Alfredo Fernández, que fixeron entrega dos galardóns.

O primeiro premio foi para Diego Pérez Dopico pola súa instantánea “Banco de Loiba”, unha imaxe que capta a inmensidade da costa e a beleza do litoral galego desde unha das localizacións máis emblemáticas da Mariña. O segundo galardón recaeu en Germán Paleo Navarro, pola obra “Bolboretas: sementadoras de vida”, que convida á reflexión sobre o papel esencial dos insectos na conservación do ecosistema.

O premio especial TOP CERVO foi outorgado á fotografía “Ruínas”, de Consuelo Fra Fernández, mentres que a obra “Paz”, de Marcial Fernández, foi tamén destacada polo xurado.

Durante a cerimonia, o Concello quixo render unha mención especial ao colectivo Adaoemam A Mariña, “por ser sempre tan participativo en todas cantas iniciativas se promoven desde a administración local”. Un recoñecemento ao compromiso constante coa cultura e co medio ambiente.

Dende a organización agradeceron a participación de todas as persoas que concorreron ao certame, un total de 27, e destacaron a calidade e a variedade das propostas presentadas. “Cada edición é unha nova oportunidade para ver o mundo con outros ollos e seguir sensibilizando a través da fotografía”, sinalaron dende a concellería.

⚙ Configurar cookies
0.15825605392456