Entregados os premios do Certame de Poesía Infantil Nadal 2024 de Cervo

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, presidiu na Casa do Concello a entrega de premios do Certame de Poesía Infantil Nadal 2024-25, un concurso que busca fomentar a creatividade literaria entre os máis pequenos e promover o gusto pola poesía desde idades temperás.
Nesta edición, resultaron gañadoras na fase local Lily Fernández López, de 8 anos, e Xela Fernández Fernández, de 11 anos, quen destacaron cos seus traballos entre as diferentes propostas presentadas. Ambas as dúas recibiron un diploma acreditativo e un lote de libros como recoñecemento ao seu talento e esforzo.
A alcaldesa felicitou ás premiadas e quixo agradecer a participación de todos os nenos e nenas que enviaron os seus poemas, subliñando a importancia de incentivar a expresión artística e literaria na infancia.
Os traballos galardoados foron remitidos á Biblioteca Pública de Lugo, onde competirán na fase provincial do certame, contando co patrocinio da Consellería de Cultura. Este certame constitúe unha oportunidade para que os nenos e nenas da comarca dean a coñecer as súas composicións a nivel máis amplo, reforzando así a súa paixón pola literatura.
Desde o Concello de Cervo anímase a seguir participando en futuras edicións deste concurso, consolidado xa como un referente na promoción da poesía infantil na comarca.