Entregados os premios do XI Cervo Respecta
A concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, fixo entrega dos premios do concurso fotográfico “Cervo Respecta 2021”, na súa XI edición.
O gañador do primeiro premio, Juan Barreiro grazas á súa obra “Blessed”, que acadou 51 puntos, non puido recoller o premio de xeito presencial por motivos laborais, polo que se lle foi enviado por correo.
En segunda posición situouse a fotografía “Reflexos do Faro” tomada por Emilio Pérez, natural de Xove, que sumou un total de 50 puntos, e que ademais, tamén logrou o premio Top Cervo, co mellor retrato dalgún punto do noso municipio.
Nesta edición do concurso participaron un total de 41 instantáneas que loitaban por acadar un dos tres premios que había en xogo: un primeiro e un segundo premio, ademais do Top Cervo, que se entrega á mellor fotografía tomada nalgún punto do termo municipal. Os premios compóñense de figuras de Sargadelos.
A concelleira, Mali Méndez, quixo apuntar que “estivemos agardando para que o gañador do primeiro premio puidera vir recoller o primeiro premio de xeito presencial, pero finalmente non se deron as circunstancias e llo tivemos que facer chegar por correo”.
O que si acudiu presencialmente foi Emilio Pérez, gañador do segundo premio e do galardón Top Cervo, ao que Méndez felicitou e animou a seguir participando nas seguintes edicións do concurso fotográfico.
A delegación de Medio Ambiente xa está a preparar unha nova edición do certame “Cervo Respecta” que sairá á luz na primavera de 2022.
A edil declarou: xa estamos a ultimar os detalles para unha nova edición deste concurso, máis que consolidado despois da súa undécima edición, co que pretendemos poñer en valor o noso patrimonio natural e promover a concienciación medioambiental entre a poboación”.